Ir o contido principal

Ditame 23/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establece o procedemento de expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables.

I. ANTECEDENTES.

O día 31 de maio de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establece o procedemento de expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Real Decreto 694/2017 de 3 de xullo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, establece no artigo 7.1 que a formación dirixida á obtención de certificados de profesionalidade acreditarase mediante a expedición do correspondente certificado de profesionalidade ou das súas acreditacións parciais acumulables e no artigo 7.3 establece que as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, de conformidade co procedemento establecido no Real Decreto 1224/2009, de 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, poderán dar lugar á obtención, no seu caso, das correspondentes acreditacións totais ou parciais de certificados de profesionalidade.

Segundo o seu artigo 1, este proxecto de orde ten por obxecto regular o procedemento de tramitación dos certificados de profesionalidade e das acreditacións parciais acumulables que correspondan ao alumnado da formación profesional para o emprego, da formación profesional do sistema educativo e as persoas participantes nos procedementos de recoñecemento da competencia profesional de Galicia.

É a primeira vez que este proxecto normativo se somete a ditame e do seu contido cómpre destacar o seguinte:

Segundo o artigo 2, o procedemento que se regula neste proxecto de orde ten como finalidade dar resposta á necesidade de integración, transferencia e recoñecemento das competencias profesionais obtidas, ao favorecer a transparencia do mercado de traballo e posibilitar a convalidación das unidades de competencia que coincidan entre os certificados de profesionalidade e os títulos de Formación Profesional e facilitar así a aprendizaxe permanente.

O artigo 3 establece quen pode solicitar a expedición dun certificado de profesionalidade ou unha acreditación parcial acumulable a través do procedemento que se describe nos artigos 4 a 9 deste proxecto.

Finalmente, o artigo 11 fai referencia ao Rexistro de Certificados de Profesionalidade e das Acreditacións Parciais.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento de expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.

O día 13 de xuño de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén doce consideracións consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

DITAME 23/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento de expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de maio de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2018 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira- Artigo 4. Presentación de solicitudes.
Segundo o apartado 3 in fine deste artigo, deberase indicar o número de expediente se dispón del.

Este Comité propón que se corrixa a parte en cursiva de xeito que se requira indicar o número de expediente cando se dispoña del.

Segunda.- Artigo 4. Presentación de solicitudes.
O apartado 4 deste artigo establece que a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos persoas interesadas unha serie de modelos normalizados.

Este Comité propón que se corrixa a falta de concordancia de xénero que se observa na parte en cursiva.

Terceira.- Artigo 5. Procedemento de solicitude de certificado de profesionalidade.
Nos apartados a), b) e c) deste precepto esíxese ao alumnado xuntar coa solicitude o DNI ou NIE da persoa solicitante.

Este Comité considera que se debería especificar que o que se debe achegar é unha copia do devandito documento.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 6.

Cuarta.- Artigo 5. Procedemento de solicitude de certificado de profesionalidade.
Este Comité considera que, respecto da documentación esixida tanto polo artigo 5 como polo artigo 6, debería establecerse que non é preciso achegala cando obre xa en poder da Administración.

Quinta.- Artigo 7. Resolución do procedemento.
Segundo o apartado 1 “una vez recibida a solicitude, procederase ao exame da mesma e da documentación aportada e verificará o cumprimento dos requisitos (...)”.

Proponse substituír as partes en cursiva por “unha” e “verificarase”, respectivamente.

Sexta.- Artigo 7. Resolución do procedemento.
No apartado 2 deste precepto emprégase o masculino xenérico (o interesado) que non é a forma axeitada de respectar a linguaxe inclusiva.

Sétima.- Artigo 7. Resolución do procedemento.
O apartado 4 fixa o prazo máximo para resolver en cinco meses, a contar desde a presentación da solicitude para a súa tramitación.

Este Comité entende que estamos ante un prazo excesivo e propón que, na medida do posible, se reduza.

Oitava.- Artigo 7. Resolución do procedemento.
No mesmo apartado disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de cinco meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Novena.- Artigo Artigo 7. Resolución do procedemento.
No último parágrafo do apartado 5 emprégase unha palabra que non existe no dicionario da Real Academia Galega (surtir), de xeito que debería ser substituída.

Décima.- Artigo 8. Comprobación de datos.
Este Comité considera que procede eliminar este artigo por superfluo á vista do sinalado nos artigos 6 e 7.

Décima primeira.- Artigo 9. Notificacións.
Segundo o apartado 1 deste artigo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

Este Comité considera que se debería adaptar esta redacción á condición de persoa física das persoas solicitantes.

Décima segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.

Proponse o mesmo respecto das disposicións finais.

Número ditame
23