Ir o contido principal

Ditame 20/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (premios RSE Galicia).

I. ANTECEDENTES

O día 11 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (premios RSE Galicia). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Xunta de Galicia ten instituídos por Decreto 156/2014, do 4 de decembro, os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia como maneira de poñer en valor e recoñecer publicamente o labor daquelas empresas que adoptan principios e prácticas de responsabilidade social na súa xestión.
Segundo a exposición de motivos, o obxectivo da modificación deste Decreto é o de enfocar estes premios para que a valoración da empresa premiada o sexa dunha maneira integral nesta materia, así como dar recoñecemento público a aquelas iniciativas e boas prácticas desenvolvidas polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos (laboral-económico, ambiental, e/ou de acción social ) da RSE.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do Decreto 156/2014 (publicado no DOG o día 18 de decembro de 2014) e o ditame emitido polo Consello con data 3 de setembro de 2014 (Ditame 24/14), obsérvase que se tiveron en conta moitas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Engádese unha segunda modalidade dos premios para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social (exposición de motivos, artigo 1.1 e 1.4).

En canto á modalidade xeral, que era a única recollida no Decreto 156/2014, obsérvase que os catro ámbitos empresariais a valorar pasan a ser tres, aínda que recollen o mesmo contido anterior (artigo 1.4).

Por outra banda, xa non se prevé a periodicidade anual dos premios (que establecía o artigo 2 do Decreto).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se modifica o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (premios RSE Galicia)” consta de: Exposición de motivos e un artigo único.

O día 3 de setembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 20/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (premios RSE Galicia), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de maio de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Este Comité observa que a denominación dos premios como “Premios RSE Galicia” non é coherente coa denominación que figura no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira. Artigo 1. Obxecto e modalidades.
Este Comité considera que este precepto debería constar de dous parágrafos, de xeito que a súa redacción quedara como segue: “Os premios RSE Galicia están destinados a recoñecer publicamente e premiar a aquelas empresas que nos seus sistemas de xestión, implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial.
Contarán con dúas modalidades, unha de carácter xeral, cun premio á excelencia en materia de RSE para aquelas entidades nas que a súa actividade empresarial poida considerarse como un exemplo integral nesta materia, e unha segunda modalidade, para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social”.

Segunda.- Artigo 4. Modalidades.
O apartado 1 deste artigo recolle os ámbitos nos que se valoran ás empresas que optan aos premios na súa modalidade xeral e inclúe, no apartado b), o ámbito medio ambiental.

Este Comité considera que se debería ampliar o contido do devandito ámbito. Por unha banda, debería especificarse que se terán en conta aspectos relativos ao impacto ambiental positivo e á redución do impacto negativo que xera a empresa na súa actividade. Por outra banda, deberían enumerarse algúns deses aspectos a título exemplificativo, como a eficiencia no consumo, a xestión e redución de residuos, o deseño e ciclo de vida dos produtos, a influencia sobre a biodiversidade ou o fomento do transporte colectivo.

Terceira.- Artigo 5. Categorías.
Segundo este precepto, “os premios RSE Galicia (...) contarán con tres categorías”.

Este Comité propón que a referencia non se faga aos premios RSE Galicia, senón que se especifique que se trata do premio e as mencións.

Cuarta.- Artigo 6. Xurado.
No apartado 4 deste artigo, proponse substituír a coma por un punto para mellorar a redacción:
“na composición do xurado procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres. Dita composición e o seu funcionamento concretaranse mediante a orde de convocatoria do premio”.

Quinta.- Artigo 7. Xestión e concesión e retirada.
Segundo o apartado 3 deste precepto: “así mesmo, ante incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade a outorgarse o premio correspondente, mediante a apertura e tramitación dun expediente, a Consellería competente en materia de emprego e relacións laborais poderá resolver a retirada de dita distinción”.

Este Comité considera que, para unha mellor redacción, debería modificarse a colocación da frase en cursiva como segue: “así mesmo, ante incumprimentos graves das empresas galardoadas coñecidos con posterioridade a outorgarse o premio correspondente, a Consellería competente en materia de emprego e relacións laborais poderá resolver a retirada de dita distinción mediante a apertura e tramitación dun expediente”.

Sexta.- Artigo 7. Xestión e concesión e retirada.
O apartado 3 deste artigo fai referencia a incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade a outorgarse o premio.

Este Comité considera que é preciso especificar que debe entenderse por un incumprimento grave.

Sétima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común.

Número ditame
20