Ir o contido principal

Ditame 31/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei Orgánica 5/2002 do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018, publicada no DOG o día 27 de decembro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2017 (Ditame 34/2017), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, nesta convocatoria haberá un total de 467 prazas (cando no exercicio anterior eran 2.067) nas unidades de competencia que se indica no anexo I e cun total de 1.818 unidades de competencia (a orde anterior fixaba 7.700) nas cualificacións profesionais relacionadas neste artigo.

Obsérvase, tamén, que para este exercicio non hai convocatoria para algunhas unidades de competencia nas que si se convocaron prazas no exercicio anterior, como é o caso da atención sociosanitaria.

O prazo de inscrición pasa a ser de 15 días hábiles a contar desde o seguinte á publicación desta orde, cando a orde anterior fixaba un prazo de 30 días (artigo 12).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 17 de outubro de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello.

DITAME 31/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de outubro de 2018, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de outubro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que debería achegarse unha memoria que xustifique a minoración do número total de prazas convocadas neste proxecto de orde (que pasan de 2.067 no exercicio anterior a 467) e do número de cualificacións profesionais nas que se encadran as ditas prazas, así como explicar os motivos que levan á convocatoria dunhas determinadas unidades de competencia e non doutras.

Segunda.
Este Comité observa algúns erros lingüísticos no texto deste proxecto de orde, como o emprego do masculino xenérico (“os solicitantes” no artigo 9.1.c) ou o mal uso das barras (“comunitario/a” no artigo 9, “desistido/a” no artigo 13, ou “asesor/a” no artigo 18), que se considera non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 6. Puntos de información.
Na Resolución do 27 de novembro de 2014 da Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola que se regulaba a convocatoria deste procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, esixíase que houbera unha persoa designada para as funcións de orientación e información xeral.

Este Comité considera que se debería recuperar esa esixencia.

Segunda.- Artigo 12. Prazos de inscrición no procedemento.
O apartado 1 deste precepto fixa un prazo de inscrición de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que o devandito prazo debería aumentarse a 30 días hábiles, debido á complexidade do procedemento e co fin de darlle máis difusión e facelo accesible a todas as persoas interesadas.

Terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Respecto das operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería incrementar en maior medida o número de prazas convocadas nesta cualificación profesional para adaptarse á demanda existente tanto en lista de espera como de novas incorporacións.

Segunda.- Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a inscrición do procedemento.
No apartado 1.e).1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, copia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 1.e). 2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describan as actividades que desenvolveron.

Número ditame
31