I. ANTECEDENTES
O día 23 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun Programa de cooperación con Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas , cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través do Programa de cooperación con Organismos Intermedios sen ánimo de lucro , dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.”
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Esta orde ten por obxecto, segundo o artigo 1, financiar accións de fomento de emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústers empresariais e consellos reguladores) para a contratación durante nove meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
En canto ao orzamento asignado a estas axudas, o artigo 4 fíxao en 4.244.205€.
O artigo 6 establece que poden ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios sen ánimo de lucro que se atopen inscritos no correspondente rexistro e dispoñan de centro de traballo en Galicia, relacionando este precepto que entidades se comprenden nese concepto.
Pola súa banda, o artigo 7 eixe que os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitar ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo, en tarefas relacionadas co fins da entidade, que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, relacionando os requisitos que deben concorrer neses servizos, entre eles, que a duración do contrato sexa como mínimo de 9 meses e a xornada completa.
En canto á contía da subvención, o artigo 8 prevé uns importes máximos en función do grupo de cotización da persoa contratada, que se aboarán nun pagamento único.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes (artigo 9) desde a publicación da norma.
O artigo 17 prevé que estas axudas se tramiten a través dun procedemento de concorrencia non competitiva e o prazo de resolución fíxase, no artigo 18, en 3 meses dende o remate do prazo para presentar solicitude.
En canto aos requisitos das persoas traballadoras, o artigo 20 esixe, ademais do requisito relativo á idade, que estean desempregadas inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia e Inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil. Este mesmo precepto prevé que os organismos beneficiarios poidan solicitar as persoas traballadoras que necesiten, mediante a presentación de oferta de emprego na correspondente oficina pública de emprego de Galicia, así como empregar ofertas especiais con vinculación nominal, sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta Orde.
Tamén cómpre destacar o artigo 21, que regula a contratación das persoas traballadoras, así como o artigo 22 que regula os supostos de substitución e os seus requisitos.
O prazo para presentar a documentación xustificativa remata o 2 de maio de 2023, segundo o artigo 23.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun Programa de cooperación con Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas , cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, unha disposición adicional e dúas finais.
O día 9 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG.
DITAME 42/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun Programa de cooperación con Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas , cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 10 e 11.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería, nas respostas a esta consideración en varios ditames, vense facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, a disposición adicional debería figurar como única e non como primeira. As dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e, ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Este artigo inclúe aos clusters dentro dos organismos intermedios pero non recolle unha definición específica deste tipo de entidade, considerando este Comité que procede engadila.
Segunda.- Artigo 6. Organismos intermedios beneficiarios sen ánimo de lucro.
Dentro dos organismos intermedios que poden ser beneficiarios das axudas, o ítem primeiro do apartado 1 inclúe ás asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.
Este Comité entende que se debe mellorar a redacción no senso que se especifica a seguir: “asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico”.
Terceira.- Artigo 6. Organismos intermedios beneficiarios sen ánimo de lucro.
O apartado 2 deste artigo fai referencia ás persoas ou organismos intermedios que non poderán obter a condición de beneficiarios.
Debería eliminarse a referencia ás persoas, posto que estas axudas van dirixidas exclusivamente aos organismos intermedios.
Cuarta.- Artigo 8. Contía da subvención.
Segundo o apartado 4 deste precepto non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.
Chama a atención que, no parágrafo seguinte, establécese que, para calcular o custo subvencionable, se terá en conta soamente o tempo efectivo dedicado á actuación subvencionada, baseándose no previsto na Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, norma que pola contra si recolle como subvencionables os custos anteriormente referidos.
Así, este Comité considera que os devanditos custos deben ser obxecto de subvención nos termos previstos na Orde ESS/1924/2016.
Quinta.- Artigo 8. Contía da subvención.
Á vista do réxime de incompatibilidades previsto neste orde así como noutras ordes de axudas á contratación, e das discrepancias que se aprecian entre elas, este Comité considera que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade debería definir o criterio que emprega para determinar a compatibilidade e incompatibilidade das diferentes axudas que outorga e que comparten unha mesma finalidade: incentivar a creación de emprego.
Sexta.-Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Na declaración responsable que forma parte da solicitude farase constar que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar esa débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Obsérvase o mesmo respecto do previsto no artigo 23.7.
Sétima.-Artigo 17. Procedemento para a concesión.
Segundo o apartado 4.b), recibirán subvención para tres contratacións os Organismos Intermedios beneficiarios de ámbito autonómico.
Este Comité considera que se debería especificar que se trata dun máximo de 3 contratacións.
Oitava.- Artigo 20. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
Segundo o último parágrafo do apartado 2 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.
Este Comité considera que non compete á entidade beneficiaria comprobar eses datos.
Novena.- Artigo 24. Obrigas dos organismos intermedios sen ánimo de lucro beneficiarios.
O apartado e) deste artigo esixe aos beneficiarios aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, no seu caso.
Este Comité considera que se debería especificar que se debe aboar os salarios segundo o convenio colectivo de aplicación.
Décima.- Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento.
O apartado 2. j) deste artigo procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.
Noutras ordes reguladoras de axudas desta Consellería, prevese un reintegro do 5% para o mesmo suposto de incumprimento, polo que este Comité considera que se debería harmonizar a previsión en todas as ordes reguladoras.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a través desta orde financiaranse accións de fomento do emprego para a contratación durante 9 meses de persoas mozas.
As organizacións sindicais consideran que a duración do contrato obxecto de subvención debería de ser de 12 meses.
Neste senso, procedería modificar así mesmo o previsto nos artigos 7 e 21 da orde.
Segunda.- Artigo 8. Contía da subvención.
Respecto das contías previstas neste artigo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CEG
Artigo 8. Contía da subvención.
Este artigo fixa o período máximo subvencionable en 9 meses.
A CEG considera que o dito período debería ampliarse aos 12 meses para os supostos en que a duración dos contratos subvencionados se estenda ata esa duración.
No mesmo senso, procedería modificar o artigo 21.3 en canto contén a mesma referencia ao período
subvencionable.