Ir o contido principal

Ditame 41/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego, en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Segundo a Exposición de motivos: “os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 9 de xaneiro de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 5 de novembro de 2018 (Ditame 34/2018), obsérvase que se tivo en conta unha consideración de carácter formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto non presenta modificacións respecto da Orde para o ano 2019.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 15 de novembro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo un anexo cunha consideración xeral e tres específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais. 

DITAME 41/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.
En consecuencia, deberían ampliarse as contías orzamentarias asignadas a estas subvencións.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.
Segundo o apartado 2 deste precepto, no caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
Pola súa banda, o artigo 5.1 fai referencia ao contido do punto 2.3 do citado Acordo.

Este Comité considera que debería especificarse expresamente no texto da Orde o contido dos devanditos puntos.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización. Así mesmo, considérase que se debería argumentar por que se opta por consideralos non subvencionables.

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento.
Séguese a empregar a letra “j” na enumeración do apartado 4.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 19.

Quinta.- Artigo 11. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 12.

Sexta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5.g) deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité considera que se debería engadir unha definición de “menor nivel de protección social”, tal e como se fai coas responsabilidades familiares.

Sétima.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.

Oitava. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Novena. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que o reducido orzamento deste programa limita de xeito relevante a consecución dos obxectivos que persegue.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
O apartado 1.f) prevé duracións distintas para os contratos segundo o tipo de xornada de que se trate: completa (duración máxima de tres meses) ou a tempo parcial (duración máxima de seis meses).

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a duración mínima dos contratos debería fixarse en seis meses e, ademais, debería preverse que a única modalidade de contratación subvencionable sexa a xornada completa.

Segunda.- Artigo 11. Procedemento.
En relación coa consideración específica quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Terceira.- Disposición adicional segunda.
En relación coa disposición adicional segunda do proxecto normativo que se somete a ditame, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a frase “as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia” é superflua e , ademais, é impropia nunha norma xurídica.

Número ditame
41