Ir o contido principal

Ditame 33/17

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de outubro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral. Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

No capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo e establece as medidas para o fomento e sustentamento das empresas de inserción laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicada no DOG o día 14 de xullo de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de abril de 2017 (Ditame 15/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

O artigo 17 incorpora a posibilidade de levar a cabo pagamentos á conta da subvención concedida, ata un máximo do 90% de dita subvención, nas axudas á contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social, nas de contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción e nas axudas á contratación de persoas técnicas en orientación.

Nas axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción (artigo 27) e de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción (artigo 28), así como nas axudas para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción (artigo 29), obsérvase a supresión do incremento dun 25% na contía anual da subvención para o suposto de que a persoa contratada pertenza a unha unidade familiar na que todas as persoas que a compoñen estean desempregadas.

Respecto das dúas primeiras axudas citadas, tamén se elimina a previsión de incrementar a contía da subvención nun 25% no caso de contratación de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

Consecuentemente, redúcese a contía máxima prevista nos artigos 27 e 28 para o suposto de concorrencia de todas as circunstancias que ditos preceptos recollen e que dan lugar a un incremento na subvención: así, na axuda prevista no artigo 27, a contía máxima a acadar será de 12.000 euros en lugar de 16.000 e na que prevé o artigo 27, será de 18.000 en lugar dos 24.000 que prevía a orde anterior.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 9 de novembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e dez consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).

DITAME 33/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité observa numerosos erros lingüísticos e ortográficos ao longo do texto do proxecto de orde, por exemplo: “outrubro” en vez de outubro (artigo 12.3), “inmobilidado” en vez de inmobilizado e “exercizo” en vez de exercicio (artigo 29) ou “costes” en lugar de custos (artigo 31.2).

Tamén se observa que o segundo parágrafo do artigo 17.9 se reproduce novamente no parágrafo seguinte.

Proponse, en consecuencia, unha revisión do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 19.
Segunda. – Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
O apartado 5.b) deste precepto esixe ás entidades beneficiarias presentar unha memoria descritiva e detalla o contido da dita memoria.

Este Comité considera que se debería incluír nesa memoria a presentación dun cronograma do ritmo de execución das accións subvencionadas, xa que o artigo 17.7 supedita os pagamentos á conta da subvención a ese ritmo de execución.

Terceira.- Artigo 11. Comprobación de datos.
Este Comité considera que se debería invertir a numeración dos artigos 11 e 12 deste proxecto normativo e, para que a súa ordenación sexa máis lóxica, figurar primeiro o contido do artigo 12 e despois a regulación relativa á comprobación de datos.

Cuarta. - Artigo 12. Consentimientos e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Quinta.- Artigo 18. Incompatibilidades.
No seu apartado 1, este artigo establece a incompatibilidade das axudas reguladas neste proxecto con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas.

Pola súa banda, o apartado 2.c) do artigo 21 inclúe, entre os supostos en que procede o reintegro das axudas concedidas, a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados.

Este Comité propón que se clarifique o réxime de incompatibilidades, xa que no primeiro suposto se fala de “incompatibilidade das axudas polos mesmos conceptos” mentres que no segundo se fai referencia á “incompatibilidade das axudas para a mesma finalidade”.

Sexta. – Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias, estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “ningunha outra débeda, por ningún concepto” pendente de pagamento á Administración, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima. – Artigo 34. Documentación complementaria.
Neste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.
Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento podería non resultar operativa.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 35.

Oitava.- Artigo 35. Documentación xustificativa das axudas.
Este artigo 35, no apartado 2.d), establece a documentación específica que debe presentarse respecto da subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. No segundo ítem (II), esíxese ás empresas beneficiarias da axuda presentar un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no que acredite que o gasto a xustificar corresponde á adquisición de bens inmobles.

Este Comité considera que se debería aclarar que comprende esa certificación do taxador independente e a que fai referencia exactamente.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 28. Contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.

Número ditame
33