I. ANTECEDENTES
O día 18 de xuño de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, co Programa da segunda oportunidade búscase que as persoas emprendedoras que adquiriron experiencia no emprendemento e que por causas económicas tiveron que cesar na súa actividade, volvan a emprender un negocio e poñan en valor a experiencia adquirida.
As axudas á segunda oportunidade lévanse a cabo a través de dous programas: Programa de bono de apoio ao emprendedor e ao seu emprendemento e o programa de bono de formación á persoa autónoma emprendedora e, para elo, estáblecese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destaca o seguinte:
As subvencións aquí reguladas financiaranse cun crédito de 1.000.000 euros (artigo 5).
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que se den de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018 e cesaran con anterioridade na súa actividade causando baixa na seguridade social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas por causas económicas e que cumpran os requisitos que relaciona o artigo 6.
Segundo o artigo 7, as axudas consistirán nun Bono apoio de 3.000 euros e un Bono formación de 2.000 euros para realizar un mínimo de 60 horas de formación nunha serie de materias. Así, a axuda máxima total sería de 5.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do día seguinte da publicación no DOG (artigo 9) e o prazo para resolver e notificar será de tres meses a contar desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador (artigo 17).
O artigo 18 establece os anticipos de pagamento, que serán de ata o 100% do importe da subvención concedida.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 22 de xuño de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións xerais e quince consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 27/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xuño de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xuño de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que o título deste proxecto normativo debería especificar que se trata da orde reguladora do Programa da segunda oportunidade das persoas autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, como si se indica no artigo 2.
Segunda.
Este Comité considera que se debería coordinar o programa regulado neste proxecto normativo cos restantes programas dirixidos a persoas autónomas co fin de simplificar o procedemento de acceso a esas axudas.
Terceira.
Este Comité considera que se deberían axustar os períodos de presentación da documentación, xustificación, resolución e execución das accións obxecto de subvención previstos ao longo do texto do proxecto normativo de maneira que resulten entendibles e realizables.
Cuarta.
No terceiro parágrafo da exposición de motivos, establécese que as axudas á segunda oportunidade lévanse a cabo a través de dous programas: programa de bono de apoio ao emprendedor e ao seu emprendemento e o programa de bono de formación á persoa autónoma emprendedora, cando o correcto sería referirse a dous tipos de axudas consistentes no bono de apoio ao emprendedor e ao seu emprendemento e no bono de formación á persoa autónoma emprendedora, como indica o artigo 7.
Quinta.
Este Comité observa erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico, por exemplo: “beneficiarios” no artigo 6,“os cidadáns” no artigo 9 ou “o beneficiario” no artigo 23, polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
Sexta.
Así mesmo, obsérvanse varios erros de redacción, especialmente de numeración: no artigo 6 figuran dous apartados d) e no 15.1 dous subapartados e) e o artigo 20 contén dous apartados numerados como 1 e 3.
Sétima.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que os dous primeiros parágrafos da exposición de motivos deberían eliminarse polo seu contido superfluo e prescindible, en especial a última frase.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Este Comité propón que se unifique o contido dos artigos 1 e 2 nun so artigo.
Terceira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias e requisitos.
O apartado c) deste artigo esixe, para ser persoa beneficiaria das axudas, estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego polo menos 6 meses seguidos antes de efectuar a solicitude ou inmediatamente antes da alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial.
Este Comité considera que se debería eliminar esa condición temporal dos seis meses.
Obsérvase o mesmo respecto do artigo 7.1.a).
Cuarta.- Artigo 7. Axudas.
O apartado 2 deste artigo fai referencia á Rede de Mentoring do Igape. Este Comité considera que a denominación da Rede debería facerse en lingua galega.
Quinta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste precepto fixa en dous meses o prazo para presentar as solicitudes.
Este Comité entende que estamos ante un prazo escaso, polo que debería ampliarse.
Sexta.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.
En relación coa consideración xeral terceira e respecto do apartado 2 deste artigo, este Comité considera que o momento a ter en conta para comezar a contar o prazo de presentación da documentación xustificativa debería ser o da resolución, especialmente para as altas posteriores á entrada en vigor da orde.
Sétima.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.
O último ítem do apartado 3 deste artigo esixe presentar o certificado de alta na mutualidde de colexio profesional correspondente.
Este Comité considera que se debería especificar que o dito certificado debe presentarse “de ser o caso”, xa que non é aplicable a todos os supostos.
Oitava.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.
O apartado 5 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 21.e), 23.2 e 24.1.e).
Novena.- Artigo 20. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.
Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 22.
Décima.- Artigo 21. Obrigas das persoas benficiarias.
O apartado g) deste precepto alude, erroneamente, á empresa subvencionada en vez de á persoa subvencionada.
Décima primeira.- Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste artigo prevé o reintegro das axudas concedidas en caso de incumprir a obriga de manter a actividade empresarial polo menos dous anos, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria e que a actividade se mantivera, polo menos, durante 18 meses.
Este Comité considera ese prazo de 18 meses excesivo e propón que se reduza a un ano.
Décima segunda.- Artigo 24. Exclusións.
Segundo o apartado 1.f) deste artigo, non poderá ser beneficiaria da subvención a persoa que teña a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
Este Comité considera que estamos ante unha exclusión que carece de sentido xa que un dos requisitos esixidos polo artigo 6 é ter o domicilio fiscal en Galicia.
Décima terceira.- Artigo 26. Axudas baixo a condición de minimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.
Décima cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décima quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.