Ir o contido principal

Ditame 15/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego de grupos de traballadores con maiores dificultades.

Na programación dos incentivos para o ano 2018, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos co obxectivo de poñer a disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, esta orde ten por obxecto facilitar a inserción laboral das mulleres traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo e inclúe dous tipos de axudas compatibles: un bono de contratación e un bono de formación.

A contía para subvencionar estas axudas ascende a 1.469.996 euros (artigo 4).

O artigo 7 establece que o prazo xeral para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da orde e rematará o 30 de setembro de 2018, mentres que o prazo para resolver (artigo 13) será de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.
O capítulo II deste proxecto regula o Programa de bonos de contratación que incentiva a contratación indefinida inicial de mulleres en situación de desemprego cunha axuda de 7.000 euros por cada muller contratada aínda que, en certos supostos que recolle o artigo 23, esa contía incrementarase nun 25%.

Pola súa banda, o capítulo III regula o Programa de bonos de formación que financia a formación das mulleres traballadoras contratadas ao abeiro do programa de bonos de contratación. Segundo o artigo 33, esta formación incentivarase cunha axuda de 1.000 euros por cada muller que a reciba na súa integridade.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e cinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 25 de abril de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dez consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 15/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de abril de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de abril de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Obsérvanse numerosos erros ao longo do proxecto normativo:
En primeiro lugar, chama a atención que unha orde que subvenciona a contratación e formación exclusivamente de mulleres desempregadas, faga referencia a mulleres traballadoras (artigo 1) ou á situación en que a persoa incorporada sexa un inmigrante retornado en vez de unha inmigrante retornada (artigo 23).

Tamén é preciso unha revisión do texto respecto do emprego do masculino xenérico (“os solicitantes” no artigo 6 ou “os cidadáns” no artigo 7) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

O artigo 34.2 establece que deben presentarse “os contidos das accións formativas na empresa, con descrición deses contidos”, frase que resulta redundante e que debe corrixirse.

Así mesmo, obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 6, 16 e 26, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4. Orzamentos.
Segundo o apartado 3 deste artigo, “a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia a 31 de decembro de 2017”.

Este Comité considera que a dita porcentaxe debería ser do paro feminino rexistrado en cada provincia.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
O apartado 3 deste precepto establece que non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, entre elas, non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité considera que a dita Lei de subvencións debería modificarse de xeito que recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo obsérvase respecto do previsto no artigo 16.a).

Terceira.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2018.

Este Comité considera que este prazo é moi curto, en previsión da data de publicación deste proxecto de orde polo que propón que se amplíe e, ademais, que se cubran os posibles períodos de lagoas hasta a publicación da orde do seguinte exercicio.

Cuarta.- Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo esixe adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité propón que se suprima este apartado, xa que no apartado g) se recolle dun xeito máis amplo.

Quinta.- Artigo 20. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Sexta.- Artigo 22. Requisitos.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “A xornada da contratación inicial será a tempo completo ou a tempo parcial. segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal. No caso da xornada a tempo parcial deberá de ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal”.

Este Comité considera que se debería eliminar a parte en cursiva.

Sétima.- Artigo 27. Xustificación, pagamentos e informe final.
O apartado 2 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 34.3

Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O último parágrafo deste artigo fai referencia ao límite da contía da subvención. Así mesmo, o artigo 23 recolle as contías dos incentivos.

As organizacións sindicais que integran este Comité considera que o límite da subvención debería ser o importe da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 22. Requisitos.
O apartado 3 deste artigo establece que para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Obsérvase o mesmo no apartado 4 deste artigo respecto do cálculo do incremento do cadro de persoal neto.

Terceira.- Artigo 24. Exclusións.
O apartado 4 deste precepto exclúe dos beneficios regulados neste proxecto de orde ás persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que ese prazo de tres meses debería incrementarse.

Cuarta.- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo obriga á entidade beneficiara a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de dous anos, contado desde a data de realización da contratación.

O apartado 2 esixe manter durante o mesmo prazo o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial.

Finalmente, o apartado 3 establece que a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración respecto a cada un dos dous anos seguintes ao mes no que se realizou a contratación subvencionada.

As organización sindicais consideran que ese período de dous anos debería incrementarse sensiblemente.

Quinta .- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.
O segundo parágrafo do apartado 1 establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial”.

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.

Sexta .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.

Sétima .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Oitava .- Artigo 31. Execución das accións formativas.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Novena .- Artigo 32. Lugar de impartición das accións formativas.
As organizacións sindicais consideran que se debería indicar no texto da orde que o tempo de formación forma parte da xornada laboral.

Décima .- Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada e que debería reducirse sensiblemente.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades de formación.

A CEG considera que as ditas entidades non deberían estar excluídas en tanto en canto son entidades empregadoras.

Segunda.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

A CEG considera que debería articularse unha fórmula que permita ás entidades levar a cabo a substitución da persoa neste momento do procedemento, do mesmo xeito que se prevé esta posibilidade no artigo 28 para o momento posterior á concesión da axuda.

Terceira.- Artigo 13. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.

A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.

Cuarta.- Artigo 24. Exclusións.
O apartado 3 deste precepto exclúe dos beneficios regulados no programa as contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

A CEG considera que esa exclusión debería afectar, unicamente, ás contratacións dos 12 meses anteriores, tendo en conta as circunstancias do tecido empresarial.

Número ditame
15