- ANTECEDENTES
O día 24 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Planificación e Mellora da Secretaría Xeral da Igualdade, que achega o proxecto de resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “todas as CCAA ratificaron de común acordo o documento final de Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que no seu eixo 3 recolle de maneira específica medidas para “o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas” e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sobren violencia de xénero.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente Resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás Entidades Locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario”.
Ao tratarse dun proxecto novo non hai orde nin ditame anterior.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 1, a resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
A súa finalidade é a de contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
O artigo 2, destina ás subvencións obxecto da convocatoria un crédito por importe total de 1.424.016 euros.
O artigo 3 establece que a contía da subvención será destinada a sufragar durante o período de contratación, as retribucións brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
Segundo o artigo 5, poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022” consta de: exposición de motivos, trinta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 1 de decembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
|
DITAME 60/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2021 , acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
Obsérvase que no último parágrafo da exposición de motivos fai unha referencia xenérica aos informes preceptivos que se obtiveron.
Este Comité propón que, tal e como acontece na ordes que rexen a convocatoria doutras axudas da Consellería de Emprego e Igualdade, se especifique no dito parágrafo que o Consello Galego de Relacións Laborais foi consultado.
Segunda
Este Comité propón corrixir a referencia que o artigo 6.2.6º fai, erroneamente, á Inspección de Traballo e da Seguridade Social, xa que o correcto é referirse á Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Ademais, considera que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Ademais, as ditas disposicións deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 6. Persoas destinatarias finais.
O último parágrafo deste precepto establece esixe que a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou á data de contratación.
Este Comité considera ese prazo de 24 meses moi escaso, tendo en conta a a realidade destas mulleres que se incorporan ao mercado laboral tras superar unha situación de violencia de xénero. Hai que ter en conta, ademais, que pode tratarse de persoas con pouca formación ou que perderon experiencia laboral, polo que se propón que o devandito prazo sexa, como mínimo, dos 36 meses anteriores.
Segunda.- Artigo 7. Requisitos da contratación.
O apartado 1.b) deste artigo fixa en 4 meses a duración mínima dos contratos polos que se concede a subvención.
Este Comité considera que a duración mínima debería incrementarse ata os 6 meses para que as mulleres contratadas ao abeiro destas axudas dispoñan dun mellor acceso á prestación por desemprego tendo en conta, ademais, o colectivo do que se trata.
Terceira.- Artigo 8. Selección das traballadoras.
Segundo o apartado 1 deste artigo: “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta”.
Á vista de que as beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución son entidades públicas e tendo en conta, ademais, o colectivo de que se trata, este Comité considera que se debería eliminar o termo resaltado en cursiva de xeito que a redacción sexa a seguinte: “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución contactarán coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta”.
Cuarta.- Artigo 9. Contratación das traballadoras.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo, segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.
Quinta.- Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes.
Este artigo fixa o prazo de presentación das solicitudes nun mes desde a publicación da norma.
Este Comité considera que se trata dun prazo escaso, tendo en conta que se trata dun procedemento de concorrencia non competitiva e que, ademais, a norma permite que poidan formalizarse contratos ata setembro de 2022. Polo tanto, proponse a ampliación dito prazo.
Sexta.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
O último inciso do apartado 1.c) deste precepto recolle a obriga, para as entidades beneficiarias, de asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.
Este Comité propón eliminar o dito inciso xa que chama a confusión respecto das responsabilidades das entidades, independentemente de que lles sexa concedida a subvención.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
Artigo 3. Contía da subvención.
As organizacións sindicais consideran que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.