Ir o contido principal

Ditame 47/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea e se regula o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (REGELA).

I. ANTECEDENTES

O día 7 de decembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de decreto polo que se crea e se regula o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (REGELA). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Real Decreto 396/2006 do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, establece no seu artigo 16 que o empresario garantirá unha vixilancia axeitada e específica da saúde das persoas traballadoras en relación cos riscos por exposición ao amianto; asemade, no seu artigo 18 establece que esta vixilancia da saúde debe ser documentada mediante fichas para o rexistro de datos sobre a vixilancia sanitaria específica da poboación traballadora e que as ditas fichas deberán ser remitidas polo persoal médico responsable da vixilancia sanitaria á autoridade sanitaria do lugar onde a empresa estea rexistrada antes do final de cada ano.

En virtude do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, creouse a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, coa finalidade de identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilitar o seu control, xa sexa con medidas individuais ou colectivas e, ao amparo do dito decreto, créase o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (en diante REGELA), que polo tanto, forma parte da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Na sociedade galega existe unha poboación traballadora exposta laboralmente ao amianto en empresas rexistradas en Galicia no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA), son as persoas “expostas” e outra poboación tamén traballadora actualmente que estivo exposta ao amianto no pasado, en empresas rexistradas entón no RERA, son as persoas “postexpostas activas”. Por último, existe outra poboación que xa non traballa, que ten a súa residencia actual en Galicia e que estivo exposta ao amianto en empresas galegas ou de fóra da comunidade, serán as “postexpostas inactivas”.

Este proxecto é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido cómpre destacar o seguinte:
A finalidade do REGELA é coñecer e xestionar os datos de carácter sanitario e laboral da poboación incluída no ámbito de aplicación deste decreto, cos fins que se relacionan no seu artigo 3.
Esta norma regula dous procedementos: o primeiro é a notificación á autoridade sanitaria das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto (artigo 6). Cando unha persoa exposta ao amianto ou postexposta activa cesa a súa relación laboral coa empresa na que tivo lugar a dita exposición, a persoa titular da empresa deberá notificar ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia, o seu cese como persoa traballadora, cun máximo dun mes de demora desde o momento de producirse dito cese.

O segundo dos ditos procedementos é o de alta/modificación no Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto –REGELA- (artigo 7). As persoas que teñen a súa residencia en Galicia, estivesen expostas ao amianto en algún momento da súa vida laboral e non se atopen inscritas no REGELA, poderán presentar unha solicitude de alta no dito rexistro. Tamén poderán facelo aquelas persoas que, estando inscritas no mesmo, queiran modificar a súa inscrición.

O capítulo IV deste proxecto regula o funcionamento do REGELA. Así, o artigo 12 recolle os criterios de inscrición no dito rexistro e especifica que se asentarán nel os datos remitidos a través dos dous procedementos xa referenciados e das notificacións de vixilancia da saúde, así como aqueles datos xa existentes nas administracións sanitarias.

O artigo 17 establece a obriga do persoal sanitario dos servizos de prevención responsables da vixilancia da saúde (das persoas incluídas no ámbito de aplicación deste proxecto) de notificar os datos para completar este rexistro.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que e crea e regula o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (REGELA)” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, unha disposición transitoria, unha disposicións adicional e dúas disposicións finais.

O día 28 de decembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 47/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea e se regula o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (REGELA), con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de decembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Obsérvanse numerosos erros ortográficos e lingüísticos ao longo do proxecto normativo:

-Uso abusivo das barras, por exemplo: dos/as traballadores/as ou polo/a médico/a (exposición de motivos), dos/as médicos/as (artigo 3), traballadores/as postexpostos/as inactivos/as (artigo 20) entre outros, que se considera non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
-O artigo 2.2 fala da “exposición laboral a fibras de amianto ou de materiais que o conteñan” en vez da “exposición laboral a fibras de amianto ou a materiais que o conteñan”.
-No apartado 3.2 emprégase un símbolo inexistente.
-Emprego do masculino xenérico no artigo 13: “os falecidos”.
-Emprego da expresión “para elo” que non é correcta e debería ser substituída por “para iso” (artigos 4, 5 e 7).
-Obsérvase o uso de expresións impropias nun texto xurídico, como “pode suceder que” no artigo 12.3 ou “cando se teña noticia” no artigo 13.
-Erro no emprego do pronome reflexivo “se” no artigo 12.4.
-No artigo 13 faise referencia ao “ano no que se produzo o feito” en vez do “ano no que se produciu o feito”.
-Obsérvase un erro de concordancia de número no artigo 18 ao falar de “centros autorizado”.
Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.
- Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Ademais, estas disposicións non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enuncialas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Este Comité entende que sería oportuno que no REGELA se contemplase, como obxecto de necesario rexistro, a aquelas persoas traballadoras probablemente expostas ao amianto, por desenvolveren o seu traballo contratadas por empresas non inscritas no RERA. Pode ser o caso de empresas, ou persoas autónomas, dedicadas ás reformas, que fosen subcontratadas de feito por empresa principal (loxicamente, inscrita no RERA) para realizar distintos traballos ou partes da obra.

Dada a razoable sospeita de que estas persoas puideran ter estado expostas, deberíase contemplar neste Decreto a habilitación do seu rexistro no REGELA, cun protocolo de vixilancia da saúde que pode non ser necesariamente tan exhaustivo como o previsto en xeral, pero que debe contar con garantías suficientes para detectar a aparición temperán das patoloxías asociadas a aquela exposición.

A este respecto, o previsto no artigo 2.2 deste proxecto de Decreto pode resultar insuficiente, na medida en que o seu exercicio ten carácter meramente voluntario para a persoa traballadora probablemente exposta, a quen se lle obriga, ademais, a acreditar documentalmente a súa exposición laboral a fibras de amianto ou a materiais que o conteñan.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 6. Notificación á autoridade sanitaria das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onte tivo lugar a exposición ao amianto. Procedemento SA 600A.
Neste artigo establécese a obriga do responsable ou persoa titular da empresa de notificar ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia o cese da persoa exposta ou postexposta no prazo dun mes desde o momento do cese.

Aos efectos de evitar a introdución de novas obrigas empresariais e tendo en conta a necesaria simplificación administrativa, a CEG considera que se debería arbitrar un procedemento en colaboración coa Seguridade Social para coñecer con carácter periódico os ceses das persoas traballadoras rexistradas.

Número ditame
47