I. ANTECEDENTES
O día 8 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é necesaria a colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade continúase coa implementación deste programa, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, que canalizaría a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 20 de xullo de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de xuño de 2018 (Ditame 26/2018), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
A asignación orzamentaria para estas axudas increméntase en 400.000 euros respecto da orde anterior (artigo 2).
En canto aos requisitos dos servizos que se vaian a prestar (artigo 4), engádese a incompatibilidade entre os contratos subvencionados por esta Orde e o exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes (artigo 13), obsérvanse algunhas modificacións como o feito de que, no novo proxecto valórase soamente o ámbito xeográfico de actuación, cando na orde anterior se valoraba, conxuntamente, o número de centros de traballo declarados.
Segundo o artigo 15, as entidades beneficiarias teñen agora dúas opcións para solicitar as persoas traballadoras que precisan: mediante oferta de emprego presentada na oficina pública de emprego (opción que xa recollía a orde anterior) e mediante achega telemática da oferta a través da súa publicación no portal web do Servizo Público de Emprego (o que supón unha novidade deste proxecto).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 17 de xullo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dezaoito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e seis específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 21/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xullo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
O artigo 7 fixa o prazo para a presentación de solicitudes nun mes, pero elimina a posibilidade recollida na Orde do ano 2016 de que as solicitudes de axudas e subvencións para contratar mulleres vítimas de violencia de xénero se presenten ata o 15 de novembro.
Así mesmo, o artigo 15, no seu apartado 6, suprime que se destinen á contratación dese colectivo os incrementos de crédito e, se é o caso, o crédito liberado polas renuncias e revogacións das subvencións outorgadas.
Este Comité considera que deberían recuperarse ambas posibilidades, xa que as situacións que fan necesarias as axudas para atender este colectivo e incrementar a súa empregabilidade, seguen a producirse.
Segunda.
Obsérvase que no proxecto normativo se mantén a restricción ao acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais nas actividades concretas que relaciona no dito artigo 3.
Este Comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades.
Terceira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións na linguaxe en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (“traballadores desempregados” no artigo 15) ou das barras (“secretario/a no artigo 13) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que se debería engadir unha referencia específica ao artigo 31 da Lei de Servizos Sociais de Galicia, no cal se menciona o interese social dos distintos servizos e proxectos desenrolados polas entidades de iniciativa social e a súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais.
Isto estaría en liña coa finalidade da orde, que non debería enfocarse soamente desde a perspectiva da creación de emprego senón ir máis aló integrando tres piares fundamentais como son o emprego, os servizos sociais e as entidades do Terceiro Sector que colaboran no cumprimento dos obxectivos da Xunta.
Segunda.- Artigo 3. Entidades beneficiarias . Requisitos.
Este Comité considera que se debería engadir no texto do proxecto normativo a definición dos colectivos en risco de exclusión social en atención a normativa reguladora correspondente.
Terceira.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.
O apartado 1.d) deste precepto fixa a duración máxima dos contratos e establece que “en caso de contratación a tempo parcial, do 50 ou do 75%, dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses”.
Este Comité considera que se debería substituír a expresión “do 50 ou do 75%” por “do 50 ao 75%” para que a redacción non resulte confusa.
Cuarta.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.
O apartado 1.d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.
Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.
Quinta.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
En relación co establecido no apartado 2.a) deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.
Sexta.- Artigo 6. Subvención: contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.
Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
Sétima.- Artigo 6. Subvención: contía.
Este Comité propón que actualicen as contías recollidas no apartado 2 deste precepto, xa que levan sen actualizarse desde hai máis de oito anos.
Oitava.- Artigo 6. Subvención: contía.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a subvención para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas que reúnan os requisitos para percibilo.
Este Comité considera que se debería revisar esa contía, invariable desde fai tempo, e incrementala.
Novena.- Artigo 6. Subvención: contía.
O apartado 5 deste artigo establece uns límites á contratación en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, límites que non resultan de aplicación ás entidades con proxectos singulares.
Este Comité considera que se debería recuperar a previsión da orde para o exercicio anterior, e ter en conta os datos do RUEPSS e os declarados no Anexo I (recuperando o apartado 15 do dito anexo), posto que a normativa vixente aplicable a certas entidades non prevé a necesidade de autorizar a súa prestación de servizos como centros no RUEPSS.
Décima.- Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Obsérvase que neste artigo, así como no artigo 22, empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Así mesmo, obsérvase a ausencia na numeración da letra ñ, que si é propia do alfabeto galego.
Décima primeira.- Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
O apartado 2 deste artigo relaciona os aspectos que deben constar na declaración responsable que forma parte da solicitude e engade, no subapartado n), o nivel de inserción laboral das persoas participantes nas tres convocatorias anteriores.
Identíficanse, sen embargo catro convocatorias: 2015, 2016, 2017 e 2018.
No ano 2015 soamente se contempla a Orde de garantía xuvenil e debería contemplarse tamén a orde de 20 de xullo de 2015 de cooperación xeral (DOG 29 de xullo de 2015) e suprimir da relación a Orde do 10 de xullo de 2018 (DOG do 20 de xullo de 2018) posto que as contratacións ao abeiro de dita orde seguen vixentes ata decembro de 2019.
Décima segunda.- Artigo 13. Procedemento.
En coherencia coa consideración específica unánime novena, este Comite considera que se debería adecuar o contido do apartado 4.c) deste artigo ao proposto na dita consideración.
Décima terceira.- Artigo 13. Procedemento.
No apartado 4 in fine o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Décima cuarta.- Artigo 13. Procedemento.
O apartado 4 establece que se valorará negativamente unha mala xestión por parte da entidade, que poderá restar ata 5 puntos.
Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.
Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.
Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa.
Décima quinta.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas nos exercicios pasados, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.
Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12 da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).
Décima sexta.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
O apartado 5º deste precepto permite, excepcionalmente, utilizar ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar a mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.
Este Comité propón que se recolla a mesma posibilidade respecto das persoas con discapacidade.
Décima sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décima oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideracións específicas:
Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo terceiro da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.
Obsérvase o mesmo respecto da disposición adicional cuarta.
Segunda.- Artigo 13.-Procedemento.
En relación coa consideración específica oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 4. Requisitos dos servizos que se vaian prestar.
A CEG solicita que se elimine a incompatibilidade que recolle o apartado 1.f) deste artigo por ser improcedente, atendendo aos fines e natureza social de algunhas das entidades concorrentes.
En consecuencia con isto, a CEG propón tamén a eliminación do apartado 1.i) do artigo 19.
Segunda.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
Segundo o apartado 2.d) deste artigo, en ningún caso serán subvencionables as horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.
A CEG considera que a redacción debería ser a seguinte: “En ningún caso serán subvencionables as horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo, sen prexuízo da flexibilidade horaria establecida e/ou acordada”.
Deste xeito estaríase a favorecer os dereitos de conciliación das persoas traballadoras. A subvención da contratación debe estar en liña coa regulación laboral vixente e non incrementar nin establecer máis limitacións que dificulten o equilibrio entre dereitos e obrigas da entidade empregadora e das persoas traballadoras.
Terceira.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
O apartado 3.a) deste precepto prevé: “No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo”.
A CEG considera que se debería especificar, neste punto, que a subvención cubre os 15 días que hai de prazo para comunicar a contratación da persoa substituta en casos de IT.
É preciso considerar como gastos subvencionable os gastos de persoal en situación de baixa por incapacidade temporal. Nestes supostos estase a obrigar á entidade contratante a asumir uns custos que son inicialmente subvecionables: as remuneracións á persoa traballadora e a gastos de seguridade social. Tendo en conta que se trata dunha situación involuntaria e impredecible, tanto para a entidade como para a persoa contratada, a subvención debería cubir os devanditos gastos.
Cuarta.- Artigo 6. Subvención: contía.
A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.
Quinta.- Artigo 13. Procedemento.
O apartado 4.b) outorga ata 30 puntos polo nivel de inserción laboral entendendo como tal aquela que supoña a contratación por conta allea, pola entidade solicitante da subvención, das persoas que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias.
A CEG considera que se debería entender como inserción, así mesmo, a contratación por conta propia.
Tamén propón que se entenda como inserción a contratación non só por parte da entidade solicitante da subvención, senón tamén por outras entidades con ou sen ánimo de lucro, co obxecto de contabilizar todas estas insercións que están relacionadas co traballo de orientación previa realizado pola entidade, especialmente cos colectivos que contempla esta orde.
Sexta.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
Segundo o apartado 3 deste artigo: “non poderán ser contratadas con cargo a esta Orde as persoas desempregadas que tiveran traballado para a entidade beneficiaria durante máis de tres meses, dentro dos últimos doce meses anteriores á data de contratación que derive desta Orde, ou ben traballaran para a entidade beneficiaria durante os dous meses anteriores á devandita data de contratación”.
A CEG propón a eliminación deste apartado.