Ir o contido principal

Ditame 46/17

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de decembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as cooperativas (xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción ou as confrarías de pescadores), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas.

Concrétanse en dous programas, en función das posibles entidades beneficiarias, destinados a subvencionar os seus gastos de funcionamento. O primeiro programa diríxese ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e o segundo programa ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017, publicado no DOG o día 6 de abril de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de febreiro de 2017 (Ditame 7/2017), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos:

A principal modificación refírese aos programas regulados (artigo 1).

Suprímese o programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas que recollía a orde para o exercicio anterior.

Os outros dous programas que figuraban na orde de 2017 (axudas ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e axudas ás entidades asociativas de empresas de inserción laboral) fúndense nun so programa neste novo proxecto (programa II). En canto ao programa I do actual proxecto (fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais) viña recollido, no exercicio anterior, na Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Dentro do programa I, obsérvase que a realización de actividades de promoción do cooperativismo e da economía social xa non son obxecto de subvención, o que exclúe actividades como a organización de cursos, xornadas ou conferencias e a elaboración de proxectos de intercooperación e integración, entre outras (artigo 25).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 14 de decembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e quince específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha xeral e dúas específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

DITAME 46/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de decembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité solicita que se faciliten a folla de datos estatísticos do exercicio 2017 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Comprobación de datos.
En relación cos apartados 1 e 2, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar os datos e as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome esa documentación.

Segunda.- Artigo 14. Xustificación e pagamento.
O apartado 10 deste precepto establece que “en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Terceira.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado f) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade.

Este Comité propón que inclúa, no texto do proxecto normativo, unha mención expresa de cal é, concretamente, esa normativa.

Cuarta.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
O apartado 1 deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, “as cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito autonómico ou estatal”.

Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autonómicos a pertenza a organizacións estatais e que, sen embargo, se debería contemplar a posibilidade da intercoperación en ámbitos inferiores ao autonómico, polo que se propón que o dito apartado h) faga referencia ás “cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito autonómico ou inferior”.

Reitérase a mesma consideración para o artigo 32.
Quinta.- Artigo 28. Criterios de valoración.
Entre os criterios de valoración no se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Igual consideración se aplica ao artigo 35 deste proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Segundo o apartado i) deste artigo, son gastos de funcionamento subvencionables os de organización ou participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos e outras actividades.

Este Comité propón substituír a expresión en cursiva pola seguinte: “persoas vinculadas á entidade beneficiaria”.

Sétima.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Este Comité considera que se debería incluír, entre os gastos de funcionamento subvencionables, o custo financeiro derivado da execución da subvención.

Oitava.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra “j”.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Novena.- Artigo 34. Documentación complementaria.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no apartado c), copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

Este Comité considera que se debería suprimir esa referencia ás modificacións e limitarse a esixir a presentación da copia dos estatutos vixentes.

Décima- Artigo 34. Documentación complementaria.
O apartado e) deste precepto esixe presentar o “TC1 e TC2 ou documentación equivalente do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballos declarados na memoria”.
Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é preciso facer referencia a estes últimos.

A mesma consideración se formula respecto do artigo 27.b).

Décimo primeira.- Artigo 38. Convocatoria.
Obsérvase a ausencia de artigo número 37, polo que procede corrixir este erro de numeración.

Décimo segunda.- Artigo 41. Xustificación das accións subvencionadas.
Este precepto fixa a data máxima para a xustificación das accións subvencionadas no 15 de outubro de 2017, polo que procede corrixir o ano referido e substituílo polo que corresponda.

Décimo terceira.-. Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo cuarta.-. Disposición adicional segunda.
Segundo esta disposición: “se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité propón que se substitúa o texto en cursiva polo seguinte: “esta consellería poderá efectuar convocatorias complementarias”.

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

Consideración específica:

Artigo 28.Criterios de valoración.
O apartado b) deste precepto recolle os criterios de valoración das solicitudes polo nivel de actividade da asociación entre os que inclúe a taxa de estabilidade do cadro de persoal e esixe unha porcentaxe mínima de persoas traballadoras fixas do 50%.

As organizacións sindicais consideran que a porcentaxe mínima requirida debería incrementarse ata o 65%.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 35.b).

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:

Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresarias polos seguintes motivos:

• Para ter en consideración na súa redacción a recente modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto Lei 4/2015, do 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.

• Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
No apartado 1, letra i), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.

A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba en convocatorias anteriores a fin de cubrir os custos que no marco do programa se realizan.

Esta mesma consideración afectaría ao artigo 32.1.i) e j).

Segunda.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Respecto aos gastos de desprazamento e manutención referidos no apartado j) deste artigo, a CEG propón que exista a posibilidade de financiar eses gastos directamente relacionados coa actividade obxecto da subvención, sempre que se xustifiquen.

Número ditame
46