- ANTECEDENTES
O día 14 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a Exposición de Motivos: “estes programas están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2019, publicada no DOG o día 25 de abril de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 17 de decembro de 2018 (ditame 46/2018), obsérvase que se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A contía total asignada a estas axudas increméntase en 3.604.112, ao pasar dun orzamento bianual de 3.453.080 euros a un de 7.057.192 (exposición de motivos e artigo 27).
Como novidade, o artigo 1 introduce a obriga de que as entidades promotoras desenvolvan un programa de inserción laboral para o 100% das persoas participantes nos programas de emprego que rematen con resultado de aptas, a través duns incentivos á contratación que se regulan no artigo 14. Pola súa banda, o artigo 34 recolle a subvención para estes incentivos, fixando un importe de 3.000 euros por cada persoa traballadora.
A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses (artigo 4), cando a orde anterior prevía unha duración de seis meses.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 2 de decembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais.
|
DITAME 49/2019
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
As axudas e subvencións reguladas no proxecto normativo sometido a ditame están destinadas, exclusivamente, ás entidades locais e están dirixidas ao fomento do emprego a través de programas de emprego.
Este Comité considera que ambas circunstancias deberían facerse constar no título do proxecto de orde.
Segunda.
Este Comité considera que debería recollerse a esixencia, por parte das entidades participantes, de asumir un compromiso de inserción no mercado laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos, compromiso que debería adquirirse ao finalizar o proxecto.
Terceira.
Este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.
Cuarta.
Este Comité considera que se debería xustificar a diferenza entre os criterios que se aplican neste proxecto normativo e na Orde de accións formativas para persoas desempregadas, tanto na cuantificación dos módulos para o financiamento dos custos da formación como á hora de determinar os gastos subvencionables que os integran. Os custes derivados das accións de formación son os mesmos que para outros programas polo que non se comprende que as condicións de financiamento sexan diferentes.
Quinta.
Este Comité observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, por exemplo o emprego das barras no artigo 31 (alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.
Tamén se observa un erro de numeración no artigo 23, no que figuran dous apartados número 1.
Polo exposto, proponse unha revisión do texto do proxecto normativo.
Sexta.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia a letra j no artigo 23 así como o emprego das letras j e k nos artigos 30 e 40, impropias do alfabeto galego.
Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo quinto da exposición de motivos faise referencia á Axenda de Competitividade “Galicia Industrial 4.0” e alude a necesidade de que se impartan accións formativas vinculadas con certificados de profesionalidade na dita área.
Este Comité considera que se debería eliminar este parágrafo xa que non garda relación co obxecto da orde e é superfluo.
Segunda. Artigo 5.- Formación en alternancia nos proxectos.
No apartado 1 deste artigo establécese que: “A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións”.
Este Comité propón que se substitúa o inciso “na medida do posible” por “cando non existan certificados de profesionalidade”, tendo en conta a resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame anterior.
Terceira. Artigo 14. Obxecto e duración.
Este Comité considera que se debería completar este artigo con todas as condicións relativas ao incentivo, tales como os requisitos de acceso, as obrigas das partes ou as contías e pagamentos, debendo estas condicións ser homoxéneas para todos concellos que concorran a esta orde.
Cuarta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
O artigo 23.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopa a calidade do proxecto (apartado c).
Este Comité considera que deberían establecerse parámetros indicativos para determinar a calidade do proxecto, xa que se trata dun concepto indeterminado que pode provocar inseguridade xurídica, ao quedar a súa apreciación baixo o criterio discrecional da Comisión de valoración.
Quinta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración o feito de que os consellos teñan a condición de concello emprendedor-consello Doing Business, tal como recolle o apartado 1.h) deste artigo, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.
Sexta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde reguladora das axudas aos obradoiros de emprego do exercicio 2013 figuraba no apartado 1, letra m), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Sétima. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Segundo o apartado 3 deste artigo o número máximo de alumnado dos programas que se concedan con carga á presente orde será de 16.
Este Comité considera que se debería prever a posibilidade de incrementar ese tope máximo.,
Oitava. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
Na orde para o exercicio de 2017, valorábase con ata 3 puntos a participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto.
Este Comité considera que se debería recuperar o dito criterio e incrementar a puntuación anteriormente prevista.
Novena. Artigo 25.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.
Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses.
Décima. Artigo 30.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.
Segundo o apartado 2.a) deste precepto, en ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras.
Este Comité considera que as referidas indemnizacións deberían incluirse como gasto a subvencionar xa que as entidades están obrigadas a cumprir o convenio colectivo aplicable, independentemente da natureza dos fondos.
Décima primeira. Artigo 30.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.
O apartado 2.a) exclúe expresamente, como gasto subvencionable, o importe da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutado durante a duración do proxecto formativo.
Tamén neste caso o Comité considera que debería eliminarse esa exclusión, xa que ese pagamento forma parte da retribución do persoal docente, independentemente da natureza dos fondos.
Décima segunda. Artigo 30.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.
Neste artigo establécese que os custos salariais do alumnado calcúlanse polo SMI/mes, anualmente establecido, incluída a parte proporcional dunha paga extraordinaria.
Este Comité considera que debería incrementarse a porcentaxe subvencionada do SMI, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación.
Décima terceira. Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.
Segunda. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debería manterse a redacción deste precepto contida na orde reguladora dos obradoiros de emprego para o ano 2013.