I. ANTECEDENTES
O día 13 de febreiro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a Exposición de motivos, a Xunta está a implementar a Axenda 20 para o Emprego, co fin de impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.
A Axenda 20 céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.
Esa sería a liña que segue este proxecto normativo, orientado cara as persoas mozas desempregadas.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 3 de maio de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de febreiro de 2018 (Ditame 3/2018), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Para ser subvencionable, a contratación debe ser a tempo completo (artigo 20), mentres que a orde anterior permitía solicitar a axuda tamén por contratacións a tempo parcial.
A contía base dos incentivos no exercicio anterior era de 5.000 euros. O novo proxecto fixa a contía en 6.000 euros no caso de contratacións indefinidas e en 3.000 euros para contratacións temporais (artigo 22).
Neste mesmo artigo recóllense os dous supostos en que se incrementa a contía base nun 25%
(no caso de que a empresa ocupe a máis de 50 persoas traballadoras e teña unha taxa de estabilidade mínima do 70% ou no caso de que a actividade da entidade pertenza ao ámbito de sectores estratéxicos). Suprímense, por tanto, os tres supostos que se recollían na orde anterior.
No artigo 27 obsérvase que o novo proxecto esixe á entidade beneficiaria manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un período de dous anos (na orde anterior a obriga abranguía soamente un ano).
En canto á duración das accións formativas, mentres que na orde anterior era dun mínimo de 50 horas, o artigo 29 prevé ese sexa o mínimo no caso dos contratos temporais e esixe un mínimo de 70 horas para os contratos indefinidos.
Finalmente, a contía do bono de formación mantense en 2.000 euros pero soamente para as contratacións temporais. O bono de formación asociado a unha contratación indefinida conta cun incentivo de 4.000 euros (artigo 31).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 25 de febreiro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.
Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dúas xerais e dez específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e sete específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 2/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de febreiro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Obsérvanse algúns erros ortográficos e lingüísticos ao longo do proxecto normativo (“un ha empresa” no artigo 22.1), así como o emprego do masculino xenérico (“os solicitantes” no artigo 6.4 ou “os cidadáns” na disposición adicional segunda) que non se considera a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.
Así mesmo, obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 5 e 6, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.
Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
O mesmo obsérvase respecto do previsto nos artigos 15.c), 26.4 e 32.3.
Segunda.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
Os apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á presentación das solicitudes por medios electrónicos.
Este Comité considera que, na medida en que as persoas autónomas poden ser beneficiarias destas axudas, debería respectarse a posibilidade legal de optar por realizar calquera trámite presencialmente.
Terceira.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Este Comité considera que se debería especificar no texto da orde en que casos procede o reintegro das axudas concedidas e que porcentaxe se debe reintegrar en cada un deles.
Cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das consideracións finais.
Quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
CONSIDERACIÓNS XERAIS:
Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
As organizacións sindicais non comparten, como xa se ten considerado nalgún ditame anterior, que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global, con consecuencias como o minúsculo éxito da convocatoria anterior que afectou a vinte persoas traballadoras en toda Galicia.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que debería recuperarse o previsto na Orde para o exercicio de 2017, a cal esixía ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade, se ben se considera que a dita taxa mínima debería elevarse ao 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.
Segunda.- Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Segundo este artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións cunha duración inicial mínima de doce meses.
Sen prexuízo do disposto na consideración xeral deste Anexo I, as organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.
Terceira.- Artigo 21. Requisitos.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que, para o cálculo do incremento do persoal neto e fixo e no que respecta ás baixas por xubilación, soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Cuarta.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
Este precepto establece que as novas contratacións incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada como indefinida ou de 3.000 euros se a contratación é temporal.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 14.4 e 31.
Quinta .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.
Sexta .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).
Sétima .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.
Oitava .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.
Novena .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.
Décima .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, a CEG considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas, cunha liña específica, as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.
Segunda.- Artigo 11. Instrución do procedemento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.
A CEG considera que debería articularse unha fórmula que permita ás entidades levar a cabo a substitución da persoa neste momento do procedemento, do mesmo xeito que se prevé esta posibilidade no artigo 27 para o momento posterior á concesión da axuda.
Terceira.- Artigo 12. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.
A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.
Cuarta.- Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial.
Quinta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 3 deste precepto exclúe dos beneficios regulados no programa as contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.
A CEG considera que esa exclusión debería afectar, unicamente, ás contratacións dos 12 meses anteriores, tendo en conta as circunstancias do tecido empresarial.
Sexta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1.b) deste artigo establece a obriga de manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal durante polo menos dous anos.
A CEG considera que debería recuperarse o previsto na orde para para o exercicio anterior, na que o dito período era de un ano.
Sétima.- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
O apartado 1.b) deste precepto fixa o número de horas de duración da acción formativa en 70 (no caso dos contratos indefinidos) e en 50 (no caso dos contratos temporais).
A CEG considera que carece de sentido vincular o número de horas da formación ao tipo contractual, polo que propón que a duración da acción formativa sexa a mesma en todo caso.