I. ANTECEDENTES
O día 25 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.
As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2019, publicada no DOG o día 29 de xaneiro de 2019, e o ditame emitido polo Consello con data 12 de novembro de 2018 (ditame 37/2018), obsérvase que non se acepta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
A única modificación que cómpre destacar é a relativa ás contías asignadas ao financiamento destas axudas. Así, segundo o artigo 37, o orzamento para o programa I redúcese en 141.785 euros, mentres que o do programa II vese incrementado en 600.000 euros.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.
O día 15 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas non unánimes: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 38/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.
En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos dos exercicios 2018 (aínda pendentes de recibir) e 2019 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Segunda.
Nos artigos 24.1, 25 e 30 emprégase na clasificación a letra j.
O mesmo se observa nos artigos 5, 10 e 24.1 nos que, ademais, utilízase tamén a letra k.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Terceira.
Este Comité observa que no texto deste proxecto faise un uso indebido das barras, por exemplo: “traballadores/as” (no artigo 3) ou “autónomo/a”(no artigo 5), cando as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Tamén se observa o emprego do masculino xenérico, por exemplo “emigrante retornado” nos artigos 5 ou 24, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 9. Emenda das solicitudes.
O terceiro parágrafo deste precepto establece que: “nos programas I e II deberá analizarse a viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa”.
Este Comité entende que debería preverse unha audiencia da entidade solicitante con anterioridade á desestimación.
Segunda.- Artigo 13. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2, o prazo para resolver e notificar será de tres meses.
Este Comité considera que deberían especificar que o prazo será, como máximo, de tres meses.
Terceira.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O dito no apartado 4 deste artigo resulta incoherente en relación co disposto no seu apartado 9.
Por isto, este Comité propón que aclare en que momento e baixo que condicións se vai a efectuar o pagamento.
Cuarta.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 9 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.
Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social.
Quinta.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Sexta.- Artigo 22.Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.
Segundo o apartado 2 deste artigo, “poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego”.
Este Comité considera que, no caso de que se trate de persoas con discapacidade, o límite de idade debería incrementarse dando cabida a persoas de ata 35 anos de idade.
Sétima.- Artigo 34.Prazo de presentación de solicitudes.
Respecto á previsión contida neste artigo para o caso de esgotamento do crédito, este Comité propón que as solicitudes presentadas en prazo sexan admitidas en todo caso e, para o suposto de esgotamento de crédito, se prevexa a posibilidade de incorporar remanente doutros programas ou novos fondos ao efecto
Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).
Novena.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Artigo 26. Obrigas das beneficiarias.
Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 32, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIMES MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.-Artigo 5. Definicións
Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego, o que non desvirtúa a finalidade da axuda, xa que se está a promover igualmente a creación e emprego estable.
Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar nos programas desta orde e que, en consecuencia, se modifiquen os demais artigos que correspondan para darlles cabida.
Segunda.- Disposición transitoria.
A CEG propón que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade aos efectos desta orde, para poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.
En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo 5 como os demais que correspondan.