Ir o contido principal

Ditame 42/17

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2018 e 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2018 e 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Xunta de Galicia está a implementar a Axenda 20 para o Emprego co obxectivo de impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia, baseado no crecemento e no coñecemento.

A Axenda 20 para o Emprego contempla unha folla de ruta que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para isto céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade, estimulando o emprego indefinido a tempo completo para crear ou converter en indefinidos 50.000 contratos; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes de emprego e ás empresas.

Así mesmo, dentro do segundo reto, incluíuse a formación e a capacitación como pancas de cambio.

Pola súa banda, na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015, contémplase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

Tamén debe terse en conta o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 que, por unha banda, recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables e que contempla, como prioridade de actuación, o aumento da empregabilidade e a produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e a innovación constante. Por outra banda, este Plan marca como un dos seus obxectivos a mellora da calidade da formación profesional para o emprego.

Este proxecto é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido pódese destacar o seguinte:

Segundo o artigo 1, a finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas que operan nos ditos sectores.

A contía destas axudas é de 3.500.000 euros para o ano 2018 e 1.051.020,82 para 2019 (artigo 4).

O artigo 8 relaciona os sectores estratéxicos a efectos dese proxecto normativo.

En canto ás actividades subvencionables, o artigo 9 recolle dúas liñas: unha de apoio para formacións xa establecidas cun programa que se identificou acorde coas necesidades da entidade beneficiaria e outra de apoio para a implementación de proxectos de formación a medida.

Pola súa banda, o artigo 13 relaciona os gastos subvencionables mediante as axudas reguladas neste proxecto.

O artigo 22 enumera os criterios de avaliación e selección dos proxectos formativos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2018 e 2019” consta de: Exposición de motivos, cincuenta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 5 de decembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dúas xerais e cinco específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II) e seis específicas manifestadas pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo III).

DITAME 42/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2018 e 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
A Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, establece no seu Artigo 1º que este organismo “constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral”, así como que o CGRRLL “conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins nos termos desta lei”.

Pola súa vez, o Artigo 3º, relativo ás súas funcións preceptúa que “No desenvolvemento das súas funcións, o Consello Galego de Relacións Laborais actúa con autonomía respecto da Xunta de Galicia e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma de Galicia”, concretando a función de “Emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”, establecendo a liña seguida que “O prazo para a emisión dos ditames será de trinta días hábiles cando se trate de borradores de anteproxectos de lei e de decretos, e de quince días hábiles cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior. Para o efecto de cumprir axeitadamente os devanditos prazos constituirase un Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames, coas funcións, a composición e as características que se establezan por acordo do Pleno”.

Os prazos que a lei establece entendemos que veñen fundamentados na necesidade de que os ditames do Consello ofrezan á Administración Laboral a opinión consensuada, ou no seu caso de parte, das organizacións que formamos o organismo, o que require dun procedemento de estudo de cada proxecto normativo, consulta nas diferentes organizacións, preparación de propostas de consideracións e posta en común das diferentes aportacións, ademáis do traballo técnico previo e posterior do persoal ao servizo do Consello. Desenvolver todo este procedemento coa mínima calidade esixible require, efectivamente, dos prazos razonables que a Lei outorga, por máis que o froito do traballo do Comité de Ditames, á luz da experiencia, non ten toda a axeitada resposta que sería desexable por parte da autoridade laboral.

Cómpre lembrar que o Comité Delegado adoita emitir os seus ditames sen esgotar os prazos de emisión e atendendo en moitas ocasións os requirimentos da maior axilidade posible.

Débese ter tamén en conta algo obvio: as persoas que fan parte do Comité de Ditames en representación das organizacións non teñen adicación exclusiva ao servizo deste órgano colexiado. Compartimos o criterio de máxima urxencia cando a norma ven motivada por sucesos extraordinarios que reclamen unha áxil resposta, pero é difícil de entender cando, como é o caso, este proxecto (así o afirma a súa exposición de motivos) vense preparando dende a elaboración –fai máis de dous anos- das que a Consellería denomina “Axenda 20” ou “Plan estratéxico de Galicia 2015-2020”.

Pois ben e en concreto, este proxecto normativo tivo entrada no Consello o día 27 de novembro de 2017, tendo polo tanto un prazo de emisión que se estendería até o 20 de decembro de 2017. Sen embargo, por razóns de urxencia (que a Lei non prevé) se nos requiriu pola Consellería o seu despacho en escasos 5 días, co agravante neste caso de tratarse dun proxecto normativo de nova creación, sen antecedentes.

Cómprenos advertir que esta premura non pode redundar máis que nun tratamento insuficiente e superficial do proxecto de norma, cuestión que sen dúbida pode afectar seriamente o exercicio responsable da función consultiva que a Lei nos sinala.

Por todo iso, este Comité Delegado demanda encarecidamente da Administración laboral que a tramitación dos proxectos normativos se axuste aos preceptos legais.

Segunda
Este Comité observa numerosas incorreccións ortográficas en materia de xénero ao longo do texto do proxecto normativo, tanto relativas ao emprego das barras (“alumnos/as” no artigo 5, “dos/as” no artigo 6, “xefe/a técnico/a” no artigo 16, entre outros moitos) como a uso masivo do masculino xenérico (“traballadores” nos artigos 9, 16, 35 ou 43, “o coordinador” no artigo 9, “auditor” no artigo 13 ou “formadores” no artigo 22, entre outros moitos) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.
Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Terceira.
Este Comité observa que existen numerosos erros no emprego da lingua galega e, en xeral, na redacción do proxecto sometido a ditame:
.O mal uso do pronome reflexivo “se”: “tamén consideraranse financiables (...) os custos” ou “os gastos asociados á bolsa de viaxe que derívense dun desprazamento” (ambos exemplos no artigo 13).
.O uso da letra j na clasificación do artigo 8, que é unha letra impropias do alfabeto galego.
.No artigo 38 emprégase en varias ocasións o termo “curmá” en lugar de “prima”, que sería o termo correcto.
.Non se respecta a correspondencia de xénero, por exemplo, “dous ou máis solicitudes” e “dous ou máis propostas”, ambos no artigo 22.
.Faise referencia á Lei xeneral de subvencións en lugar de Lei xeral de subvencións (artigos 2,14 ou 18, entre outros).
.No final do artigo 1.2 alúdese ás empresas que operan nestes os sectores identificados como estratéxicos.
.O apartado 3 do artigo 9 precisa revisar a súa redacción.
.O artigo 13 establece que: “os custos asociados á bolsa non situarse por encima do 20%”.

Proponse, polo tanto, a corrección do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 18. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar os documentos e, en segundo lugar, a presunción de que autoriza expresamente ao órgano xestor para que consulte eses datos.

Segunda- Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes.
No apartado 2 o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Terceira.- Artigo 23. Resolución.
Segundo o apartado 1 deste precepto: “transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude”.

Este Comité considera que a expresión en cursiva debería substituírse por unha fórmula máis axeitada, como “entenderán desestimada” ou “deberán entender desestimada”.

Cuarta.- Artigo 35. Xustificación dos custos de impartición de docencia.
Este Comité observa que se fai referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é preciso facer referencia a estes últimos.

Quinta.- Artigo 46.Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado, como si ocorre no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación, que tamén foi obxecto de ditame por este Comité na data de hoxe.

Sexta.- Artigo 47. Pago e liquidación de subvencións.
No apartado 7 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Disposición adicional.
Considérase que o título debería ser “disposición adicional única”, posto que soamente hai unha.

Oitava.- Disposicións finais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

Novena.- Disposición final segunda.
Esta disposición faculta á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para interpretar as bases da presente convocatoria de axudas.

Este Comité considera que se debería suprimir esta previsión, xa que a interpretación das bases non pode ser facultade da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao seu persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevee legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que habería que engadir e lembrar que o criterio unánime do Consello Galego de Relacións Laborais, segundo se fai constar na Consideración Xeral Primeira do seu ditame 18/2014 é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais propoñen que se esixa, como requisito para ser entidade beneficiaria das axudas, que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

Así mesmo, debería engadirse un apartado que especifique que non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención salvo nos seguintes casos:

a) Que tivesen un expediente de regulación de emprego derivado de forza maior nese período.

b) Se non teñen a súa sede social en Galicia, que non reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso nos seus centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a contratación comprometida por esta axuda supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda e a contratación indefinida do 20 % do alumnado que inicie o curso.

d) Que a contratación comprometida por esta axuda supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda e que o compromiso de contratación sexa superior ao 90 %.

Todo isto para garantir o mantemento do emprego.

Segunda.- Artigo 7. Obrigación de estabilidade.
O parágrafo 2 deste artigo establece un período mínimo dun ano de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa apoiada.

As organizacións sindicais consideran que se debería incrementar sensiblemente ese período mínimo esixido.

Terceira.- Artigo 8. Sectores estratéxicos.
As organizacións sindicais consideran que a relación dos sectores que se consideran estratéxicos é limitativa e deixa fóra ao groso da economía galega.

Cuarta.- Artigo 9. Actividades subvencionables.
Respecto ao previsto neste artigo, as organizacións sindicais consideran que calquera programa de formación subvencionado con fondos públicos debe formar parte do plan de formación da empresa e contar coa conformidade da representación legal das persoas traballadoras.

Quinta.- Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes.
En relación coa consideración específica segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 13. Gastos elixibles.
Segundo o apartado 2.b) “non serán subvencionables os complementos ou pluses salariais non previstos na lexislación laboral, nos convenios colectivos que resulten de aplicación ou no contrato da persoa traballadora, que asuma as funcións docentes”.

Proponse que se suprima o parágrafo transcrito, por tratarse dun tema de administración laboral da entidade.

Segunda.- Artigo 13. Gastos elixibles.
O apartado 2.d) establece, no seu último parágrafo, que a imputación de aluguer entre os conceptos de locais, instalacións, maquinaria ou plataformas de teleformación non poderá superar o 10 % do custo total de impartición da acción formativa.

Considérase que ese límite do 10% debe incrementarse en función da tipoloxía do curso, a actividade concreta e outros criterios que deberían ser valorados.

Terceira.- Artigo 25. Recursos.
Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nas convocatorias en que se empregan.


ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 7. Obrigación de estabilidade.
O segundo parágrafo deste artigo establece un período mínimo dun ano de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa apoiada.

A CEG propón que se flexibilice ese prazo mínimo dun ano, e se teña en conta circunstancias puntuais como aqueles casos nos que a carga de traballo sexa estacional ou dependa de contratos con data de entrega.

En todo caso e, en atención ás ditas circunstancias, é preciso que se regule a posibilidade de devolver a parte proporcional da axuda e non a contía total.

Segunda.- Artigo 7. Obrigación de estabilidade.
O último parágrafo deste artigo recolle os supostos en que non procede a obriga de devolver a axuda en caso de incumprimento da esixencia de manter a estabilidade no emprego por período mínimo dun ano, vista na consideración anterior.

A CEG propón que se engada a baixa voluntaria da persoa traballadora entre eses supostos.

Terceira.- Artigo 8. Sectores estratéxicos.
A CEG considera necesario completar os sectores estratéxicos de referencia en atención ao recollido na mencionada Axenda da Competitividade de Galicia: Industria 4.0, de xeito que non se circunscriban aos relacionados neste artigo.

Isto sería: Agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural e textil/moda, co obxectivo de dotar de recursos formativos a todos os sectores emerxentes e acadar, así, un maior impacto.

Cuarta.- Artigo 10.Calendario de execución dos proxectos formativos.
Segundo este precepto, serían financiables as actuacións implementadas desde o 1 de xullo de 2017.

A CEG propón a modificación do calendario de execución de xeito que estea en coherencia coa previsible data de publicación da orde.

Quinta.- Artigo 11. Orzamento do proxecto.
Aínda que se establece a posibilidade de que sexan beneficiarias as agrupacións de empresas, descoñécese como afecta o límite orzamentario regulado no artigo 11 no caso que unha mesma entidade poida estar en varias agrupacións.

A CEG entende que as entidades educativas públicas non deberían participar desta formación, x xa que posúen o seu propio ámbito de traballo así como un financiamento propio.
Sexta.- Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes.
O apartado 1.c) valora con 30 puntos a experiencia e capacidade do cadro docente proposto.

A CEG propón que se valore a capacidade da empresa ou entidade acreditada para impartir a formación e que esa capacidade non estea asociada exclusivamente á docencia, senón a outros elementos como, por exemplo, as instalacións.

Número ditame
42