Ir o contido principal

Ditame 45/17

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de decembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a economía social perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento, creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento regúlase mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
As axudas establecidas no proxecto normativo que se somete a ditame forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden incentivar a realización de actividades de promoción e formación por parte das entidades que se incorporaron á Rede Eusumo, para o fomento do cooperativismo e economía social.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 15 de febreiro de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de decembro de 2016 (Ditame 28/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As axudas recollidas neste proxecto de orde concéntranse nun único programa, a diferenza de convocatorias anteriores.
Segundo a exposición de motivos, con isto preténdese un maior impulso da Rede Eusumo, dende o punto de vista de aproveitar as potencialidades que presenta, cunha maior coordinación, cooperación e eficacia, con independencia da tipoloxía de cada entidade.

En consecuencia, os criterios obxectivos de concesión das axudas recóllense nun único artigo (o artigo 17) e non en tres, como acontecía an orde para o exercicio 2017, en función do tipo de axuda concreto. Obsérvanse algunhas diferenzas ao respecto, por exemplo, no actual proxecto resulta avaliable o colectivo destinatario das actividades.

No artigo 24 engádese unha posibilidade adicional de autorizar a modificación da resolución de concesión, para o suposto de concorrer os requisitos indicados.

A contía dos orzamentos destinados a estas axudas (artigo 35) experimenta un incremento ao pasar de 854.130 euros a 1.124.000 (ou 1.105.000, hai unha incongruencia no texto).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 14 de decembro de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CCOO de Galicia.

DITAME 45/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de decembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité valora positivamente que se manteña a redacción do artigo 27, que establece a posibilidade de pagamento anticipado de ata un 80% do importe da subvención e a exoneración da obriga de constituír garantía cando se trata de entidades non lucrativas, o que supón unha aplicación estrita do Regulamento de Subvencións de Galicia, tal como solicita este Comité nos seus ditames.

Segunda.
Este Comité solicita que se faciliten a folla de datos estatísticos do exercicio 2017 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
No apartado 1.1 deste precepto faise unha referencia errónea ao artigo 27, polo que se propón que se corrixa.

Segunda.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
Respecto dos custos de persoal de apoio que establece o apartado 2.1.2.a) deste artigo, este Comité considera que debería preverse o financiamento do custo dos profesionais que puidesen ser necesarios para atender a persoas con determinadas discapacidades, como sería, por exemplo, un intérprete da linguaxe de signos.

Terceira.- Artigo 9. Contía das axudas.
Segundo o apartado 2, os gastos de material, papelería e fotocopias será elixible ata o límite de 8 euros por alumno.

Este Comité considera que debería incrementarse ese límite, xa que non alcanza para cubrir o gasto efectivo en que se incorre.

Cuarta.- Artigo 10. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité, aínda que valora positivamente o incremento de 4.000 euros na contía máxima respecto do previsto para o exercicio de 2016, entende que ese límite pode frear a actividade cooperativa ao non ter incentivo a constitución de máis de 10 entidades de economía social.

Quinta.- Artigo 17. Criterios obxectivos de concesión.
Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntuaba con ata un máximo de 15 puntos.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sexta.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado c) deste artigo, a entidade beneficiaria debe estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 25. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 10 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias sexan debedoras en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Oitava.- Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento.
Na letra g) deste precepto esíxese copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos.

Este Comité considera que esta obriga é excesiva e que tan só se debería aportar aquela documentación que teña transcendencia.

Novena.- Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décimo primeira.- Disposición adicional segunda.
Segundo esta disposición: “se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité propón que se substitúa o texto en cursiva polo seguinte: “esta consellería poderá efectuar convocatorias complementarias”.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 17. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

Número ditame
45