Ir o contido principal

Ditame 11/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) implica no plan de negocio da empresa a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa. Considérase a RSE un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial.

A través desta orde búscase fomentar a RSE e, como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, mediante medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 3 de maio de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de marzo de 2017 (Ditame 9/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O orzamento total supón 496.741 euros menos que na orde para o exercicio de 2017 (artigo 4).

O artigo 5 esixe ás empresas solicitantes contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras. Na orde anterior ese número mínimo era de dez persoas traballadoras (se ben mediante corrección de erros publicada no DOG do 19 de maio de 2017 se rebaixou a seis) e, ademais, este requisito soamente se esixía ás entidades solicitantes das axudas das liñas II e III.

Respecto das liñas I e II, a contía da axuda pasa a ser do 80% dos custos cun máximo de 3.000 euros ou, non seu caso, de 1.500 (artigos 6 e 8).
O artigo 9 inclúe, como novidade, a relación do contido mínimo do Plan de igualdade.

Engádese un novo criterio de valoración para o caso da Liña III, consistente en outorgar un punto polo emprego efectivo da lingua galega ata o momento da valoración pola comisión (artigo 30).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 27 de marzo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco onsideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, así mesmo, como anexos: 3 consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e seis específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 11/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de marzo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de marzo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O concepto de RSE ten un contido moito máis amplo que os aspectos meramente relacionados coa igualdade. Pola súa banda, as axudas en materia de igualdade non deberían limitarse a aquelas directamente vencelladas á RSE.

Polo tanto, este Comité considera que se deberían regular ambas materias en ordes diferenciadas.

Segunda.
Dado que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe inclusiva e incorporar esta recomendación no articulado da orde.

Terceira.
Este Comité quere resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.

Cuarta.
Neste proxecto de orde elimínanse, respecto da orde do exercicio 2015, os Programas II e III da Liña II que recollían as axudas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral e as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Igualmente elimínase, como actividade subvencionable, a asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade.

Este Comité non está conforme coa eliminación das referidas axudas, que considera deberíanse subvencionar, polo que propón que se recollan no proxecto normativo que se está a ditaminar.

Quinta.
Obsérvanse varios erros ao longo do texto do proxecto:

-O primeiro parágrafo do artigo 5.1 establece que:” as empresas solicitantes poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axuda (...), polo que debería eliminarse esta reiteración.

-No artigo 5.4.a) faise referencia a empresas que ocupen ao menos a 250 persoas, cando o correcto sería “que ocupen a menos de 250 persoas”.

-Segundo o apartado 6 do artigo 5: “(...) só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, e soamente tramitarase aquela que teña o primeiro número de entrada (...). Debería substituírse a parte en cursiva por “soamente se tramitará”.

-O último apartado do artigo 5 establece que “non serán beneficiarias destas axudas (...), cando debería dicir que “non poderán ser beneficiarias destas axudas”. Neste mesmo apartado, debería eliminarse a coma ao puntuar a frase.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O apartado 4 deste precepto define as empresas que terán a consideración de pemes.

Este Comité considera que se debería especificar que esa definición vén dada pola Recomendación da Comisión Europea, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

Segunda.- Artigo 12. Requisitos do acordo de teletraballo.
Este Comité considera que, neste punto, se deberían ter en conta outros criterios como, por exemplo, os adoptados de xeito unánime polo Observatorio de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais que se recollen na cláusula tipo aprobada (http://cgrl.xunta.es/upload/clausula_tipo_sobre_teletraballo.pdf).

Terceira.- Artigo 25. Prazo de presentación.
O apartado 1 deste artigo fixa o prazo de presentación das solicitudes nun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun prazo escaso e, en aras da eficacia da norma, entende que debería ampliarse sensiblemente.

Cuarta.- Artigo 31. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste precepto, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de 5 meses.

Este Comité propón que se reduza o devandito prazo a 3 meses, por consideralo suficiente.

Quinta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 2.3.11.b) deste artigo, esixe aportar “o sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo” e inclúe algúns elementos concretos a presentar.
Este Comité considera que deberían suprimirse os exemplos concretos e especificar soamente cal é o sistema empregado para o seguimento e avaliación.

Sexta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 (erroneamente enumerado como segundo apartado 3) deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que pode non ser coñecedora da súa existencia.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Sétima- Artigo 37. Prohibicións, compatibilidade, seguimento e control.
Segundo o apartado 3 deste artigo, os incentivos das subliñas 1 e 2 da Liña III recollidos nesta orde son incompatibles entre si e con outras axudas concedidas por outros entes públicos ou privados para a mesma finalidade.

Este Comité propón que se especifique que tal prohibición procede unicamente cando os incentivos afectan ao mesmo traballador.

Oitava.- Artigo 41. Reintegro.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Novena.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Décima.- Disposicións finais.
Obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.
En relación coa consideración xeral unánime primeira, as organizacións sindicais consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais lamentamos a deriva que se está realizando nas ordes de responsabilidade social empresarial, nas que se evidencia a intención de priorizar as medidas de teletraballo e flexibilidade horaria, as cales son incentivadas cunhas contías superiores ao resto de medidas recollidas neste proxecto normativo.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as empresas que veñen legalmente obrigadas a elaborar un Plan de Igualdade, deberían estar excluídas como beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

En segundo lugar, considérase que nas empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade, deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.

Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:

- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).

- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)

- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)

- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)

- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)

- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)

- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)

- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)

- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
Desde a CEG consideramos que este proxecto de orden debería atender, nos seus criterios valorativos, máis alá dos datos relativos á dimensión da empresa, a taxa de estabilidade ou a entorna xeográfica a outros parámetros que teñan unha relación directa cos seus obxectivos e que, polo tanto, sirvan para coñecer se as medidas que se pretenden implantar en termos de RSE e conciliación están correctamente plantexadas, dimensionadas e aliñadas co obxectivo perseguido pola norma.

En outro caso, estaríamos cinguindo a concorrencia competitiva a criterios que, segundo o noso parecer, deberían contribuír simplemente á determinación da contía individualizada da subvención e non á comparación das solicitudes presentadas para a súa prelación e, en consecuencia, acceso/non acceso á axuda.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Esta organización, en atención aos fins que se perseguen no proxecto de Orde, suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Á vista dos resultados do informe da última convocatoria, a CEG propón que, para impulsar as medidas recollidas nas liñas do proxecto, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas.

Terceira.- Artigo 6. Contía da axuda.
A CEG considera que deberían contemplarse tamén como gastos subvencionables aqueles derivados da posta en marcha de medidas que se refiren á memoria de RSE ou memoria de substentabilidade.

Cuarta.- Artigo 14. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.
Segundo este artigo “poderán ser beneficiarias as empresas que ademais de reunir os requisitos esixidos no artigo 5, establezan en convenio colectivo de empresa ou mediante acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, ou no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal (...)”.

A CEG considera que debería substituírse a expresión resaltada en cursiva pola de “coas persoas traballadoras”.

Quinta .- Artigo 18. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como subvencionable a totalidade dos gastos de adaptación da empresa beneficiaria para a implantación do teletraballo.

Sexta.- Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Número ditame
11