Ir o contido principal

Ditame 7/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 2 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 20/2007, de 11 de xullo, do estatuto do traballo autónomo no artigo 31 regula as reduccións e bonificacións de cotas da Seguridade Social aplicables aos traballadores por conta propia e fixou unha redución na cotización por continxencias comúns, incluída a incapacidade temporal, que quedará fixada na contía de 50 euros mensuais durante os 6 meses inmediatamente seguintes á data de efectos do alta. Posteriormente, a Lei 6/2017, de 24 de outubro, de reformas urxentes do Traballo Autónomo na antedita lei modificou ese artigo 31 e a redución da cotización pasa de de seis meses a doce meses desde a súa entrada en vigor o día 1 de xaneiro de 2018. Polo tanto, as altas no Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores por Conta Propia ou Autónomos, feitas antes do 1 de xaneiro de 2018 seguen a rexerse polo enunciado do artigo 31 da Lei 20/2017, de 11 de xullo anterior a súa reforma e as altas feitas desde o 1 de xaneiro de 2018 rexesen polo enunciado do artigo 31 que entrou en vigor a partires de dita data.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas. É por isto que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia competitiva entre as persoas solicitantes.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 24 de agosto de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de maio de 2017 (Ditame 16/2017), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os dous seguintes aspectos:

A modificación máis importe é a relativa á notable redución da contía orzamentaria prevista para estas axudas, que pasa de 3.000.000 de euros a 750.000.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 15 de marzo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e doce consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo II) e unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo III).

DITAME 7/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de marzo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Obsérvanse numerosos erros de numeración ao longo do texto:
-Os artigos 8 e 11 presentan un único apartado numerado como 3.
-Obsérvanse dúas disposicións adicionais, pero a segunda delas aparece como disposición adicional terceira.
-Os tres apartados do artigo 20 non están numerados senón precedidos dun punto.

Obsérvase, así mesmo, un erro lingüístico no artigo 18, no que se emprega a palabra “hasta” no lugar de “ata”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes.
Este Comité considera que o prazo de presentación de solicitudes é demasiado curto e debería ser ampliado e manterse aberto durante un período suficiente para que non se produzan lagoas de cobertura.

Segunda. – Artigo 9. Solicitudes.
O apartado 1 deste precepto establece que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.
Este Comité considera que, ao tratarse de persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 13 e 17.

Terceira.- Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
No apartado 1.b) establécese que a solicitude ten que achegar os recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización.

Este Comité considera que este parágrafo é superfluo en función do disposto no artigo 12.1 d) e no artigo 18.3 e ademais é incoherente co inicio do prazo para solicitar as axudas que se sinala na orde, polo que se solicita a súa supresión.

Cuarta. - Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar é de 3 meses.

Este Comité considera que é un prazo excesivo dado que non hai concorrencia competitiva e debería reducirse.

Quinta.- Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que transcorrido o prazo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

Este Comité considera que, dada a natureza das axudas, a Administración debería facer un esforzo para que todas as solicitudes sexan resoltas expresamente e en prazo.

Sexta. - Artigo 18. Xustificación e pagamento.
O apartado 4.c) deste artigo establece como documentación xustificativa para o pagamento anticipado a declaración do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas, nacionais ou internacionais.

Este Comité considera que, para evitar confusión interpretativa, o termo “nacionais” deberíase substituir por “estatais”.

A mesma consideración formúlase para o artigo 19 e o termo “nacional”.

Sétima. – Artigo 18. Xustificación e pagamento.
O apartado 3 indica que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente “...algunha outra débeda coa Administración pública...”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Oitava. – Artigo 18. Xustificación e pagamento.
O apartado 4 b) dispón que para xustificar os pagamentos anticipados, a persoa beneficiaria deberá achegar os recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización desde a súa alta inicial ata o remate da axuda de seis meses regulada nesta orde.

Este Comité considera superfluo presentar estes recibos, posto que a Administración pode realizar a comprobación de se está ao corrente dos pagamentos.

Novena.- Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia.
Este artigo determina que as axudas serán incompatibles coas axudas establecidas na orde xeral de autónomos mediante a que se subvencionan os gastos iniciais de actividade.

Este Comité considera que a única incompatibilidade debería ser a percepción doutras axudas para a mesma finalidade.

Décima.- Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O ítem 2 deste artigo establece que procederá o reintegro no caso de falta de xustificación, xustificación insuficiente ou cando a persoa beneficiaria teña causado baixa no réxime da Seguridade Social nalgún dos meses da subvención.

Este Comité considera que debería graduarse o reintegro cando a persoa beneficiaria teña causado baixa e tipificarse as causas que dan lugar ao reintegro total ou parcial.

Décimo primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

As organizacións sindicais queren deixar constancia da súa absoluta desconformidade coas axudas públicas consistentes en bonificacións do importe das cotizacións sociais, que motivan unha redución dos ingresos do Sistema Público da Seguridade Social, como é o caso da norma estatal que dá orixe á chamada “Tarifa plana de 50€ para autónomos”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 5. Persoas beneficiarias.
Neste artigo faise referencia ao parágrafo primeiro do artigo 31.1 da lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que a mención á Lei 31/2015 non debería incluírse dado que poderían producirse posteriores modificacións a través doutras leis que a invalidaran. Deberíase eliminar a mención a dita lei e substituíla por “segundo a lexislación vixente”.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 4. Financiamento.
A CEG considera excesiva a merma orzamentaria respecto a anterior convocatoria (de 3.000.000 euros a 750.000) que está a sufrir esta axuda o que redundará no seu menor impacto e alcance dos fins que persegue.

Número ditame
7