Ir o contido principal

Ditame 3/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2018 (Premios RSE Galicia 2018).

I. ANTECEDENTES

O día 15 de febreiro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2018 (Premios RSE Galicia 2018). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Estes Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia regúlanse mediante o Decreto 135/2018, do 4 de outubro.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 29 de xuño de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de maio de 2016 (Ditame 3/16) obsérvase que, das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, soamente se tivo en conta unha de carácter formal.

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

A principal novidade deste proxecto consiste en que a valoración da empresa realízase dun xeito integral nos tres ámbitos: laboral-económico, ambiental e de acción social (artigo 4).

Respecto da Orde anterior, suprímese o ámbito de conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero. Pero algúns dos aspectos que eran obxecto de valoración (como aplicar unha igualdade retributiva) téñense en conta agora dentro do ámbito laboral-económico. Ademais, regúlase unha Mención á Conciliación para distinguir iniciativas empresariais que propicien a conciliación laboral, familiar e persoal.

Obsérvase a supresión de varios dos criterios de valoración que eran tidos en conta na orde anterior (artigo 10), como o alcance xeográfico dos proxectos ou o seu grao de implantación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2018 (Premios RSE Galicia 2018)” consta de: Exposición de motivos, trece artigos e unha disposición final.

O día 4 de marzo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN. de CC.OO. de Galicia.

DITAME 3/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2018 (Premios RSE Galicia 2018) da Consellería de Economía, Traballo e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de marzo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.
Este Comité reitera as consideracións que non se tiveron en conta formuladas no ditame 20/2018, respecto do proxecto de Decreto polo que se institúen os premios RSE Galicia, e solicita a modificación do devandito decreto.

Segunda.
Este Comité considera que, para a súa mellor comprensión, a denominación RSE Galicia debería transcribirse como Responsabilidade Social Empresarial Galicia, polo que propón a súa substitución ao longo do proxecto normativo.

Terceira.
Este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva ao observar erros como o seguintes:
-O emprego do masculino xenérico no artigo 11 “ao interesado”.
-O uso das barras no artigo 9: “un/una funcionario/a” cando, ademais, as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
-A referencia ao Conselleiro no artigo 11 en lugar de “a persoa titular da Consellería”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Artigo 3. Tipoloxía de premios.
Este precepto establece que o Premio á Responsabilidade Social Empresarial contará con tres categorías: pequena, mediana e grande empresa, sen especificar o número de persoas traballadoras que debe ter unha empresa para ser considerada nunha ou noutra categoría.

Este Comité considera que se debería trasladar ao texto da orde o previsto no artigo 5 do Decreto 135/2018 polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia, no que se especifica o número de persoas traballadoras que corresponde a cada categoría.

Segunda.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
Segundo o apartado 1.1.b), o xurado terá en conta a implantación de medidas para a redución do número de accidentes de traballo mortais.

Este Comité considera que a referencia debería facerse ao número de accidentes de traballo e suprimir, por tanto, o termo “mortais”.

Terceira.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
O apartado 1.1.e) valora o feito de contar cun plan de igualdade.

Este Comité propón que esa previsión se substitúa pola seguinte: “Contar con medidas positivas en materia de igualdade que vaian máis alá dos requirimentos legais e convencionais”.

Cuarta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
Segundo o apartado 1.1. f), o xurado terá en conta a adopción de medidas para a prevención do acoso sexual e o acoso por razón de xénero.

Este Comité propón engadir nese apartado, en primeiro lugar, o acoso laboral.

Quinta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
No apartado 1.1.n), así como nos apartados 1.2.f) e 1.3.e), recóllese como criterio de valoración a inexistencia de multas significativas e de sancións por incumprimento da normativa laboral.

Este Comité considera que se trata dunha previsión moi xenérica e que debería substituírse pola seguinte: “Inexistencia de sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos”.
Sexta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
O apartado 1.1.ñ) establece que serán obxecto de valoración outros criterios alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative (GRI).

Este Comité considera que se debería engadir, a continuación, a opción de ter en conta outros criterios recollidos por outros esquemas ou estándares recoñecidos a nivel estatal ou internacional en materia de RSE.

O mesmo se observa respecta dos apartados 1.2.g) e 1.3.f).

Sétima.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
No ámbito da acción social, o apartado 1.3.c) recolle como aspecto a valorar o compromiso coa comunidade local.

Este Comité propón a supresión do termo “local” de xeito que o que se valore sexa o compromiso coa comunidade.

Oitava.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
Neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Novena.- Artigo 5. Prazo de presentación das candidaturas.
Segundo o apartado 1 deste artigo, o prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da orde.

Este Comité considera o prazo moi curto, polo que propón que sexa de dous meses.

Décima.- Artigo 10. Criterios de valoración.
O artigo 4 relaciona unha serie de aspectos que o xurado debe en ter en conta á hora de valorar as candidaturas. Pola súa banda, o artigo 10 recolle uns criterios de valoración que semellan acaparar toda a puntuación.

Este Comité considera que os apartados 1 e 3 deste artigo deberían trasladarse ao artigo 4 como apartados 3 e 4 deste, respectivamente e que o apartado 2 do artigo 10 debería suprimirse.

Deste xeito, todos os criterios obxecto de valoración figurarían no mesmo artigo.

Décima primeira.- Artigo 10. Criterios de valoración.
O artigo 10.1.b) fai referencia aos estándares ou normas internacionais e nacionais.

Este Comité considera que, para evitar confusión interpretativa, o termo “nacionais” se debería substituír por “estatais”.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.
Segundo o apartado 1.1.b), o xurado terá en conta a implantación de medidas para a redución de taxas de absentismo.

As organizacións sindicais consideran que o que debería ser obxecto de valoración é a implantación de medidas para a redución de taxas de absentismo inxustificado.

Número ditame
3