- ANTECEDENTES
O día 14 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 25 de xaneiro de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 12 de novembro de 2018 (Ditame 35/2018), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Respecto do programa I (promoción do emprego autónomo) obsérvase un incremento na contía da subvención, que pasa de 10.070.647 a 12.250.000euros (artigo 4).
En canto ao programa II, obsérvase que ademais de financiar a contratación de persoas asalariadas a través dun bono de contratación, engádese neste proxecto un bono de formación (artigo 30).
Increméntanse as contías asignadas a incentivar as contratacións, segundo o artigo 38.
En canto ao bono de formación, desenvólvese na sección 3ª (artigos 45 a 49).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, corenta e nove artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 2 de decembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e cinco específicas manifestadas por UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
|
DITAME 50/2019
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
A pesar do incremento observado na contía da axuda inicial, este Comité considera que debería aumentarse aínda máis, atendendo ao notable volume de solicitudes presentadas na pasada convocatoria.
Por outra banda, propón que se recupere a liña de axuda que subvencionaba a asistencia técnica, independentemente da natureza dos fondos con que se financie.
Segunda.
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas ou entidades beneficiarias ou interesadas cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.
Terceira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo, xa que presenta varios erros:
-Obsérvase nos artigos 18, 23, 31 e 41 a utilización da letra j, que non existe no alfabeto galego,. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
-No artigo 40.1.i) faise referencia á documentación xustificativa de haber obtido ou solicitado unha rectificación ante o Rexistro Civil, en lugar de empregar a forma correcta: ter obtido ou solicitado.
-O artigo 19 relaciona unha serie de colectivos que dan lugar a un incremento da contía da axuda, entre eles, o apartado “d) se a persoa incorporada é un emigrante retornado”, cando o apartado debería referirse a “persoas emigrantes retornadas” para respectar a linguaxe inclusiva. Isto mesmo se observa en outros artigos como o 5, o 22 ou o 38.
-Detéctanse outros erros no uso da linguaxe en materia de xénero, como o emprego das barras (“os/as fillos/as” no artigo 5 que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
-O artigo 29 fai unha referencia errónea ao apartado h) do artigo 28 cando debería facerse ao artigo 27 apartado g).
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.
Este Comité propón que o segundo parágrafo do apartado 1 deste precepto se recolla noutro artigo.
Segunda.- Artigo 25. Resolución.
Segundo o apartado 3 o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.
Este Comité considera que debería especificarse que se trata dun prazo máximo.
Terceira.- Artigo 26. Xustificación e pagamento.
O apartado 3 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión.
Este Comité propón que se estableza expresamente un prazo razoable para a presentación da documentación, que podería ser de un mes contado desde a data de recepción da resolución.
Cuarta.- Artigo 26. Xustificación e pagamento.
No apartado 4 deste artigo disponse que “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Quinta.- Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña g) do artigo 27.
Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.
Sexta.- Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 10, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.
Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.
Sétima.- Artigo 30. Obxecto dos bonos de contratación por conta allea e formación.
O apartado 2.b alude ao bono de formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde. A continuación o artigo 31 sinala que poderán ser beneficiarias das axudas reguladas por esta orde as persoas traballadoras autónomas pola primeira contratación.
En consecuencia, este Comité considera que se debería substituír a redacción do antedito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás persoas traballadoras autónomas que contraten persoal por medio desta orde”.
Oitava.- Artigo 45. Accións subvencionables e requisitos.
Segundo o apartado 1 deste artigo, as persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de contratación.
Este Comité considera que o correcto sería facer referencia aos contratos subvencionados mediante os cales se emprega a esas persoas.
Novena.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e como se observa, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 30. Obxecto dos bonos de contratación por conta allea e formación.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.
Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa na Sección 3ª.
Segunda.- Artigo 34. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 70%, ampliable ao 80%, do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.
Terceira.- Artigo 39. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.
As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.
Cuarta.- Artigo 43. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos e no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante dous anos a contar desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, respectivamente.
As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.
Quinta.- Artigo 47. Contía dos incentivos e condicións da percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada.
Debería reducirse e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
Primeira. – Artigo 18. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo co obxecto de que poidan crear o seu propio posto de traballo.
Segunda. – Artigo 22. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
O apartado 1.c) esixe presentar un plan de negocio empresarial que deberá, segundo o parágrafo seguinte, ter informada a súa viabilidade económica e financeira por unha entidade independente, entre as que figuran a Unidade de Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local, ben no momento da presentación da solicitude ou na posterior fase de xustificación do pagamento.
A CEG entende que debería ser suficiente a presentación do Plan, polo que propón que se suprima a esixencia do informe dunha entidade independente acerca da súa viabilidade.
Terceira. – Artigo 39. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.
Na opinión da CEG, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de curta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación indefinida, sempre que non exista doble financiación das subvencións na contratación.
Cuarta.- Artigo 44. Reintegros nos bonos de contratación.
No apartado 2.ii) deste artigo estipúlase que, respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fóra do prazo que concede a Orde, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do mes no que aquela se realice.
A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante, xa que se trata dun incumprimento de carácter parcial.
Tamén con respecto ao apartado 3.iiii), deberá preverse a devolución parcial tendo en conta a xornada real no mes da substitución, eliminando que o mesmo mes que se leve a cabo a substitución sexa computado entre os meses con xornada inferior.