I. ANTECEDENTES
O día 2 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Pola súa banda, no título IV do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba a texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.
Ademais, na exposición de motivos afírmase que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 27 de outubro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 13 de setembro de 2017 (Ditame 32/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os dous seguintes aspectos:
O crédito orzamentario que financia estas axudas é de 500.000 euros, o que supón unha minoración na contía de 300.000 euros (artigo 5).
O artigo 10 fixa o prazo para a presentación das solicitudes en dous meses a contar desde o día seguinte á publicación da orde, mentres que para o exercicio anterior ese prazo era dun mes.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.
O día 15 de marzo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral manifestada pola CIG.
DITAME 6/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de marzo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité observa no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións na linguaxe en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (por exemplo, “traballadores” no quinto parágrafo da exposición de motivos, artigo 6, artigo 15.c, artigo 22 e artigo 23.2.c ) polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.
Segunda.
Este Comité considera que a redacción do proxecto sometido a ditame é manifestamente mellorable e destaca, entre outros, os seguintes erros:
-O proxecto fai referencia ás persoas beneficiarias (artigo 7), persoas interesadas (artigo 13) ou entidades beneficiarias (artigo 11), polo que deberíase unificar a terminoloxía.
-O artigo 13.6 autoriza ao órgano xestor a comprobar informes de vida laboral, pero non especifica cal é organo que leva a cabo a dita autorización.
-O apartado 2 in fine do artigo 21 é incoherente tal como está redactado.
Terceira.
O artigo 11 deste proxecto normativo establece que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.
Isto resulta incoherente co previsto no artigo 21.3, segundo o cal a persoa interesada deberá manifestar a modalidade escollida para a notificación, aínda que engade a obriga de optar pola notificación por medios electrónicos.
En todo caso este Comité considera que, ao tratarse de persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 13. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.
Segunda.- Artigo 13. Consentimentos e autorizacións.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.
Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.
Terceira.- Artigo 20. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo e debería reducirse sensiblemente.
Cuarta.- Artigo 23. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Quinta.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Segundo o apartado 3.c) deste precepto: “O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder”.
Este Comite considera que se debería suprimir a parte en cursiva deste apartado, xa que estamos ante un suposto de devolución da axuda incompatible, non dunha consecuencia da falta de comunicación da obtención de dita axuda.
Sexta.- Artigo 26. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.
Sétima.- Disposición adicional.
Obsérvase unha disposición adicional que debería figurar como disposición adicional única.
Oitava.- Disposicións derradeiras [sic]
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Novena.- Disposicións derradeiras [sic]
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
En coherencia coa manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.