Ir o contido principal

Ditame 39/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES
O día 28 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos: “co Programa da segunda oportunidade búscase que as persoas emprendedoras que adquiriron experiencia no emprendemento e que por causas económicas tiveron que cesar na súa actividade, volvan a emprender un negocio e poñan en valor a experiencia adquirida.
Este programa lévanse a cabo a través de dúas axudas: o bono de apoio ao emprendedor e ao seu emprendemento e o bono de formación á persoa autónoma emprendedora; para elo, estáblecese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto do mesmo proxecto para o exercicio de 2019 (que non chegou a publicarse) e o ditame emitido polo Consello con data 17 de xullo de 2019 (Ditame 22/19), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
A modificación máis destacable, respecto do tecto do proxecto anterior, afecta aos requisitos esixidos ás persoas beneficiarias (artigo 6). Así, no proxecto anterior esixíase que o cese da actividade se producira con tres meses de antelación polo menos e que tivera cotizado anteriormente polo menos durante tres meses no RETA ou calquera outro réxime por conta propia. No novo proxecto, eses dous prazos de tres meses pasan a ser de seis meses.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 15 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dez específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 39/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que se fai difícil ditaminar un proxecto de orde cando a mesma orde prevista para o exercicio anterior non chegou a convocarse, polo que non se coñece a súa eficacia. A isto hai que engadir o feito de que o novo proxecto introduce modificacións respecto ao anterior.

Segunda.
Este Comité considera que se debería coordinar o programa regulado neste proxecto normativo cos restantes programas dirixidos a persoas autónomas co fin de simplificar o procedemento de acceso a esas axudas.

Terceira.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Cuarta.
Este Comité observa erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico, por exemplo: “beneficiario” no artigo 23 ou “os cidadáns” na disposición adicional cuarta, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Polo tanto proponse unha revisión do texto.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que os dous primeiros parágrafos da exposición de motivos deberían eliminarse polo seu contido superfluo e prescindible, en especial a última frase.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Este Comité considera redundante o contido dos artigos 1 (obxecto da orde) e 2 (obxecto das bases reguladoras), xa que é evidente que comparten obxectivo e se alinean nunha mesa finalidade, polo que se propón que se unifique o seu contido nun so artigo.

Terceira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias e requisitos.
O apartado a) do proxecto anterior establecía, como requisito, que o cese da actividade se producira con tres meses de antelación, polo menos. O novo texto esixe un mínimo de seis meses.

Este Comité propón que se recupere a previsión do anterior proxecto e se rebixe a esixencia temporal a tres meses.

Obsérvase o mesmo respecto do apartado b) deste artigo.

Cuarta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 1 deste precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes será ata o 30 de setembro de 2020.

Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar, así, un posible período de lagoa.

Quinta.- Artigo 17. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2, o prazo para resolver e notificar será de tres meses.

Este Comité considera que deberían especificar que o prazo será, como máximo, de tres meses.

Sexta.- Artigo 18. Anticipos de pagamento.
O apartado d) deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 21.e), 23.2 e 24.1.e).

Sétima.- Artigo 20. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.

Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 22.

Oitava.- Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Este Comité considera que os apartados 3 e 4 deste precepto poden levar a confusión ou erro, polo que debería clarificarse o contido de ambos preceptos.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 7. Axudas.
O apartado b) deste artigo outorga ata 6.000 euros para a formación.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 85 euros/hora.

Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle uns requisitos de topes de gastos equivalentes aos que se recollen na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste artigo prevé o reintegro das axudas concedidas en caso de incumprir a obriga de manter a actividade empresarial polo menos dous anos, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria e que a actividade se mantivera, polo menos, durante dous anos.

A CEG considera ese prazo de dous anos excesivo e propón que se reduza a un ano.

Número ditame
39