I. ANTECEDENTES
O día 22 de maio de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Consellería de Política Social, que achega o proxecto de Orde pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, recoñece a competencia das comunidades autónomas para ordenar os servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia e para facilitar unha acreditación dos mesmos que garanta o cumprimento dos requisitos e estándares de calidade. Así mesmo, reserva ao Consello territorial de servizos sociais e do Sistema de autonomía e atención á dependencia (SAAD) a competencia para a fixación dos criterios comúns de acreditación e calidade de centros e servizos.
En base a esa competencia, o citado Consello territorial, mediante o Acordo adoptado o 25 de novembro de 2008, estableceu os criterios comúns de acreditación para garantir a calidade dos centros e servizos do sistema e recollía os requisitos e estándares dos recursos humanos dirixidos a garantir a adecuada prestación do servizo, tanto no número de profesionais, como na súa formación e actualización para o desempeño do posto de traballo.
Na última redacción do Acordo (BOE do 30 de decembro de 2017) establécense os requisitos de cualificación profesional dos directores e directoras dos centros de atención á dependencia e das categorías de persoal coidador, xerocultor, asistente persoal e auxiliar de axuda a domicilio. Ademais, prevendo que non se poderá acadar a cualificación do 100% destes profesionais para o 31 de decembro de 2017, establécense dúas habilitacións, unha excepcional e outra provisional, para garantir a estabilidade no emprego daqueles traballadores que, nesa data, non tivesen a cualificación requirida.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido cómpre destacar o seguinte:
Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o procedemento e aprobar a convocatoria de habilitación excepcional e habilitación provisional das categorías profesionais de persoal xerocultor, coidador, auxiliar de axuda a domicilio e asistente persoal dos centros e servizos do Sistema para autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 2 relaciona as titulacións e certificacións que serán consideradas aos efectos de acreditar a cualificación profesional.
Os artigos 4 e 14 recollen os requisitos esixidos para poder solicitar, respectivamente, a habilitación excepcional ou a habilitación provisional.
O prazo para solicitar a habilitación excepcional ou a provisional comezará o día seguinte á publicación da orde e remata o 30 de xuño de 2022 (artigos 5 e 15).
Os artigos 10 e 20 prevén que o procedemento finalizará coa emisión da resolución de habilitación excepcional ou provisional en caso de que se cumpran os requisitos esixidos nos artigos 4 e 14.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria e tres disposicións finais.
O día 6 de xuño de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
DITAME 22/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de maio de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de xuño de 2018 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que se lle debería dar ampla difusión a esta Orde por parte da Consellería de Política Social coa finalidade de que as persoas que resultan afectadas por ela teñan coñecemento da súa existencia e poidan concorrer ao procedemento.
Segunda.
Este Comité observa algunhas incorreccións ortográficas en materia de xénero ao longo do proxecto normativo, principalmente as relativas ao uso do masculino xenérico (por exemplo: “aqueles traballadores” na exposición de motivos e na disposición adicional segunda ou “destinatarios” no título do artigo 3) e das barras (“traballador/a autónomo/a nos artigos 6 e 16), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
Terceira.
Obsérvanse tamén numerosos erros gramaticais e lingüísticos no texto sometido a ditame:
-Uso indebido do xerundio (“non dispoñendo de cualificación” en lugar de “sen dispoñer de cualificación” no artigo 3, “continuar traballando” en lugar de “continuar a traballar” na disposición transitoria única. Ou “atópense traballando” en lugar de “estean a traballar” no artigo 2.
-Uso erróneo do reflexivo “se” nos artigos 2, 11 ou 21.
-No artigo 7.1 debería corrixirse a errata “concretametne” por “concretamente”.
-Nos artigos 11.4 e 21.4 establécese que “(...)entenderase rexeitada cando trancorran dez días (...) sen que se accedeu ao seu contido” cando o correcto sería “(...)entenderase rexeitada cando trancorran dez días (...) sen acceder ao seu contido”.
-No texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras [sic] que deberían denominarse “Disposicións finais”.
-O artigo 16.1.3º.1 fai referencia ao “certificado da empresa (...) na que conste as funcións realizadas, (...)” cando o correcto sería “certificado da empresa (...) no que consten as funcións realizadas, (...)” para respectar a concordancia de xénero e número.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira- Exposición de motivos.
Este Comité considera que debe terse en conta que o prazo de 6 meses que cita o penúltimo parágrafo da exposición de motivos para que as administracións públicas competentes aproben as disposicións normativas necesarias para dar cumprimento ao previsto no Acordo do Consello territorial , vence o día 11 de xuño de 2018.
Segunda.- Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
No apartado 1.a).2º.1 faise referencia aos períodos de contratación cando a dita referencia debería facerse aos períodos de cotización.
O mesmo se observa no artigo 16.1.2º.1.
Terceira.- Artigo 7. Comprobación de datos.
Respecto dos apartados 1 e 2 deste precepto, este Comité propón invertir o sentido da redacción para adaptar os ditos apartados á Lei de Protección de datos.
O mesmo se observa respecto do artigo 17.
Cuarta.- Artigo 10. Finalización do procedemento.
O apartado 1 deste artigo fixa o prazo de resolución e notificación en seis meses desde que a solicitude tivese a súa entrada no rexistro do órgano competente para a tramitación.
Este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado amplo e que debería reducirse.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 20.
Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras[sic].
Sexta.- Disposición adicional primeira.
Este disposición establece que no medio rural e nos municipios rurais de pequeno tamaño, cando se dean determinadas circunstancias, as persoas que non conten coa cualificación profesional esixida poderán ser contratadas.
A continuación establece que se entenderá por zona rural o establecido na lei 45/2007 para o Desenvolvemento Sustentable do Medio Rural.
Este Comité propón que se faga referencia, en todo caso, a “zona rural” (segundo se define na antedita lei) en aras dunha coherencia terminolóxica que non leve a equívocos.