Ir o contido principal

Ditame 55/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
  1. ANTECEDENTES

O día 26 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo se establece na exposición de motivos, “é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego”.

Ademais, na exposición de motivos afírmase que “o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 16 de maio de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de marzo de 2019 (Ditame 9/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Ademais do bono concilia (cuxo contido se recollía xa na orde anterior), regúlase agora o bono gardería (artigo 4) que subvenciona o 75% do custo dos servizos de gardería ata un máximo de 3.000 euros.

 

En canto ao financiamento, obsérvase un incremento das contías das axudas, que pasan de 600.000 euros a 800.000 (artigo 4).

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 11 de decembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica non unánime manifestada pola CIG (Anexo II).

 

 

DITAME 55/2019

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2019, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas ou entidades beneficiarias ou interesadas cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o apartado 1 deste precepto o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de setembro de 2020.

 

Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar así un posible período de lagoa.

 

Segunda.- Artigo 13. Transparencia e bo goberno.

Segundo o apartado 1 deste precepto, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

 

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.

 

Terceira.- Artigo 19. Resolución e recursos.

O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

 

Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo polo debería reducirse e, en todo caso, propón que se especifique que se trata dun prazo máximo.

 

Cuarta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

No apartado 2 obsérvase o emprego do masculino xenérico (“o receptor e o emisor”) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva, polo que se propón a súa corrección.

 

 

 

Quinta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Sexta.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Sétima.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e como se observa, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.


ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión dun bono gardería neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono gardería para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.

 


ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

En coherencia co manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.

Número ditame
55