Ir o contido principal

Ditame 16/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á primeira convocatoria.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de maio de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á primeira convocatoria. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Xunta de Galicia está a implementar a Axenda 20 para o Emprego co obxectivo de impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia, baseado no crecemento e no coñecemento.

A Axenda 20 para o Emprego contempla unha folla de ruta que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para isto céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade, estimulando o emprego indefinido a tempo completo para crear ou converter en indefinidos 50.000 contratos; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes de emprego e ás empresas.

Pola súa banda, na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015, contémplase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

Tamén debe terse en conta o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 que, por unha banda, recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables e que contempla, como prioridade de actuación, o aumento da empregabilidade e a produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e a innovación constante. Por outra banda, este Plan marca como un dos seus obxectivos a mellora da calidade da formación profesional para o emprego.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 2 de febreiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2017 (Ditame 42/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións, tanto de fondo como formais, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 4 obsérvase un incremento na contía asignada a estas axudas de 1.983.885,87 de euros.

A obriga de estabilidade que recolle o artigo 7 esixe un período mínimo de 6 meses de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa, de xeito que se reduce á metade o período establecido na orde anterior.

Ademais, a orde anterior prevía a renuncia total ou a devolución da axuda para o caso de incumprimento desta obriga, salvo nalgúns supostos previstos no último parágrafo deste artigo. O novo proxecto prevé a posibilidade de renuncia parcial así como de devolución dunha parte proporcional das axudas e, ademais, engade o suposto de que a perda de emprego sexa motivada por abandono voluntario da persoa traballadora ou por mellora do seu emprego entre as causas polas que non se apreciaría incumprimento.

En canto ao orzamento do proxecto formativo, o artigo 11 incrementa de 200.000 a 1.000.000 de euros o orzamento máximo financiable por cada entidade solicitante ou agrupación de entidades solicitantes.

O artigo 12, pola súa banda, fixa a intensidade da axuda e sinala que, respecto da Liña I, se financiará a totalidade dos gastos elixibles cunha contía máxima de 200.000 euros para o conxunto do período que abarca esta convocatoria mentres que, para a Liña II establece se financiarán o 50% dos gastos cun máximo de 1.000.000 de euros para o mesmo período.

Minórase a contía da axuda en concepto de aloxamento e manutención que se fixaba en 80 euros/día na orde anterior e agora é de 50 euros/día (artigo 13).

O artigo 22 relaciona os criterios de valoración de expedientes e obsérvanse varias modificacións. Outórganse ata 30 puntos en función do tamaño da entidade solicitante, ó que supón un incremento de 10 puntos nesta valoración.
Na orde anterior valorábase con 30 puntos a experiencia e capacidade do cadro docente proposto e graduábase esa puntuación en función da experiencia acreditada. No novo proxecto, é obxecto de valoración (25 puntos) a capacidade acreditada pola entidade que vai a desenvolver a formación.

Engádense novos criterios a valorar: a inclusión de accións formativas segundo a Lei 30/2015 e o investimento tecnolóxico da entidade.

Polo que respecta aos anticipos, regulados no artigo 41, as empresas beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización dos anticipos que establecía a orde anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á primeira convocatoria” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e tres disposicións finais.

O día 27 de maio de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dúas xerais e seis específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 16/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e procédese á primeira convocatoria, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de maio de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité observa numerosas incorreccións ortográficas en materia de xénero ao longo do texto do proxecto normativo, tanto relativas ao emprego das barras (“polo/a profesional” no artigo 13 ou “formador/a” no artigo 37) como ao uso do masculino xenérico (“traballadores” nos artigos 13 e 37 ou “formadores” no artigo 13) que consideramos que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Segunda
Este Comité observa que existen numerosos erros no emprego da lingua galega e, en xeral, na redacción do proxecto sometido a ditame:
.O mal uso do pronome reflexivo “se”: “cando nunha acción detéctese a existencia de irreguladidades” (no artigo 39).
.O uso da letra j na clasificación do artigo 8, que é unha letra impropias do alfabeto galego.
.No final do artigo 1.2 alúdese ás empresas que operan nestes os sectores identificados como estratéxicos.
.O apartado 3 do artigo 9 precisa revisar a súa redacción.

Proponse, polo tanto, a corrección do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que permita ser beneficiarias das axudas aquí reguladas a empresas que estean vinculadas as cales, coa actual regulación, non teñen cabida ao non poder formar parte de agrupacións e non poder, así, presentar plans agrupados de formación.

Segunda.- Artigo 8. Sectores estratéxicos.
Este Comité considera que a relación dos sectores que, segundo este precepto, se consideran estratéxicos é limitativa e deixa fóra ao groso da economía galega.

Así, entenden que sería necesario completar os sectores estratéxicos de referencia en atención ao recollido na Axenda da Competitividade de Galicia: Industria 4.0, de xeito que non se circunscriban aos sectores relacionados neste artigo.

Terceira.- Artigo 16. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Este Comité propón que se habilite un prazo que permita á entidade solicitante achegar documentación antes de valoración da solicitude, xa sexa para corrixir ou completar a xa presentada, sen que medie requerimento algún por parte da Administración.

Cuarta- Artigo 18. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar os documentos e, en segundo lugar, a presunción de que autoriza expresamente ao órgano xestor para que consulte eses datos.

Quinta.- Artigo 21. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha débeda.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo se observa respecto dos artigos 32.3 e 36.11.

Sexta.- Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes.
No apartado 2 o emprego da lingua galega valórase como criterio de desempate secundario para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sétima.- Artigo 25. Recursos.
Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nas convocatorias en que se empregan.

Oitava.- Artigo 40.Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera que se debería harmonizar a redacción deste artigo coa que conteñen o resto de proxectos normativos nos que, simplemente, se fai unha referencia á normativa correspondente.

Novena.- Disposicións finais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

Décima.- Disposición final segunda.
Esta disposición faculta á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para interpretar as bases da presente convocatoria de axudas.

Este Comité considera que se debería suprimir esta previsión, xa que a interpretación das bases non pode ser facultade da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao seu persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevee legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Consello non atopan moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais propoñen que se esixa, como requisito para ser entidade beneficiaria das axudas, que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

Así mesmo, debería engadirse un apartado que especifique que non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención salvo nos seguintes casos:

a) Que tivesen un expediente de regulación de emprego derivado de forza maior nese período.

b) Se non teñen a súa sede social en Galicia, que non reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso nos seus centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a contratación comprometida por esta axuda supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda e a contratación indefinida do 20 % do alumnado que inicie o curso.

d) Que a contratación comprometida por esta axuda supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda e que o compromiso de contratación sexa superior ao 90 %.

Todo isto para garantir o mantemento do emprego.

Segunda.- Artigo 7. Obrigación de estabilidade.
O parágrafo 2 deste artigo establece un período mínimo de seis meses de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa apoiada.

As organizacións sindicais consideran que se debería incrementar sensiblemente ese período mínimo esixido.

Terceira.- Artigo 9. Actividades subvencionables.
Segundo o apartado 2 deste artigo, a duración mínima das accións formativas implementadas na liña II deberá ser de 40 horas.

As organizacións sindicais consideran que debería ampliarse esa duración, xa que se trata de formación “á carta” á cal se están a destinar moitos recursos.

Cuarta.- Artigo 9. Actividades subvencionables.
Respecto ao previsto neste artigo, as organizacións sindicais consideran que calquera programa de formación subvencionado con fondos públicos debe formar parte do plan de formación da empresa e contar coa conformidade da representación legal das persoas traballadoras.

Quinta.- Artigo 11. Orzamento do proxecto normativo.
Á vista deste precepto, así como tamén dos artigos 12 e 13, chama a atención a flexibilidade e as facilidades que se lle permiten ás entidades beneficiarias en materia de xustificación económica, en contraste coas esixencias e limitacións que se observan en convocatorias semellantes.

Sexta.- Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes.
En relación coa consideración específica sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 9. Actividades subvencionables.
Este artigo esixe, respecto das accións formativas da Liña II, contra cun mínimo de cinco persoas traballadoras ocupadas.

A CEG propón que permita un número de alumnos mínimo inferior a cinco por cada acción formativa de tal modo que se poidan atender aos requerimentos de formación, sexa cal sexa o número de persoas que a requiran, dado que esta orden ten como finalidade a formación e a mellora da cualificación e da competitividade.

Segunda.- Artigo 9. Actividades subvencionables.
O mesmo precepto fixa a duración mínima das accións formativas implementadas na Liña II en 40 horas,
A CEG considera que debería permitirse unha duración inferior no caso de que a acción formativa requira menos horas, téndose en conta a especificidade da formación regulada neste proxecto normativo.

Número ditame
16