Ir o contido principal

Ditame 4/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciada polo PO FSE Galicia 2014-2020 e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de febreiro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciada polo PO FSE Galicia 2014-2020 e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego de grupos de persoas traballadoras con maiores dificultades.

Na programación dos incentivos para o ano 2019, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos co obxectivo de poñer a disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 27 de xuño de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de abril de 2018 (Ditame 15/2018), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha consideración de carácter formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

Na orde para o exercicio anterior era obxecto de incentivo, unicamente, a contratación indefinida inicial. Segundo o artigo 1 deste proxecto, en 2019 o bono de contratación subvencionará, ademais, a contratación temporal cunha duración inicial de 12 meses, a transformación de contratos temporais en indefinidos e a transformación dos contratos indefinidos a tempo parcial en a tempo completo.
En canto ao financiamento (artigo 4) obsérvase un incremento nas contías asignadas de 1.830.593 euros.

O artigo 6 exclúe a posibilidade de que as entidades sen ánimo de lucro poidan adquirir a condición de beneficiarias destas axudas.

Respecto da contratación indefinida inicial (artigo 21), obsérvase que soamente pode ser obxecto de subvención no caso dunha contratación a tempo completo, mentres que a orde para o ano anterior permitía subvencionar a contratación a tempo parcial.
O artigo 22 recolle as contías dos incentivos. En primeiro lugar, a contía correspondente ás contratacións indefinidas increméntase de 7.000 a 12.000 euros por cada muller contratada. No caso das contratacións temporais a contía será de 6.000 euros e, en ambos casos, cabe un incremento do 25% para certos supostos.

Pola súa banda, a transformación de contratos temporais en indefinidos incentívanse con 4.000 euros e o incremento da xornada dun contrato indefinido a tempo parcial a un a tempo completo incentivarase con 2.000 euros.

Polo que respecta ao bono de formación, na orde anterior fixábase a duración da acción formativa en 50 horas. O actual artigo 29 mantén esa duración no caso dos contratos temporais pero auméntaa a 70 horas para os contratos indefinidos. Nas transformacións de contrato temporal a indefinido e nos incrementos de xornada non procedería o bono de formación.

A contía do bono formación (artigo 31) será de 4.000 euros por cada muller contratada de xeito indefinido e de 2.000 no caso de contratación temporal, mentres que na orde anterior a contía prevista era de 1.000 euros.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciada polo PO FSE Galicia 2014-2020 e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 4 de marzo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: trece manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e sete manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 4/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciada polo PO FSE Galicia 2014-2020 e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2019, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de febreiro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de marzo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Obsérvanse algúns erros ao longo do proxecto normativo:

En primeiro lugar, chama a atención que unha orde que subvenciona a contratación e formación exclusivamente de mulleres desempregadas, faga referencia á situación en que a persoa incorporada sexa un inmigrante retornado en vez de unha inmigrante retornada e se empreguen as barras (por exemplo “ser galego/a nado/a en Galicia), tal e como acontece no artigo 5.

Así mesmo, obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 5, 6, 16 e 25, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, este Comité considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3 deste precepto establece que non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, entre elas, non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité considera que a dita Lei de subvencións debería modificarse de xeito que recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Obsérvase o mesmo respecto do previsto nos artigo 16.a), 26.2 e 32.3.

Terceira.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
Os apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á presentación das solicitudes por medios electrónicos.

Este Comité considera que, na medida en que as persoas autónomas poden ser beneficiarias destas axudas, debería respectarse a posibilidade legal de optar por realizar calquera trámite presencialmente.

Cuarta.- Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo esixe adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Fondo Social Europeo.

Este Comité propón que se suprima este apartado, xa que no apartado g) se recolle dun xeito máis amplo.

Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Segundo este artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións temporais cunha duración inicial mínima de doce meses.

As organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Segunda.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo fai referencia ao límite da contía da subvención. Así mesmo, o artigo 22 recolle as contías dos incentivos.

As organizacións sindicais que integran este Comité considera que o límite da subvención debería ser o importe da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

Terceira.- Artigo 21. Requisitos.
O apartado 1 deste artigo establece que para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Obsérvase o mesmo no apartado 2 deste artigo respecto do cálculo do incremento do cadro de persoal neto.

Cuarta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 4 deste precepto exclúe dos beneficios regulados neste proxecto de orde ás persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que ese prazo de tres meses debería incrementarse.

Quinta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1.a) deste artigo obriga á entidade beneficiara a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de dous anos, contado desde a data de realización da contratación.

O apartado 1.b) esixe manter durante o mesmo prazo o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial.

Finalmente, o apartado 1.c) establece que a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración respecto a cada un dos dous anos seguintes ao mes no que se realizou a contratación subvencionada.

As organización sindicais consideran que ese período de dous anos debería incrementarse sensiblemente.

Sexta .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O segundo parágrafo dos apartados 1.a) e 1.b) establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial”.

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.

Sétima .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.

Oitava .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Novena .- Artigo 30. Lugar de impartición das accións formativas.
As organizacións sindicais consideran que se debería indicar no texto da orde que o tempo de formación forma parte da xornada laboral.

Décima .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora.

Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Décima primeira.- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Décima Segunda .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décima Terceira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades de formación.

A CEG considera que as ditas entidades non deberían estar excluídas en tanto en canto son entidades empregadoras.

Segunda.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

A CEG considera que debería articularse unha fórmula que permita ás entidades levar a cabo a substitución da persoa neste momento do procedemento, do mesmo xeito que se prevé esta posibilidade no artigo 27 para o momento posterior á concesión da axuda.

Terceira.- Artigo 13. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.

A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.

Cuarta.- Artigo 21. Requisitos.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial.

Quinta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 3 deste precepto exclúe dos beneficios regulados no programa as contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

A CEG considera que esa exclusión debería afectar, unicamente, ás contratacións dos 12 meses anteriores, tendo en conta as circunstancias do tecido empresarial.

Sexta.- Artigo 29. Accións subvencionables.
O apartado 1.b) deste precepto fixa o número de horas de duración da acción formativa en 70 (no caso dos contratos indefinidos) e en 50 (no caso dos contratos temporais).

A CEG considera que carece de sentido vincular o número de horas da formación ao tipo contractual, polo que propón que a duración da acción formativa sexa a mesma en todo caso.

Sétima.- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións da percepción.
Na mesma liña que na consideración anterior, a CEG considera carece de sentido vincular a contía da axuda para formar a unha persoa ao tipo contractual, polo que propón que a contía sexa a mesma en todo caso.

Número ditame
4