- ANTECEDENTES
O día 30 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Planificación e Mellora da Secretaría Xeral da Igualdade, que achega o proxecto de resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2003. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “todas as CCAA ratificaron de común acordo o documento final de Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que no seu eixo 3 recolle de maneira específica medidas para “o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas” e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sobren violencia de xénero.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente Resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás Entidades Locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 31 de marzo de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 10 de febreiro de 2023 (Ditame 2/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.
Respecto á resolución para o ano anterior, unicamente cómpre destacar o seguinte do novo proxecto para o ano 2024:
En canto ao financiamento, obsérvase un incremento no crédito asignado, que pasa de 2.224.016 a 2.500.000€ (artigo 2).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024” consta de: exposición de motivos, trinta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 20 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
|
DITAME 42/2023
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2004”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2023 , acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Obsérvase o emprego das letras “j” e “k” na enumeración do artigo 25.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, respecto desta consideración, ten feito referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Ademais, considera que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Ademais, as ditas disposicións deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 3. Contía da subvención.
O apartado 3 deste artigo establece que non se consideran subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Este comité considera que procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 40.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ó dito programa segundo o criterio recollido na Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.
Segunda.- Artigo 6. Persoas destinatarias finais.
O último parágrafo deste precepto esixe que a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou á data de contratación.
Este Comité considera ese prazo de 24 meses moi escaso, tendo en conta a a realidade destas mulleres que se incorporan ao mercado laboral tras superar unha situación de violencia de xénero. Hai que ter en conta, ademais, que pode tratarse de persoas con pouca formación ou que perderon experiencia laboral, polo que se propón que o devandito prazo sexa, como mínimo, dos 36 meses anteriores.
Terceira.- Artigo 8. Selección das traballadoras.
Segundo o apartado 1 deste artigo: “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta”.
Á vista de que as beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución son entidades públicas e tendo en conta, ademais, o colectivo de que se trata, este Comité considera que se debería eliminar o termo resaltado en cursiva de xeito que a redacción sexa a seguinte: “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución contactarán coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta”.
Cuarta.- Artigo 9. Contratación das traballadoras.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo, segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.
Quinta.- Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes.
Este artigo fixa o prazo de presentación das solicitudes nun mes desde a publicación da norma.
Este Comité considera que se trata dun prazo escaso, tendo en conta que se trata dun procedemento de concorrencia non competitiva e que, ademais, a norma permite que poidan formalizarse contratos ata setembro de 2024. Polo tanto, proponse a ampliación do dito prazo.
Sexta.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1.c. establece a obriga de aboar ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.
Este Comité considera que se debería especificar que se trata dos salarios que lles correspondan conforme ao Convenio Colectivo de aplicación.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
Artigo 3. Contía da subvención.
As organizacións sindicais consideran que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.