Ir o contido principal

Ditame 21/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante os Programas de Emprego con Apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de maio de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante os Programas de Emprego con Apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, esta orde agrupa os programas que teñen por obxecto favorecer a creación de emprego para as persoas con discapacidade na empresa ordinaria mediante o Programa de emprego con apoio e o Programa de contratación parcial das persoas con discapacidade.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 21 de xuño de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de abril de 2017 (Ditame 14/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Este proxecto de orde mantén o programa de emprego con apoio xa regulado na orde anterior pero, respecto do programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, en 2018 unicamente se vai a subvencionar a contratación a tempo parcial (artigo 1).

En canto ao financiamento (artigo 2), a contía total que prevía a Orde anterior ascendía a 1.600.000 euros (posteriormente ampliada en 500.000 euros máis) mentres que o novo proxecto fixa a contía total das axudas en 1.000.000 euros.

Polo que respecta ao procedemento de concesión das subvencións, pásase dun procedemento de concorrencia competitiva a un de concorrencia non competitiva, como establece o artigo 11.

En canto ao programa de emprego con apoio, obsérvase un incremento nas contías base das axudas que recolle o artigo 25.

Polo que respecta ao programa de fomento da contratación a tempo parcial, inclúe dous tipos de axudas compatibles: bono de contratación e bono de formación (artigo 35).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante os Programas de Emprego con Apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 30 de maio de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dezaseis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: tres consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 21/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante os Programas de Emprego con Apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de maio de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de maio de 2018 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité propón que, no Capítulo II “Programa de emprego con apoio”, se recollan axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.

Segunda.
Este Comité considera que deberían xustificarse as fortes minoracións orzamentarias sufridas nos últimos exercicios.

Terceira.
Obsérvase que no proxecto normativo non se recollen as subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral.

Este Comité non está conforme coa supresión destas subvencións e propón que se volvan a regular no proxecto normativo, considerándose imprescindibles as actuacións de prospección laboral consistentes na promoción, difusión, asesoramento, busca activa, selección, entrevista e consulta e información ás potenciais entidades empregadoras dos traballadores e traballadoras con discapacidade cuxa inserción laboral se persegue.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira- Artigo 21. Persoas destinatarias finais.
Segundo este precepto, as destinatarias finais dos programas regulados neste proxecto normativo serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.

Este Comité propón que se consideren tamén destinatarias aquelas persoas con discapacidade que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 36.

Segunda.- Artigo 21. Persoas destinatarias finais.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.

Este Comité propón que esa porcentaxe se substitúa pola do 33% por razóns de non discriminación, xa que nos outros dous supostos recollidos neste apartado, é esa a porcentaxe esixida.

Terceira.- Artigo 22. Proxectos de emprego con apoio.
A letra f) do apartado 1 deste artigo establece que a empresa nomeará, entre o seu persoal, un coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

Este Comité considera que debería esixirse, como requisito necesario, a posesión dunha titulación universitaria ou formación profesional de ciclo superior da rama social, á vista dos labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora.

Cuarta.- Artigo 24. Preparadores e preparadoras laborais.
O apartado 1 deste artigo establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son as do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das titulacións universitarias oficiais da rama social.

Quinta.- Artigo 25. Contía das axudas.
O apartado 2 deste artigo fixa a contía da axuda por preparador ou preparadora laboral en función do número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 24.2. Sen embargo, mentres que o artigo 24.2 recolle catro supostos diferentes o artigo 25.2 alude a tres supostos soamente. Polo tanto, este Comité considera que debería aclararse se se trata dun erro e a referencia debería facerse ao artigo 21.1 e non ao 24.2.

Sexta.- Artigo 26. Documentación complementaria do programa emprego con apoio.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

A mesma consideración se formula respecto dos artigos 27 e 48.

Sétima.- Artigo 31. Documentación xustificativa da axuda.
No apartado 1, letra a) deste artigo, esíxese a presentación da “certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores ou preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do Anexo III, xunto con copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.”

Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta outros medios legais que xustifiquen o pagamento dos salarios.

Oitava.- Artigo 32. Obrigas específicas, incumprimentos e reintegros.
O apartado 1 deste precepto obriga ás entidades beneficiarias a manter os postos de traballo dos preparadores e preparadoras laborais polo período subvencionado. Ao ter en conta que este proxecto de orde fixa a duración dos contratos nun mínimo de seis meses, este Comité considera que a esixencia aquí recollida é moi flexible e que debería garantirse que se estende máis alá deses seis meses.

Novena.– Artigo 32. Obrigas específicas, incumprimentos e reintegros.
O apartado 3 deste artigo establece que: “Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións deste programa seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, deberán achegar a memoria anual conforme ao previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005”.

Este Comité propón que se corrixa a redacción errónea.

Décima.- Artigo 41. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Décima primeira.-Artigo 45. Contía dos incentivos.
O apartado 2 deste artigo recolle os supostos nos que a contía do incentivo se verá incrementada nun 25%, entre eles, o caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

Este Comité considera que se debería suprimir o contido entre paréntese.

Décima segunda.-Artigo 46. Exclusións.
O apartado 2 exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.

Este Comité considera que se debería revisar este apartado 2 en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.

Décima terceira.-Artigo 49. Xustificación e pagamento.
O apartado 4 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décima cuarta.-Artigo 51. Reintegros no bono de contratación.
O establecido no punto 1 deste artigo da a entender que a entidade beneficiaria debe proceder ao reintegro ou devolución total do importe da subvención naqueles casos nos que a persoa contratada con carácter de substituta non teña unha discapacidade de entidade igual ou superior á persoa substituída.

Este Comité considera que debería permitirse cubrir a eventual vacante con calquera outra persoa con discapacidade e, no caso de que a persoa substituta presente unha discapacidade “atenuada” con respecto á persoa inicialmente contratada, a subvención debería ser modulada á baixa realizando en consecuencia un reintegro parcial.

En atención a esta circunstancia e segundo o recollido no artigo 29 da Orde do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se convocan para o ano 2018, propoñemos incluír no artigo 51 unha letra “c)” que recolla a posibilidade anteriormente exposta para o reintegro parcial da subvención.

Décima quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décima sexta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que os centros especiais de emprego con ánimo de lucro, pola súa propia natureza de carácter empresarial, non deberían poder ser beneficiarios destas axudas ao contar, ademais, cun marco regulador suficiente específico para esas entidades. Así mesmo, consideran que non debería permitirse que os centros especiais de emprego asinen convenios con outras empresas para cederlles persoas traballadoras e que tal feito sexa obxecto de subvención.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité amosan o seu desacordo co feito de que esta orde fomenta, exclusivamente, a contratación temporal e a tempo parcial, sendo esta última precisamente a modalidade contractual coa normativa reguladora máis perversa e facilitadora de todo tipo de fraude.

Terceira.
Respecto ao bono de formación para accións formativas regulado na Sección 2ª do capítulo III deste proxecto normativo, as organizacións sindicais consideran que calquera programa de formación subvencionado con fondos públicos debe formar parte do plan de formación da empresa e contar coa conformidade da representación legal das persoas traballadoras.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 35. Obxecto do programa de contratación a tempo parcial,por conta allea.
Nesta Orde elimínanse os incentivos á adaptación dos postos de traballo, á dotación de equipos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ás persoas con discapacidade, ou á eliminación de barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo.
A CEG entende que é preciso recuperar esta medida (tanto en xornada completa como parcial) e, de ser o caso, propoñer a súa mellora para adecuar a realidade das empresas ás necesidades reais das propias persoas con discapacidade.

Segunda.- Artigo 45. Contía dos incentivos.
A este respecto a CEG considera que cómpre as seguintes cuestións:

- Non se diferencia con maior subvención á contratación parcial indefinida da temporal.
- En relación cos incrementos da contía previstos no apartado 2 deste artigo, consideran que sería convinte introducir unha ulterior medida de discriminación positiva a favor daquelas persoas con discapacidade que presentan maiores dificultades de inserción socio-laboral. O precepto non incorpora ningún incentivo a persoas con discapacidade en función do tipo e grao de discapacidade, polo que non se adopta medida de acción positiva ao respecto.
A CEG considera que o incremento do 25% que se establece neste apartado 2 do artigo 45 debería aplicarse tamén a aquelas persoas con discapacidade física e/ou orgánica cun grao igual e/ou superior ou superior ao 45%.

Número ditame
21