Ir o contido principal

Ditame 17/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de relevo xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de relevo xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, máis do 30 % das persoas traballadoras autónomas de Galicia sitúase por riba dos 55 anos, o que incide na necesidade de poñer en marcha un programa de substitución no emprego autónomo que permita aproveitar os esforzos realizados durante a etapa de consolidación do negocio por parte da persoa que deixa a actividade, á vez que se xeran oportunidades para novas persoas autónomas coas máximas garantías.

Co programa de relevo xeracional búscase que outra persoa emprendedora adquira o negocio e continúe con el, a través da concesión de axudas económica para a realización dun relevo xeracional ordenado nos negocios dos autónomos.

As actuacións desta orde compleméntanse coa web da oficina do autónomo, onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios onde os interesados poden poñerse en contacto e onde a persoa transmisora e a persoa adquirinte poden inscribirse no programa de relevo xeracional.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

As axudas previstas neste proxecto financiaranse cun crédito de 500.000 euros (exposición de motivos e artigo 5).

Segundo o artigo 7, a persoa transmisora e a persoa adquirinte terán unha axuda consistente no pagamento do 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1.000 € para a persoa transmisora e de 1.500 € para o adquirinte.

O dito artigo regula ese servizo de asesoramento en canto ao seu contido e alcance.

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte a data de publicación da orde e remata o 30 de setembro (artigo 9), mentres que o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador (artigo 17).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de relevo xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 3 de maio de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e doce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración xeral non unánime manifestada pola CEG.

DITAME 17/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de relevo xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de abril de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de maio de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera que esta actuación debería enmarcarse dentro dun programa máis amplo que promova o relevo xeracional e garanta a continuidade daqueles proxectos que resulten viables, sen limitarse en exclusiva ao asesoramento profesional.

Segunda.
Este Comité observa que neste proxecto normativo existen algúns erros ortográficos, por exemplo “axudas económica” en lugar de “axudas económicas” (artigo 2.2), “exixidos” en vez de “esixidos” (artigo 10) ou “obrigas (...) que se establezan nesta orde” en lugar de “obrigas (...) que se establecen nesta orde” (artigo 24).
Tamén se observa o emprego do masculino xenérico, por exemplo “beneficiarios” (artigo 6) ou “o solicitante” (artigo 8), que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Proponse, polo tanto, a súa revisión.

Terceira.
O artigo 15 deste proxecto de orde alude ao Anexo I, mentres que no artigo 18 se fai referencia ao Anexo II.

Este Comité non pode pronunciarse respecto dos ditos anexos xa que non foron remitidos xunto co proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que será beneficiaria a persoa traballadora autónoma que vai transmitir o seu negocio por cese, debido a que teñan 63 anos ou máis, ou pola declaración de incapacidade total ou absoluta recoñecida polos órganos competentes.

Este Comité considera que debería flexibilizarse esa idade mínima e que a declaración de grande invalidez debería incluírse como unha causa de cese que dea lugar á condición de persoa beneficiaria.

Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
No parágrafo segundo do apartado 1 establécese que, no caso das persoas traballadoras autónomas societarias, para ser beneficiarios desta axuda a transmisión das accións da sociedade debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirinte.

Este Comité considera que a referencia debería facerse á transmisión das accións ou das participacións da sociedade.

Terceira.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Segundo o apartado 1 deste precepto o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de setembro de 2018.

Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar así un posible período de lagoa.

Cuarta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Segundo o apartado 2 deste artigo, as persoas autónomas que exercen unha actividade económica dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen.

Este Comité considera que desta presunción derívase unha obriga que, legalmente, non procede esixir ás persoas autónomas sen persoal ao seu cargo, polo que propón que se elimine do texto do proxecto de orde.

Quinta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 soamente permite a presentación electrónica das solicitudes.

Xa que a lei permite que as persoas autónomas que non teñan persoas empregadas poidan levar a cabo os trámites de xeito presencial, este Comité considera que debería adaptarse este apartado para cumprir coa legalidade vixente.

Sexta.- Artigo 12.Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido no apartado 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga das persoas interesadas de achegar as certificacións e, en segundo, a opción de autorizar ao órgano xestor para que solicite esas certificacións.

Sétima.- Artigo 17.Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo, o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.

Este Comité considera que o dito prazo debería reducirse sensiblemente, dada a sinxeleza dos trámites e comprobacións a levar a cabo no procedemento.

Oitava.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 25. Réxime das axudas.
No apartado 2 deste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Décima.- Disposición adicional única.
Esta disposición aproba a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Este Comité considera que esta disposición debería redactarse en coherencia co previsto no artigo 8 do proxecto normativo, que outorga a competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente por razón de territorio.

Décima primeira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Décima segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A orde ten por finalidade apoiar o relevo xeracional de xeito ordenado. A tal fin, fináncianse gastos de asesoramento previo tanto do transmitente como do adquirente.

No caso da axuda ao potencial adquirente, a CEG considera que debería preverse a posibilidade de que, tras o estudo da operación e aínda que non tivera lugar a transmisión, fosen subvencionables os gastos de asesoramento, xa que non sempre o resultado da avaliación dá como resultado esa transmisión.

Número ditame
17