I. ANTECEDENTES
O día 15 de xuño de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionar aos nosos mozos e mozas unha práctica profesional no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais, ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego. Adicionalmente, o Programa Talento 30 quere dotar aos mozos e mozas galegas con competencias cruciais para desenvolverse adecuadamente na contorna laboral e para asegurar o seu progreso profesional: as competencias brandas”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 20 de abril de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 24 de febreiro de 2022 (Ditame 3/2022), obsérvase que se tivo en conta unha consideración formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos, respecto do previsto na orde anterior:
En canto ao orzamento global, obsérvase unha diminución de 2.514.664€ respecto do crédito previsto para a convocatoria de 2022 (artigo 4).
O artigo 7 establece, como novidade, o prazo máximo dentro do cal debe concertarse o contrato de traballo para a obtención de práctica profesional: dentro dos 3 anos seguintes á terminación dos correspondentes estudos con carácter xeral, ou dentro dos 5 anos seguintes se se formaliza cunha persoa con discapacidade.
O artigo 8 aumenta de 15 a 20 días o prazo para realizar as novas contratacións, a contar desde a recepción da notificación de concesión da axuda.
En canto ás exclusións, o artigo 9 non exclúe destas axudas as novas contratacións realizadas con persoas que nos últimos 6 meses prestaran servizos na mesma empresa mediante determinadas modalidades contractuais, como recollía a orde para o exercicio anterior.
As contías dos incentivos á contratación fixadas no artigo 10 son as mesmas que as previstas na convocatoria para 2022, pero obsérvase que mentres en 2022 se fixaba unha contía de 3.600€ para a impartición dun programa de formación en competencias brandas, este novo proxecto establece unha contía de 2.000€ para formación presencial e 1.000€ para teleformación. Ademais, redúcese de 80 a 60 horas a duración mínima do programa formativo.
A orde anterior prevía que a selección e contratación das persoas mozas se realizaría directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria. O artigo 22 do novo proxecto permite, tamén, que se faga a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego correspondente.
Polo que respecta ao inicio do programa de formación, na orde anterior fixaba os 30 días seguintes á concesión da subvención como o prazo no que debía iniciarse, engadindo que no seu caso se podería iniciar coa contratación da persoa moza. O novo proxecto, no seu artigo 24, permite que o programa de formación se inicie en calquera momento desde o inicio do contrato debendo rematar, como máximo, o 15 de decembro de 2023.
Obsérvase tamén que o anticipo previsto no artigo 25 para os programas de formación, aumenta do 40 ao 100% do importe da subvención concedida.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 30 de xuño de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexos, as consideracións específicas non unánimes seguintes: tres manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e unha manifestada pola CEG (Anexo II).
DITAME 24/2023
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xuño de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que debe actualizarse a referencia ao Decreto polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e ao Decreto polo que se fixa a estrutura das Vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, contida na exposición de motivos da norma, e que actualmente se trata, respectivamente, do Decreto 59/2023 do 14 de xuño e Decreto 79/23 do 22 de xuño.
Así mesmo, deben corrixirse as referencias á Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional contidas nos artigos 1.3 e 5.4, xa que a referencia correcta é á Lei Orgánica de ordenación e integración da Formación Profesional.
Segunda.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas.
- Número de persoas mozas desempregadas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente.
- Número de persoas mozas desempregadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Terceira.
Obsérvase que ao longo do texto emprégase a letra j na clasificación dos artigos 13 e 28.
Este comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración noutros ditames, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Así mesmo, obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Cuarta.
O comité quere resaltar a importancia de que este programa se centre nos proxectos educativos, na formación, e na oferta dunha experiencia práctica real para facilitar a inserción das persoas desempregadas ao mercado laboral. Deste modo tamén pode contribuír, aínda que sexa indirectamente, á estabilidade no emprego mediante a mellora da cualificación e da empregabilidade das persoas contratadas
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 1.- Obxecto e finalidade.
O comité entende que no apartado 3 deste mesmo artigo, debería de facerse referencia a disposición transitoria primeira do Real Decreto-Lei 32/2021 de 28 de decembro.
Segunda. Artigo 5. Definicións.
En coherencia co contido no ditame sobre o Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, este Comité propón que se incorpore, entre as modalidades de contratación que permite a norma, o contrato indefinido.
Terceira. Artigo 5. Definicións.
O comité entende que no apartado 6 deste artigo debería de eliminarse a referencia ás “persoas expertas”, co obxectivo de garantir a calidade da formación e adecuar o redactado deste apartado ao recollido no Real Decreto-lei 32/2021 en relación aos contratos formativos.
Cuarta. Artigo 8. Gastos subvenionables.
A orde anterior establecía, como data límite para a presentación das solicitudes, o día 15 de outubro de 2022.
O apartado 3 do actual artigo 8 establece que serán subvencionables os contratos formaliados no ano en curso.
Este Comité considera que se debería aclarar a situación na que se atopan aqueles contratos formalizados entre o 15 de outubro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2023, xa que nos atoparíamos ante un período de lagoa.
Quinta. Artigo 24. Actividades formativas en competencias brandas: programa de formación.
O comité propón engadir que as entidades formativas estean acreditadas ou inscritas conforme a normativa vixente na comunidade autónoma.
Sexta. Artigo 25. Documentación complementaria.
O apartado 4 deste precepto establece que non se poderá realizar o pagamento mentres a beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Obsérvase o mesmo respecto do previsto no artigo 28.a).
Sétima. Artigo 28. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.
Entre as obrigas que impón este artigo ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias, o Comité considera que se debería engadir a de dar cumprimento ás obrigas inherentes aos contratos formativos segundo a regulación vixente no momento da contratación.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Primeira. Artigo 8. Gastos subvenbcionables.
A apartado 3 deste artigo refírese as relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de notificación da resolución de concesión da axuda.
As organizacións sindicais consideran que a orde debería primar a contratación de persoas desempregadas e non as relacións laborais xa iniciadas.
Segunda. Artigo 10. Contía das axudas.
O apartado 5 deste artigo establece que o importe da subvención en ningún caso pode ser de tal contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.
As organizacións sindicais propoñen que non poda ser de tal contía que supere o custo da Seguridade Social.
Terceira. Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazos.
As organizacións sindicais consideran que se debería limitar o número de solicitudes a unha por cada persoa empregadora ou empresa beneficiaria.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 9. Exclusións.
O apartado a) deste proxecto normativo, inclúe dentro das exclusións dos beneficios desta orde, entre outras, as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
A CEG considera que a orde debería prever o carácter subvencionable deste tipo de contratacións.