Ir o contido principal

Ditame 32/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamizar e xerar novas actividades no medio local e rural.

O obxectivo fundamental desta convocatoria é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do Programa APROL, entre eles, no medio rural co programa APROL RURAL.

A través desta orde realízase unha adxudicación en réxime de concorrencia non competitiva, e garántese un mínimo de catro contratos para os concellos fusionados que se adhiran ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia- Concellos Emprendedores, asinado con data do 10 de outubro de 2017, tres contratos aos concellos fusionados, dous contratos aos concellos que se adhiran ao protocolo xeral de actuación Concellos Doing Business Galicia-Concellos Emprendedores e un contrato ao resto dos concellos rurais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 6 de febreiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 14 de decembro de 2017 (Ditame 44/2017), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas en canto ao fondo da norma polas organizacións sindicais e empresarial e unha consideración relativa á forma.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao procedemento (artigo 12), engádese un novo apartado segundo o cal os concellos fusionados que tamén sexan Concellos Doing Business-Concellos Emprendedores recibirán subvención para catro contratacións, suposto non previsto na orde anterior.

Neste mesmo artigo obsérvase a supresión da limitación que se recollía na orde anterior respecto ao número máximo de contratos que se poden subvencionar en función do tipo de concello beneficiario.

Segundo o artigo 21, no caso de incumprimento do prazo fixado para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. Na orde anterior, para este suposto, prevíanse diferentes porcentaxes de perda do dereito ao cobramento en función do atraso no prazo que se producira.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e un artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de novembro de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.

DITAME 32/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.
Este Comité considera que se debería adecuar o título deste proxecto normativo ao seu obxecto, tanto no que se refire ás entidades beneficiarias (isto é, unicamente as entidades locais) como ás
contratacións subvencionadas que son as que atinxen a certas actividades en exclusiva e non a calquera emprego xerado no medio rural como parece dar a entender o título actual.

Terceira.
Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico en materia de xénero no proxecto normativo como o uso das barras no artigo 14 (polos/as traballadores/as) ou no artigo 18 (secretario/a) ou o emprego do masculino xenérico no artigo 19 “os mozos”.

Igualmente, obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 21, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Finalmente, no título do artigo 14 emprégase “das as traballadoras” en lugar “das traballadoras”. Este Comité recomenda empregar o termo “persoas traballadoras” en vez de “traballadores e traballadoras” para evitar eses tipo de erro.
Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
Este artigo relaciona os requisitos das obras e servizos que se desenvolverán e esixe, no seu apartado b), que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

Este Comité considera que debería eliminarse este requisito xa que non hai vinculación algunha entre os contratos subvencionados e algún proxecto formativo ao non facerse referencia, en ningún outro punto deste proxecto, a accións formativas ou contratos de tipo de formativo.

Segunda.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité entende que se debería concretar o alcance do citado “menor nivel de protección”.

Quinta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, non podería realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, ten calquera débeda pendente coa administración ou se é debedora por resolución de procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Sexta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Neste precepto obsérvase un apartado numerado como 1 que é único, polo que procedería corrixir ese erro de numeración.

Sétima.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado i) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, polo que propón que se elimine a obriga de realizalo.

Oitava.- Artigo 20. Seguimento.
No apartado 2.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.
Consideración xeral:
A exposición de motivos deste proxecto prima aos concellos adheridos ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”.

As organizacións sindicais consideran este tratamento privilexiado fóra de lugar ao non gardar relación algunha coa finalidade deste proxecto de orde que, segundo o seu artigo 1, é a de financiar “accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral”.

Consideración específica:

Exposición de motivos.
En relación co que figura no segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, que contén a referencia ao “eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, as organizacións sindicais consideran que non ten base material, polo que debería eliminarse.

Igualmente, proponse a eliminación da frase que figura na disposición adicional segunda, “as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia”, por entender que é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.

Número ditame
32