Ir o contido principal

Ditame 13/19

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de abril de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a presente regulación desenvolve unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego ao introducir unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2019.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 21 de xuño de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 25 de abril de 2018 (Ditame 16/2018), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase unha minoración de 900.000 euros nos créditos asignados para financiar as axudas recollidas neste proxecto (artigo 2).

Valórase con 2 puntos a existencia de sistemas de avaliación da calidade das accións que se van a desenvolver, aínda que so se terá en conta un certificado. Na orde anterior os 2 puntos obtíñanse no caso de posuír os dous certificados indicados neste artigo 12.

A impartición de formación acreditada con certificados de profesionalidade segue a avaliarse con 2 puntos, pero no novo proxecto recóllese unha gradación en función do contido impartido.

O artigo 14 incorpora a regulación dunhas bolsas de asistencia ás persoas demandantes que participen no programa integrado de emprego consistente en 5 euros por día de asistencia as accións do programa. Tamén desenvolve pormenorizadamente os gastos de subcontratación de formación e engade como gastos imputables os derivados do informe da persoa auditora da conta xustificativa á que se refire o artigo 16 e que tamén supón unha novidade.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 8 de maio de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén vinte e oito consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e o SN de CC.OO. de Galicia (anexo I), e unha xeral e oito específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 13/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2019”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de abril de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.

Segundo o parágrafo oitavo da exposición de motivos: “valorarase que os concellos se acollan á iniciativa “Doing Business Galicia”.

Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración a “adhesión ao convenio Doing Business” xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

Ademais, o artigo 12 outórgalle a este criterio 20 puntos, o que pode resultar discriminatorio con respecto ás entidades beneficiarias que non sexan entidades locais.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.

Segundo o apartado 2 deste artigo, enténdense por programas integrados de emprego aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as accións que se relacionan no dito apartado.

Este Comité propón que se recupere a redacción da orde anterior, que prevía esa relación de accións dun xeito meramente orientativo, aínda que se poidan establecer uns mínimos en determinadas actuacións.

Terceira.- Artigo 1. Obxecto.

A mellora da ocupabilidade e a inserción laboral é o fin último dos programas integrados, para o que a formación constitúe unha ferramenta obrigatoria e necesaria.

Pero a obriga recollida no apartado 2.h) de impartir certificados de profesionalidade completos proporcionan rixidez e dificultan a súa execución, sen outorgar maiores garantías de empregabilidade nos prazos do citado programa.

Engaden unha dificultade ao ter que buscar participantes con perfiles similares para poder impartir o certificado, que soen ter unha duración alta. Así mesmo, a oferta de impartición de certificados de profesionalidade está cuberta coas programacións de AFD que, na práctica, están a quedar en moitas ocasións cun número insuficiente de alumnado.

Así, este Comité considera que debería suprimirse este requisito e admitirse outro tipo de formación aos participantes no programa sen as rixideces que conleva a formación en certificados, como a formación en competencias clave.

Pola súa banda, a obriga de realizar prácticas non laborais para quince persoas implica unha dificultade engadida e xera inseguridade xurídica ás entidades e ás empresas.

En consecuencia, este Comité propón que se elimine a dita obriga e se recolla como unha opción.

Cuarta.- Artigo 2. Financiamento.

A contía dos créditos asignados a estas axudas foi minorada en 900.000 euros respecto da recollida na orde para o exercicio anterior.

Este Comité considera que debería manterse a contía prevista para 2018, xa que este tipo de plans precisan dun financiamento estable para consolidar emprego nesta comunidade e, especialmente, en colectivos con especiais dificultades.

Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

Neste artigo utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.

Este Comité segue a entender que o obxectivo de inserción laboral que se especifica neste artigo é excesivo debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para unha porcentaxe de inserción do 25%.

Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.

Este Comité considera que esa limitación pode inviabilizar a execución do programa en ámbitos determinados, polo que propón que se reduza a un número non fixo que, en todo caso, sexa inferior a 60.

Oitava.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O segundo parágrafo do apartado 2 establece que as persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

Este Comité considera que deberían especificarse as incompatibilidades que se consideran neste caso.

Novena.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.

No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.

Décima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

O apartado 2 deste precepto establece que unha mesma entidade non poderá presentar más dunha solicitude.

Este Comité propón que a devandita restrición se aplique soamente ás entidades locais.

Décima primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente.

Décima segunda.- Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Neste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Décima terceira.- Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Dentro dos documentos a achegar coa solicitude, esíxese un cronograma completo do proxecto, indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Este Comité propón que se permita un cronograma flexible, de conformidade coa resposta remitida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a esta mesma consideración (consideración décima primeira) contida no ditame 16/2018 emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio anterior.

Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.c.2 valora con ata 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.

Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade independentemente de que sexan alugados ou non.

Este Comité tampouco comparte a resposta remitida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a esta mesma consideración contida no ditame 18/2017 emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio anterior, xa que nela non se está a falar de gastos subvencionables senón de bens postos a disposición da entidade.

Décima sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150 en 2017, a 5 de 130 na orde anterior, mentres que no proxecto actual é 5 de 70).

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décima sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.e) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.

Décima oitava.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.f) establece que “a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou Lanzadeiras de emprego de Galicia (Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017) subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 5 puntos se a valoración é positiva e ata -5 se é negativa”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

Décima novena.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

No proxecto de orde reguladora das axudas aos obradoiros de emprego do exercicio 2017 figuraba no apartado 1, letra j), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na realización en todas as accións do programa integrado. Puntuación máxima 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Vixésima.- Artigo 14. Gastos imputables.

Este Comité propón que se engada un apartado que recolla o concepto de “outros gastos”, nos que se inclúan gastos de apoio necesarios para o desenvolvemento das accións sempre que estean plenamente xustificados.

Vixésima primeira.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.b) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 15.

Isto supuxo unha novidade da orde para o exercicio de 2017 e, ao terse en conta ademais outros factores, como a redución dos custos que se poden imputar, este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción anterior.

Vixésima segunda.- Artigo 14. Gastos imputables.

Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing soamente é unha adquisición no caso de que se chegue a exercer a opción de compra.

Vixésima terceira.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.b deste artigo establece que o custo subvencionado por formación subcontratada non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.

Este Comité propón que se adapten este importes aos previstos na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvenciones públicas destinadas ao seu financiamento.

Vixésima cuarta.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.e) regula os gastos de subcontratación e fixa un 30% do custo total como límite da actividade formativa que poder ser obxecto de subcontratación.

Este Comité considera que este apartado debería acollerse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal: “O beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada”, xa que a limitación da subcontratación non mellora a calidade do programa integrado de emprego.

Vixésima quinta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1 deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 30 por cento do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2019.

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe para o aboamento dos anticipos e, así mesmo, que se elimine esa limitación relativa á anualidade de 2019.

Vixésima sexta.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

Vixésima sétima.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Vixésima oitava.- Disposicións derradeiras (sic).

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.– Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación coa consideración específica unánime décima novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debería manterse a redacción deste precepto contida na orde reguladora dos programas integrados para o emprego para o ano 2017.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:

Este proxecto normativo non prevé a especial circunstancia de que, entre os colectivos prioritarios, se inclúan persoas que ademais teñan algunha discapacidade, o que conleva unha dificultade engadida para a súa empregabilidade. Isto afecta ás entidades concorrentes, ás persoas participantes que precisan adaptacións específicas para poder realizar as accións do programa con aproveitamento e, por extensión, aos gastos imputables.

E por elo que a CEG propón que a dita cuestión sexa tida en conta ao longo do articulado do proxecto.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

Segundo o apartado 4 deste artigo, “de xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a seis meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a doce meses”.

Obsérvase, respecto da orde anterior, que a duración mínima da contratación por conta allea increméntase de tres a seis meses mentres que a duración mínima da actividade por conta propia se eleva tamén de seis a doce meses.

Segundo a CEG, os ditos incrementos non se corresponden coa realidade do noso mercado laboral. Se se atende á finalidade do proxecto (a inserción laboral das persoas participantes), a CEG considera que a ampliación da duración mínima dos contratos por conta allea vai a limitar o acceso a un posto de traballo.

Á vista do incremento na duración mínima para os contratos por conta allea e conta propia, a CEG propón que debería ampliarse tamén o prazo para o cómputo en ambos casos aos seis meses inmediatamente posteriores aos doce de execución do programa.

Así mesmo, debería especificarse como proceder á hora de contabilizar os contratos a tempo parcial.

Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Terceira.- Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Neste artigo establécese a necesidade de anexar, entre outras documentacións, unha relación de medios materiais e recursos humanos propios dos que dispón o solicitante na que se especifiquen as condicións daqueles, o su historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Na opinión da CEG, debido ao período de execución do programa (doce meses) e ao tempo que pode mediar entre a solicitude e a posta en marcha do programa, os recursos humanos das entidades beneficiarias poden sufrir variacións que non dependen da vontade das propias entidades, polo que debería preverse esta circunstancia na norma, de modo que se regule a posibilidade da comunicación das modificacións ou variacións habidas nos recursos humanos da entidade e mesmo da confirmación dos recursos humanos inicialmente considerados na solicitude, xa que este proxecto normativo segue sen recoller esta circunstancia.

Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Segundo o apartado c.1) deste precepto: “no suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais, xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de seguridade social”.

A CEG considera que o dito límite debería eliminarse, excepto para presidentes, sempre que a persoa que se impute acredite fehacientemente o traballo realizado no marco de actuación destes proxectos, tanto máis se atendemos á realidade da gran maioría das entidades sen ánimo de lucro, con persoal altamente cualificado e persoal xerente que realiza labores de apoio e captación de empresas con interese en contratar.

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.f) deste precepto regula como criterio de valoración a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, valorando os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas.

Na opinión da CEG, debería valorarse tamén a experiencia das entidades sen ánimo de lucro na execución de outros programas de fomento do emprego (entre outros: orientación laboral, xestión e colaboración na inserción laboral a través non só de programas integrados para o emprego) e que contribúen a acreditar a solvencia da entidade en materia de inserción laboral.

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado h) valora, con ata 8 puntos, o carácter innovador do programa.

Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación certificable, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.

Sétima.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado d) deste artigo establece a obriga de abonar unha bolsa de 5 euros por alumno por cada acción do plan integrado na que participe. A CEG considera que dita obriga debería eliminarse xa que semella premiar a mera asistencia ás accións formativas ao non atender a indemnizar gasto algún.

En todo caso, e subsidiariamente, a CEG propón que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto, sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.

Oitava.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención esixíndose, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.

Esta obriga coloca a entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.

Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia.

Número ditame
13