Ir o contido principal

Ditame 40/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “máis do 30 % das persoas traballadoras autónomas de Galicia sitúase por riba dos 55 anos, o que incide na necesidade de poñer en marcha un programa de substitución no emprego autónomo que permita aproveitar os esforzos realizados durante a etapa de consolidación do negocio por parte da persoa que deixa a actividade, á vez que se xeran oportunidades para novas persoas autónomas coas máximas garantías.

Co programa de relevo xeracional búscase que outra persoa emprendedora adquira o negocio e continúe con el, a través da concesión de axudas económica para a realización dun relevo xeracional ordenado nos negocios dos autónomos.

As actuacións desta orde compleméntanse coa web da oficina do autónomo, onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios onde os interesados poden poñerse en contacto e onde a persoa transmisora e a persoa adquirinte poden inscribirse no programa de relevo xeracional”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do mesmo proxecto para o exercicio de 2019 (que non chegou a publicarse) e o ditame emitido polo Consello con data 22 de xullo de 2019 (Ditame 25/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A modificación máis destacable que presenta o novo proxecto afecta aos requisitos esixidos ás persoas beneficiarias destas axudas (artigo 6). Así, requírese que teñan 60 anos ou máis, cando no proxecto anterior a idade mínima que se esixía era de 55.

Pola súa banda, o artigo 22 engade tres novos apartados que concreta algúns supostos nos que procede un reintegro total ou parcial da axuda.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 15 de novembro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e oito específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, dúas consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 40/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera que se fai difícil ditaminar un proxecto de orde cando a mesma orde prevista para o exercicio anterior non chegou a convocarse, polo que non se coñece a súa eficacia. A isto hai que engadir o feito de que o novo proxecto introduce modificacións respecto ao anterior.

Segunda.
Este Comité considera que a Xunta debería habilitar un sistema para por en contacto a posibles transmisores e posibles adquirentes, que verlara pola veracidade das ofertas e, ao mesmo tempo, promocionara e dera a coñecer estas axudas.

Terceira.
Este Comité observa que neste proxecto normativo existen algúns erros ortográficos, por exemplo “axudas económica” en lugar de “axudas económicas” (exposición de motivos), “exixidos” en vez de “esixidos” (artigo 11) ou “obrigas (...) que se establezan nesta orde” en lugar de “obrigas (...) que se establecen nesta orde” (artigo 23).
Tamén se observa o emprego do masculino xenérico, por exemplo “beneficiarios” (artigo 6) ou “o solicitante” (artigo 18), que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva, así como o emprego das barras (“herdeiros/as” no artigo 15).

Proponse, polo tanto, a súa revisión.

Cuarta.
Varios artigos deste proxecto fan referencia aos Anexos II e III.

Este Comité non pode pronunciarse respecto dos ditos anexos xa que non foron remitidos xunto co proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 5. Financiamento.
Este Comité propón que se engada un apartado neste artigo que prevexa que, de producirse remanentes nunha aplicación orzamentaria, poderanse reasignar as contías sobrantes na outra, tal como se prevé en outras ordes.

Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado a) deste artigo esixe á persoa traballadora autónoma que vai transmitir o seu negocio o requisito de ter, polo menos, 60 anos.

No proxecto de orde previsto para 2019, a esixencia era ter 55 anos ou máis.

Este Comité propón que se recupere a previsión do anterior proxecto.

Obsérvase o mesmo para o previsto no apartado c) deste novo texto.

Terceira.- Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación.
Segundo o apartado 1 deste precepto o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de novembro de 20120.

Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar así un posible período de lagoa.

Cuarta.- Artigo 17.Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo, o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.

Este Comité considera que o dito prazo debería reducirse sensiblemente, dada a sinxeleza dos trámites e comprobacións a levar a cabo no procedemento. Ademais, en todo caso, debería especificar que se trata dun prazo máximo.

Quinta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Sexta.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Este Comité considera que os apartados 3 e 4 deste precepto poden levar a confusión ou erro, polo que debería clarificarse o contido de ambos preceptos.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería introducir un novo artigo no texto deste proxecto que relacionara o seguintes requisitos para optar ás axudas:
1. A persoa beneficiaria ten que estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. É preciso que se vaia a levar a cabo a mesma actividade que se viña realizando e no mesmo local, en caso de necesitar local.
3. Que o negocio a transmitir sexa un negocio consolidado, entendendo como tal o feito de que leve polo menos cinco anos del alta no RETA.

Segunda- Artigo 20. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se deberían engadir dúas obrigas máis ás aquí relacionadas:
-Manter a actividade durante como mínimo dous anos.
-Non simultanear esta actividade con outra por conta allea no mesmo período.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:

A orde ten por finalidade apoiar o relevo xeracional de xeito ordenado. A tal fin, fináncianse gastos de asesoramento previo do adquirente.

No caso da axuda ao potencial adquirente, a CEG considera que debería preverse a posibilidade de que, tras o estudo da operación e aínda que non tivera lugar a transmisión, fosen subvencionables os gastos de asesoramento, xa que non sempre o resultado da avaliación dá como resultado esa transmisión.

A CEG propón, tamén, que se financien estes gastos coa oportuna verificación de que dito asesoramento foi realizado.

Consideracións específicas:

Primeira.-Artigo 8. Subvencións.
Segundo o apartado 2, o asesoramento poderá ser efectuado por empresas, entidades ou profesionais adicados ao asesoramento e polas asociacións de traballadores autónomos.

Este Comité considera que, ademais, debería permitirse que efectúen asesoramento as asociacións empresariais, xa que non se entende que non estean contempladas sendo o fomento da creación de empresas un dos seus fins para o cal contan con persoal especializado e experiencia, independentemente da fórmula xurídica e do réxime de cotización da persoa beneficiaria.

Segunda.-Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste artigo prevé o reintegro das axudas concedidas en caso de incumprir a obriga de manter a actividade empresarial polo menos dous anos, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria e que a actividade se mantivera, polo menos, durante dous anos.

A CEG considera ese prazo de dous anos excesivo e propón que se reduza a un ano.

Número ditame
40