I. ANTECEDENTES
O día 22 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, no deseño e xestión das políticas activas de emprego débese ter en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza á poboación con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de persoas traballadoras presenta.
Dentro dos colectivos indicados existen grupos que, debido a súa tipoloxía concreta, teñen maiores dificultades de acceso ao mercado ordinario de traballo. Esta realidade esixe a adopción de medidas específicas, que se poderían considerar de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a súa empregabilidade.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 29 de agosto de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 22 de xullo de 2019 (Ditame 24/2019), obsérvase que se tiveron en conta dúas consideracións de fondo das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
A única modificación que cómpre destacar é o incremento do prazo para a presentación das solicitudes de un a dous meses (artigo 21). Ademais, como novidade, fíxase o 30 de setembro de 2020 como prazo final de presentación aínda no caso de que transcorreran os dous meses antes sinalados.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 7 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha consideración xeral e doce específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e catro consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 34/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2020”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2019 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que é prematuro valorar este novo proxecto cando a mesma orde para o ano 2019 se publicou no mes de agosto e está, polo tanto, aínda en período de execución e non se coñecen datos ao respecto, nin sequera provisionais.
Segunda. Este Comité propón que, no Capítulo II “Programa de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio”, se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.
Terceira.
Obsérvanse algúns erros ao longo do texto do proxecto normativo:
-O emprego do masculino xenérico, que non consideramos a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva (por exemplo: emigrante retornado no artigo 46).
-En varios artigos (3, 5, 29, 30, 46 e 47) empréganse as letras j e k, que son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Proponse unha revisión do texto e a súa corrección.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
O apartado 1.b) deste precepto inclúe, como un dos tipos de axuda recollidos, o bono formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde.
Tendo en conta que o artigo 19.2 establece que “por medio destes bonos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea e pola formación”, este Comité considera que se debería substituír a redacción do dito apartado 1.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás empresas que teñan a persoas traballadoras contratadas por medio desta orde”.
Segunda- Artigo 5. Definicións.
O apartado 11 deste artigo relaciona os sectores que terán a consideración de estratéxicos aos efectos desta orde.
Este Comité considera que se non se debería delimitar a obtención dunha axuda maior ás empresas pertencentes a un grupo limitado de sectores, xa que isto non favorece nin a inserción nin a creación de emprego, que serían os obxectivos perseguidos con esta norma.
Terceira- Artigo 6. Solicitudes.
Os artigos 6 e 8 falan indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.
Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 15.
No mesmo sentido, proponse homoxeneizar o contido do artigo 15 co título do mesmo.
Cuarta- Artigo 20. Persoas destinatarias finais.
Segundo este precepto, as destinatarias finais dos programas regulados neste proxecto normativo serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.
Este Comité propón que se recolla dunha maneira explícita a posibilidade de que sexan destinatarias das axudas aquelas persoas con discapacidade que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada.
Quinta- Artigo 22. Instrución, resolución e competencia.
Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.
Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza.
Sexta- Artigo 27. Contía dos incentivos.
Este Comité considera que se debería habilitar unha partida específica destinada a adaptar os postos de traballo ás persoas con discapacidade contratadas con cargo a esta axuda.
Sétima- Artigo 28. Exclusións.
O apartado 2 exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.
Este Comité considera que se debería revisar este apartado 2 en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.
Oitava.- Artigo 31. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Novena.- Artigo 42. Persoas destinatarias finais.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.
Este Comité propón que se redefinan os supostos relacionados neste apartado para adecualos á normativa vixente. Así, por exemplo, a discapacidade auditiva é unha discapacidade sensorial que aquí aparece separadamente.
Por outra banda, este Comité considera que o grao de discapacidade esixido neste artigo debería ser o mesmo en todos os supostos, o 33%, independentemente do tipo de discapacidade xa que estamos ante persoas que presentan as mesmas dificultades de inserción laboral.
Décima.- Artigo 50. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4, “non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décima primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Décima segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
CONSIDERACIÓN XERAL:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Consideracións específicas:
Primeira.-Artigo 1.Obxecto e principios de xestión.
En relación a este artigo 1 e ao Capítulo II da orde, as organizacións sindicais que integran este Comité non comparten o feito de que se subvencione a contratación temporal, xa que se trata de promover a inserción laboral en igualdade de condicións co emprego ordinario.
Subsidiariamente, propoñen que as contratacións sexan por un mínimo de 9 meses para así xerar a dereito a desemprego.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 1.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.
Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa na sección terceira.
Terceira.-Artigo 27. Contía dos incentivos
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o importe da subvención non debería superar unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.
Cuarta- Artigo 26. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Quinta.- Artigo 28. Exclusións.
O apartado 4 deste precepto exclúe dos beneficios regulados neste proxecto de orde ás persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que ese prazo de tres meses debería incrementarse.
Sexta- Artigo 32. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo obriga ás entidades beneficiarias a manter á persoa contratada no cadro de persoal durante dous anos.
As organizacións sindicais propoñen que se eleve a duración da obriga ata os cinco anos.
Sétima .- Artigo 34. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.
Oitava .- Artigo 34. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).
Novena .- Artigo 36. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora.
Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.
Décima.- Artigo 37. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.
Décima primeira .- Artigo 37. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.
Décima segunda .- Artigo 37. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e principios de xestión.
A CEG propón que as persoas traballadoras obxecto dunha transformación de contratos temporais en indefinidos poidan ser destinatarias do bono formación.
Obsérvase o mesmo respecto dos artigos 19.2.b), 34.1 e 36.
Segunda.- Artigo 26. Requisitos.
Segundo o apartado 5.b), non se incentivará a transformación dos contratos temporais en indefinidos sempre que transcorresen máis de 24 meses desde a súa celebración inicial, con algunhas excepcións.
A CEG propón que se elimine o dito apartado polo seu carácter limitativo.
Terceira.- Artigo 28. Exclusións.
A CEG propón a revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3, en liña coas previsións e bonificacións recollidas no artigo 6 da Lei 43/2006, de fomento do emprego.
Cuarta.- Disposición transitoria.
Proponse incluír unha Disposición transitoria na que se exprese que, en caso de vixencia da orde, se hai disposición normativa que acredite e aclare a consideración de persoa con discapacidade ás persoas pensionistas de incapacidade permitan, conforme prevé o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, e que sexa aplicable aos efectos desta orde e dende a súa entrada en vigor.
O obxectivo desta proposta é que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade a efectos de poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.