I. ANTECEDENTES
O día 9 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) implica no plan de negocio da empresa a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa. Considérase a RSE un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial.
A través desta orde búscase fomentar a RSE e, como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, mediante o apoio á elaboración e implantación de plans de igualdade e a medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 28 de maio de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 27 de marzo de 2018 (Ditame 11/2018), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma, así como una consideración de carácter formal.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A liña III de axudas (conciliación da vida laboral, familiar e persoal) consta de tres subliñas. A última delas era a subvención para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. Pero no novo proxecto a subliña III.3 pasa a recoller as axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral (artigo 3).
En canto aos requisitos das empresas solicitantes (artigo 5) esíxese, como novidade, que as empresas que soliciten as axudas reguladas na Liña II (plans de igualdade) conten cun mínimo de 10 persoas traballadoras.
A Liña II subvenciona a elaboración e implantación de plans de igualdade. Pero a orde anterior limitábase a relacionar o contido mínimo do dito plan de igualdade.
O artigo 8 do novo proxecto desglosa os conceptos que poderán ser obxecto de subvención e introduce a posibilidade de subvencionar a contratación dunha persoa experta en igualdade, co fin de que asesore e coordine en calquera das fases de elaboración e implantación do plan de igualdade. O artigo 9 prevé unha contía de 6.000 euros pola contratación de dita persoa.
A subliña III.3 supón a recuperación da axuda prevista no exercicio de 2015 que subvencionará a posta en marcha de medidas de conciliación como gardarías ou salas de lactación (artigo 17).
O prazo de presentación das solicitudes era de un mes, pero segundo o artigo 25, pasa a ser de 45 días naturais desde o seguinte á publicación da orde no DOG.
En canto aos criterios de valoración das solicitudes (artigo 30), suprímese o outorgamento de ata 4 puntos en función do tipo de empresa solicitante. Pola súa banda, a taxa de estabilidade mínima esixida para obter puntuación era do 20% e agora pasa a ser do 30%.
Unha das novidades e o feito de valorar con 4 puntos a existencia, no plan de igualdade, de medidas concretas de prevención, eliminación e corrección de toda forma de discriminación por causa de orientación sexual, expresión de xénero e identidade sexual ou de xénero.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 20 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: 3 consideracións xerais e nove específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e tres consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 39/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
O concepto de RSE ten un contido moito máis amplo que os aspectos meramente relacionados coa igualdade. Pola súa banda, as axudas en materia de igualdade non deberían limitarse a aquelas directamente vencelladas á RSE.
Polo tanto, este Comité considera que se deberían regular ambas materias en ordes diferenciadas.
Segunda.
Dado que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe inclusiva e incorporar esta recomendación no articulado da orde.
Terceira.
Neste proxecto de orde deberían recuperarse as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes previstas na Orde para o exercicio de 2015.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 12. Requisitos do acordo de teletraballo.
Este Comité considera que, neste punto, se deberían ter en conta outros criterios como, por exemplo, os adoptados de xeito unánime polo Observatorio de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais que se recollen na cláusula tipo aprobada (https://www.cgrl.gal/wp-content/uploads/2018/04/clausula_tipo_sobre_teletraballo.pdf).
Segunda.- Artigo 31. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste precepto, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de 5 meses.
Este Comité propón que se reduza o devandito prazo a 3 meses, por consideralo suficiente.
Terceira.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
Obsérvase un erro de numeración no apartado 2.2.2º deste artigo, xa que se incorpora un parágrafo numerado como h) cando non existen máis letras neste apartado.
Cuarta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
No apartado 2.3.3º.b) deste artigo esíxese presentar, entre a documentación específica para a a Liña III, subliña III, fotografías do investimento realizado.
Este Comité considera que se debería especificar que debe ser obxecto de fotografía en concreto.
Quinta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 2.3.1º.b) deste artigo, esixe aportar “o sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo” e inclúe algúns elementos concretos a presentar.
Este Comité considera que deberían suprimirse os exemplos concretos e especificar soamente cal é o sistema empregado para o seguimento e avaliación.
Sexta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que pode non ser coñecedora da súa existencia.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.
Sétima- Artigo 41. Reintegro.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.
Oitava.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.
Novena.- Disposicións finais.
Obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enuncialas.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
En relación coa consideración xeral unánime primeira, as organizacións sindicais consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.
Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as empresas que veñen legal ou convencionalmente obrigadas a elaborar un Plan de Igualdade, deberían estar excluídas como beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.
Por outra parte, considérase que as empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.
Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:
- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).
- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)
- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)
- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)
- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)
- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O apartado 1 deste artigo esixe ás empresas solicitantes das axudas recollidas nas liñas I e II contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería incrementar ese mínimo a polo menos 6 persoas para que poder obter, así, o dereito a contar con representación sindical.
Segunda. Artigo 36. Documentación acreditativa.
Segundo o apartado 2.2.2º, letra h) [sic]: “no caso de contratación dunha persoa experta en igualdade, copia do contrato xunto coa documentación xustificativa da súa formación ou experiencia nesta materia ou compromiso por parte da empresa de que se vai contratar unha persoa experta en igualdade”.
As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen eliminar a parte en cursiva de ese parágrafo.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Á vista dos resultados do informe da última convocatoria, a CEG propón que, para impulsar as medidas recollidas nas liñas do proxecto, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas, habilitando fondos específicos para elo.
Terceira.- Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.
A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.