Ir o contido principal

Ditame 18/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018

I. ANTECEDENTES

O día 13 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Corresponden á Consellería de Economía, Emprego e Industria as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Segundo a Exposición de motivos, con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 24 de febreiro de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 30 de decembro de 2016 (Ditame 31/16), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Este proxecto de orde incorpora unha liña de fomento de renovación de equipos de traballo no que serán beneficiarias ás medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas que conten con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social en Galicia para a realización de investimentos destinados a accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipos de traballo e adaptacións de postos de traballo (exposición de motivos). Esta nova liña dótase cun orzamento de 620.000 euros (artigo 3).

En canto ás contías asignadas ás dúas liñas xa existentes, obsérvase no artigo 3 un incremento de 200.000 euros na Liña 1 (de 490.000 euros a 690.000) mentres que a Liña 2 ve minguado o seu orzamento en 820.000 euros (de 1.000.000 euros pásase a 180.000).

O artigo 5 tamén supón unha novidade e fixa o importe máximo subvencionable, tanto por entidade como por actividade e, dentro diso, en función da liña de que se trate.

O artigo 26 recolle os criterios de valoración para as solicitudes presentadas nas Liñas 1 e 2. Obsérvase a supresión dalgúns criterios que valoraban, por exemplo, a taxa de estabilidade do persoal da entidade ou a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal) e tamén se introduce un criterio novo que outorga un punto polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega.

O artigo 29 introduce a posibilidade de realizar pagamentos anticipados para as Liñas 1 e 2.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 3 de maio de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideración xerais e vintecinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: unha xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 18/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de abril de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de maio de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que deberían adaptarse os prazos de remate das accións e os da presentación da documentación xustificativa desta orde e das sucesivas, para, dese xeito, posibilitar que os gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica, en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, poidan exercer a súa función ao longo de todo o ano natural e evitar, así, períodos de lagoa.

Segunda.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo figura a obriga de presentar copia compulsada dalgunha documentación.

Este Comité propón que se permita presentar indistintamente copia compulsada ou cotexada.

Terceira.
Obsérvase un uso erróneo do reflexivo “se” nos artigos 32.1, 37.2 e 37.4.

Cuarta.
Este Comité observa o emprego do masculino xenérico ao longo do texto, por exemplo “alumnos” nos artigos 8.2 e 33 ou “o docente” no artigo 19.2, que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Proponse, polo tanto, a súa revisión.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2. Liñas.
Respecto do contido da Liña 2, este Comité considera que se deberían ampliar as actividades subvencionables na liña do que se establecía na mesma Orde para o exercicio de 2017 ao ter en conta, ademais, que no Anexo VII faise referencia a estudos e traballos técnicos (apartado 6.2) que no actual proxecto de orde non figuran como subvencionables.

Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
Respecto da liña 2, este Comité propón que, ademais das organizacións de carácter sectorial, poidan ser beneficiarias as organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda proponse que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, proponse que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

Terceira. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
O apartado 3 deste precepto define as empresas que terán a consideración de pemes.

Este Comité considera que se debería especificar que esa definición vén dada pola Recomendación da Comisión Europea, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

Cuarta. Artigo 4.
Obsérvase a ausencia do título neste artigo.

Quinta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
No apartado 2.a) deste artigo establécese un importe máximo financiable por curso de 160 euros /hora. Este límite resulta insuficiente para aquelas accións formativas que teñen un carácter eminentemente práctico e que precisan dun maior gasto en atención aos materiais e equipos a utilizar polo alumnado, para garantir unha formación de calidade e en coherencia cos obxectivos desta orden.

Por iso este Comité propón que naqueles casos en que estea xustificado, para determinadas accións formativas e previa autorización da administración, este límite poida ser incrementado para dar cobertura aos custos reais da súa execución.

Sexta. Artigo 6.- Acumulación do remanente.
Segundo este artigo, unha vez realizada a proposta de resolución de concesión da subvención nas liñas 1 e 2 e para o caso de existir remanente de crédito nunha delas, este poderá acumularse ás outras liñas.
Este Comité propón que se prevexa, así mesmo, a posibilidade de que exista remanente na Liña 3.

Sétima. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.

Oitava. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico ou teléfono, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Novena. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Décima. Artigo 11. Gastos non subvencionables.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto, co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable aos artigos 42 e 38.3, nos que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a modificación desa causa para adecuala a este novo criterio.

Décima primeira. Artigo 14. Axudas de minimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Décima segunda. Artigo 19. Documentación para as solicitudes de cursos e xornadas das liñas 1 e 2.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c) e d) do apartado 2-6º deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Décima terceira. Artigo 26. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Neste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por parte da comisión de valoración.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 4 deste artigo.

En coherencia co anterior, este Comité pon de manifesto que non comparte o feito de que a puntuación outorgada a este criterio se incremente respecto da orde para 2017.

Décima cuarta. Artigo 28.- Criterios de desempate.
Segundo este artigo, no caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate, a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior desta orde.

Este Comité entende que esa referencia que se fai ao artigo anterior é errónea e que debería facerse aos artigos anteriores, xa que o inmediatamente anterior soamente operaría respecto da Liña 3.

Décima quinta. Artigo 29. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

Este Comité propón que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida.

Décima sexta. Artigo 29. Resolución e recursos.
No seu apartado 3, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.
Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería reducirse a tres meses.

Décima sétima. Artigo 32. Prazo de finalización e de xustificación das accións.
Á vista dos prazos fixados neste artigo para a execución das accións e a súa xustificación, este Comité considera que se deberían incrementar ambos prazos e, ademais, propoñen que o lapso de tempo entre eles sexa, polo menos, de 15 días.

Décima oitava. Artigo 35.- Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.
No apartado 1 esíxese presentar copia dos relatorios e presentacións gráficas cando se trate de cursos ou xornadas de sensibilización.

Este Comité considera que esa esixencia é superflua, polo que debería eliminarse, dado que non aporta as evidencias necesarias para a comprobación da realización da actividade.

Décima novena. Artigo 37.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste precepto establece que se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.

Vixésima. Artigo 38. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 3 deste artigo obriga á entidade beneficiaria a comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente pública estatal ou internacional.

Este Comité considera que este apartado debería gardar coherencia co previsto no artigo 11.3, segundo o cal: o cobro destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Vixésima primeira. Artigo 38. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Vixésima segunda. Artigo 38. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Vixésima terceira. Artigo 38. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 12, as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión poderán estar en idioma galego e castelán, pero, en todo caso deberán estar en galego.

Este Comité propón que se substitúa o verbo “estar” por un máis correcto, como “realizar”.

Vixésima cuarta. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións últimas[sic].

Vixésima quinta. Disposicións últimas [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións últimas [sic] que deberían denominarse “Disposicións finais”.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideración xeral:
Este proxecto de Orde pretende a implantación dunha nova Liña 3, destinada a investimentos en accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipos de traballo e adaptacións de postos de traballo. Esta liña destínase, en exclusiva, ás empresas que empreguen menos de 250 persoas traballadoras.

Os recursos económicos adicados á nova liña detráense dos adicados no exercicio de 2017 ás accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, de maneira que absorven nada menos que o 42% do 1.490.000 euros afectos a esta finalidade.

As organizacións sindicais que integran este Comité entenden que está totalmente fóra de lugar que os fondos previstos para o fomento da prevención de riscos laborais se adiquen nunha parte considerable a subvencionar a empresas ás que se lles van sufragar unhas inversións ás que veñen obrigadas para cumprir coa legalidade. E isto en inxusto detrimento, ademais, daquelas empresas que teñan cumprido, cos seus propios recursos económicos, os requirimentos do marco legal aplicable.

En todo caso, o fomento da inversión industrial e empresarial que a Xunta de Galicia decida implementar, ten as súas propias dotacións orzamentarias na Consellería competente, sen ir en menoscabo dos recursos adicados ao fomento da prevención de riscos laborais.

Xa que logo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se deberían de eliminar do proxecto normativo todas as mencións á denominada Liña 3 e que o conxunto dos recursos se apliquen ás accións reais de fomento da prevención de riscos laborais que se recollen nas Liñas 1 e 2 deste proxecto de orde.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 23. Comprobación de datos.
Segundo o apartado 1.f) deste artigo, comprobarase o certificado da entidade solicitante de non ter ningunha sanción firme, por infraccións graves ou moi graves, en materia de prevención de riscos laborais nos últimos tres anos.

As organizacións sindicais consideran que ese prazo de tres anos debería ampliarse a cinco.

Segunda.- Artigo 26. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O criterio 7 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.
As organizacións sindicais consideran que esa puntuación debería incrementarse.

Terceira.- Artigo 26. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
Obsérvase a supresión dos criterios que valoraban, en anteriores exercicios, a taxa de estabilidade do persoal da entidade e a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no seu cadro de persoal.

As organizacións sindicais propoñen que se recuperen os ditos criterios de valoración.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
A CEG propón que se incremente notablemente o orzamento asignado en coherencia co solicitado nas consideracións unánimes específicas primeira e segunda que propoñen, respectivamente, un incremento das actividades subvencionables e das entidades que poden concorrer a estas axudas.

Segunda.- Artigo 23. Comprobación de datos.
Segundo o apartado 1.f) deste artigo, comprobarase o certificado da entidade solicitante de non ter ningunha sanción firme, por infraccións graves ou moi graves, en materia de prevención de riscos laborais nos últimos tres anos.

A CEG considera que ese prazo de tres anos debería reducirse a dous.

Número ditame
18