Ir o contido principal

Ditame 30/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de outubro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego de grupos de persoas traballadoras con maiores dificultades.

Na programación dos incentivos para o ano 2020, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos co obxectivo de poñer a disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 25 de abril de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2019 (Ditame 4/2019), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única novidade destacable que se observa no novo proxecto, respecto á Orde para o exercicio de 2019, é o aumento da contía do orzamento para estas axudas nun 1.000.000 de euros, pasando de 3. 339.267 a 4.339.267.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 18 de outubro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha xeral e trece específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e seis manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 30/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, e a formación das mulleres desempregadas e se procede a súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de outubro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
O apartado 2.b) deste precepto inclúe, como un dos tipos de axuda recollidos, o bono formación dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde.

Tendo en conta que o artigo 29.1 establece que “as empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde”, este Comité considera que se debería substituír a redacción do dito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás empresas que teñan a mulleres traballadoras contratadas por medio desta orde”.

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
Obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 5, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Igual consideración se formula respecto dos artigos 6 e 25.

Terceira.- Artigo 5. Definicións.
No apartado d) obsérvase o uso das barras (os/as fillos/as das persoas galegas), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Cuarta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, este Comité considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.

Quinta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3 deste precepto establece que non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, entre elas, non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité considera que a dita Lei de subvencións debería modificarse de xeito que recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Obsérvase o mesmo respecto do previsto nos artigo 16.a), 26.3 e 32.3.

Sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Sétima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Segundo o apartado 2.a) deste artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións temporais cunha duración inicial mínima de doce meses.

As organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 20.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no Capítulo III.

Terceira.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo fai referencia ao límite da contía da subvención. Así mesmo, o artigo 22 recolle as contías dos incentivos.

As organizacións sindicais que integran este Comité considera que o límite da subvención debería ser o importe da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

Cuarta.- Artigo 21. Requisitos.
O apartado 1 deste artigo establece que para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán ás persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Obsérvase o mesmo no apartado 2 deste artigo respecto do cálculo do incremento do cadro de persoal neto.

Quinta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 4 deste precepto exclúe dos beneficios regulados neste proxecto de orde ás persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que ese prazo de tres meses debería incrementarse.

Sexta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1.a) deste artigo obriga á entidade beneficiara a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de dous anos, contado desde a data de realización da contratación.

O apartado 1.b) esixe manter durante o mesmo prazo o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial.

Finalmente, o apartado 1.c) establece que a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración respecto a cada un dos dous anos seguintes ao mes no que se realizou a contratación subvencionada.

As organización sindicais consideran que ese período de dous anos debería incrementarse sensiblemente.

Sétima .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O segundo parágrafo dos apartados 1.a) e 2.b) establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial”.

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.

Oitava .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.

Novena .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Décima .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora.

Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Décima primeira.- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Décima Segunda .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décima Terceira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades de formación.

A CEG considera que as ditas entidades non deberían estar excluídas en tanto en canto son entidades empregadoras.

Segunda.- Artigo 13. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.

A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.

Terceira.- Artigo 21. Requisitos.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial.

Cuarta.- Artigo 29. Accións subvencionables.
O apartado 1.b) deste precepto fixa o número de horas de duración da acción formativa en 70 (no caso dos contratos indefinidos) e en 50 (no caso dos contratos temporais).

A CEG considera que carece de sentido vincular o número de horas da formación ao tipo contractual, polo que propón que a duración da acción formativa sexa a mesma en todo caso, xa que está máis directamente relacionada coas tarefas vinculadas ao posto de traballo que coa duración do contrato.

Quinta.- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións da percepción.
Na mesma liña que na consideración anterior, a CEG considera carece de sentido vincular a contía da axuda para formar a unha persoa ao tipo contractual, polo que propón que a contía sexa a mesma en todo caso.

Sexta.- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
O apartado 2.b) deste precepto require a presentación dun documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda.

A CEG considera excesivo que se esixa presentar ese documento nos termos manifestados, sobre todo tendo en conta que no texto da Orde non se recolle a presentación de dita acreditación como obriga da entidade beneficiaria.

Número ditame
30