Ir o contido principal

Ditame 10/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

I. ANTECEDENTES.

O día 8 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

As axudas reguladas no proxecto normativo que se somete a ditame teñen por obxecto o establecemento, para a Comunidade Autónoma de Galicia, de normas de carácter permanente para a xestión do procedemento das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2014, publicada no DOG o día 5 de setembro de 2014 e o ditame emitido polo Consello con data 21 de maio de 2014 (ditame 22/2014), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto non presenta modificacións destacables respecto da Orde publicada en 2014.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais, disposición derrogatoria única e dúas disposicións finais.

O día 27 de marzo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 10/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2018, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de marzo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

En relación co réxime de concesión das axudas reguladas neste proxecto normativo, este Comité considera que o procedemento que se establece é excesivamente complexo e repetitivo, polo que, de cara a garantir a súa celeridade e eficacia, se debería simplificar, particularmente, no que se refire a solicitudes e prazos de xestión.

Por isto, e dentro das competencias da Comunidade Autónoma e o marco normativo básico estatal, proponse que a Xunta de Galicia, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a normativa básica de cara a flexibilizar os procedementos de recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias e de concesión da axuda, que se recollen nos artigos 3 e 4 deste proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3. Normativa reguladora.
No apartado 2 deste artigo establécese a normativa de aplicación. Non obstante, este Comité considera que debería incluírse unha referencia xenérica a este proxecto de orde, así como ao Regulamento de subvencións, polo que proponse a seguinte redacción:

“2. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse, ademais de ao disposto nesta orde, ao que se dispón na Lei 30/1992 ........, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.”

Segunda.-Artigo 10. Comprobación, subsanación e resolución da solicitude de autorización.
No apartado 3 deste precepto, así como no artigo 15.2, disponse que transcorrido o prazo máximo para resolver sen terse notificada a resolución, entenderase desestimada a solicitude de concesión da axuda.

Este Comité considera que a Administración debe resolver expresamente o procedemento, sobre todo cando a resolución contén a denegación da axuda, e isto non só por eficacia e seguridade xurídica, senón tamén en consonancia co establecido ao longo da Orde cando se esixe anticipación de achegas dinerarias ás persoas traballadoras potencialmente beneficiarias.

Terceira.- Artigo 24. Financiamento.
Segundo o establecido neste artigo, o financiamento das axudas e das cotizacións á Seguridade Social corresponderalle nun 60% á empresa solicitante e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria correspondente da consellería competente en materia de emprego.

Deberíase considerar a posibilidade de aplicar unha fórmula distributiva dese financiamento máis equilibrada e reducir a porcentaxe que lle correspondería pagar á empresa en función da súa situación económica.

Polo exposto, este Comité propón á Xunta de Galicia que, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a normativa básica, de cara a flexibilizar as porcentaxes establecidas no Real Decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

Cuarta.- Artigo 25. Achega da Administración.
O artigo 13º do Real Decreto 3/2014, do 10 de xaneiro fai referencia ao xeito en que se deben ingresar as achegas que lle corresponde sufragar ás empresas solicitantes: en tantas anualidades como anos permanezan as persoas traballadoras percibindo as axudas, cun máximo de catro.

Este Comité considera que sería máis axeitado establecer un fraccionamento de tal achega, polo que solicita á Xunta de Galicia que, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a regulación da materia e que se flexibilicen os prazos de fraccionamento para posibilitar ingresos trimestrais ou semestrais por parte das empresas beneficiarias.

Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Sexta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 13.- Contido da solicitude de autorización.

Neste precepto esíxese un documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticiparlles ás persoas traballadoras as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables á empresa.

Para dotar á Orde dunha maior seguridade xurídica na interpretación do disposto nesta letra a), habería que, a título exemplificativo, establecer unha relación aberta das posibles causas imputables á empresa que puideran dar lugar á anticipación das axudas recoñecidas á persoa traballadora.

Número ditame
10