Ir o contido principal

Ditame 34/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego, en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Segundo a Exposición de motivos, os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 11 de xaneiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de novembro de 2017 (Ditame 37/2017), obsérvase que se aceptaron dúas consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, mentres que non foi tida en conta ningunha das consideracións manifestadas en canto ao fondo da norma.

A única novidade destacable deste proxecto respecto da orde para o exercicio anterior obsérvase no artigo 21 segundo o cal, no caso de incumprimento do prazo fixado para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento, procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. Na orde anterior, para este suposto, prevíanse diferentes porcentaxes de perda do dereito ao cobramento en función do atraso no prazo que se producira.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de novembro de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo un anexo cunha consideración xeral e tres específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais.

DITAME 34/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité considera que deberían argumentarse os motivos da supresión, dende a orde para o exercicio 2014, do programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero, independentemente do que se preceptúa nos apartados 5.a) e 6 do artigo 14 deste proxecto de orde.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.
Segundo o apartado 2 deste precepto, no caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
Pola súa banda, o artigo 5.1 fai referencia ao contido do punto 2.3 do citado Acordo.

Este Comité considera que debería especificarse expresamente no texto da Orde o contido dos devanditos puntos.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento.
Séguese a empregar a letra “j” na enumeración do apartado 4, letra que non forma parte do alfabeto galego. Este Comité solicita a súa substitución pola seguinte que corresponde, que é o “l”.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 19.

Quinta.- Artigo 11. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 12.

Sexta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5.g) deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité entende que se debería concretar o alcance do citado “menor nivel de protección”.

Sétima.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 6 deste artigo establécese a posibilidade de utilizar ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Oitava. Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, polo que propón que se elimine a obriga de realizalo.

Novena. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décima. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.
Consideración xeral:
Obsérvase unha drástica minoración na contía dos créditos que financian estes programas, que pasan dos 45.132.082 € do exercicio 2012 a 1.300.000€ para o 2016, 2017 e 1.500.000 para 2018 e 2019.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que o mantemento deste recorte implica unha redución da eficacia do programa á súa mínima expresión en ambas as dúas áreas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
O apartado 1.f) prevé duracións distintas para os contratos segundo o tipo de xornada de que se trate: completa (duración máxima de tres meses) ou a tempo parcial (duración máxima de seis meses).

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a duración mínima dos contratos debería fixarse en seis meses e, ademais, debería preverse que a única modalidade de contratación subvencionable sexa a xornada completa.

Segunda.- Artigo 11. Procedemento.
En relación coa consideración específica quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Terceira.- Disposición adicional segunda.
En relación coa disposición adicional segunda do proxecto normativo que se somete a ditame, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a frase “as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia” é superflua e , ademais, é impropia nunha norma xurídica.

Número ditame
34