I. ANTECEDENTES
O día 9 de setembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se aproba o procedemento de comunicación electrónica do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O Real Decreto 1424/2002 do 27 de decembro regula a comunicación do contido dos contratos de traballo e das súas copias básicas aos servizos públicos de emprego, establecendo cal ten que ser o contido destas comunicacións, como ten que ser o uso dos medios telemáticos, como se teñen que formalizar as autorizacións para utilizar a aplicación, cales son os efectos que ten a súa utilización e de que información pode dispoñer o usuario da aplicación.
O referido Real Decreto prevé tamén que o procedemento de comunicación do contido dos contratos mediante o uso de medios telemáticos nel establecido poderase aplicar ás comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión no ámbito do traballo, o emprego e a formación, mentres non aproben os seus propios programas, aplicacións, deseños e estruturas de datos para utilizar nestas comunicacións.
Así, o proxecto de orde que se remite a ditame ten por obxecto adaptar ás peculiaridades da Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de notificación telemática da comunicación do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas que prevé o citado Real decreto 1424/2002, modificado polo Real Decreto 1715/2004, do 23 de xullo.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:
Establécese que a obriga de comunicar ao Servizo Público de Emprego de Galicia o contido dos contratos de traballo que se formalicen, das prórrogas e as súas copias básicas, tense que efectuar obrigatoriamente mediante a conexión telemática establecida no portal do Servizo Público de Emprego de Galicia (artigo 2º), sendo usuarios deste servizo as empresas, as administracións públicas e o resto de entidades públicas e privadas sobre as que recae a obriga de presentar a notificación da comunicación (artigo 3º).
A administración da Comunidade Autónoma de Galicia recoñece a validez e a eficacia das comunicacións e copias básicas presentadas telematicamente (artigo 7º) e unha vez presentada a comunicación, a persoa interesada pode consultar o seu expediente administrativo na mesma aplicación informática (artigo 8º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se aproba o procedemento de comunicación electrónica do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia consta de: Exposición de motivos, oito artigos, unha disposición adicional e unha disposición final.
O día 14 de setembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén que contén dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo).
DITAME 38/10
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba o procedemento de comunicación electrónica do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de setembro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de setembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité considera que deberíase facer unha revisión ortográfica do texto para adaptalo á normativa vixente para a escrita da lingua galega.
Segunda.
Este Comité considera que debería facerse un repaso na redacción do proxecto normativo,para respectar a neutralidade de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, a substitución do termo usuarios, empregado nos artigos 3º e 7º, por entidades usuarias .
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Exposición de motivos.
A CEG considera que deberíase facer referencia á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e a súa xustificación dos criterios definidos na mesma para os réximes de autorización. O réxime de autorización é residual e débese xustificar o por que neste caso procede.
Segunda.- Artigo 2º. Comunicación telemática dos contratos de traballo e as súas copias básicas.
A CEG considera que deberíase harmonizar a redacción coa que contén o Real decreto 1424/2002 no seu artigo 2º: A comunicación do contido dos contratos de traballo a das súas prórrogas e o envío ou remisión das copias básicas ás que se refire o artigo anterior poderá efectuarse, ben a través do procedemento que se regula no capítulo II da presente norma, ou ben mediante a presentación nos Servizos Públicos de Emprego de copia dos contratos de traballo ou das súas prórrogas ou mediante a comunicación dos datos aos que se fai referencia na disposición final segunda deste Real decreto e das súas propias copias básicas.
O motivo é que no proxecto parece que quere establecerse o carácter obrigatorio por vía telemática para este tipo de comunicacións, cando a Lei 30/92 (artigo 38º.4) permite que as comunicacións dirixidas ás administracións públicas poidan realizarse a través doutras vías.
Terceira.- Artigo 3º. Usuarios do servizo.
A CEG considera que deberíase ampliar a redacción para harmonizala coa que contén o Real decreto 1424/2002, no seu artigo 4º.2: Os Servizos Públicos de Emprego incorporarán ás súas bases de datos a información que proceda das copias básicas dos contratos de traballo, enviadas ou remitidas polos empresarios ou por quen legalmente os represente.