O día 3 de xuño de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O obxecto desta orde é a creación da Xunta de expertos e expertas docentes dos Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, órgano colexiado de participación do persoal do centro dedicado ás tarefas de docencia, que ten a responsabilidade de planificar, coordinar e decidir sobre os aspectos docentes do centro.
As novidades deste proxecto normativo con respecto ao ditaminado no 2009, que non foi publicado oficialmente, son as seguintes:
Introdúcese na Exposición de motivos a mención á Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia e no artigo 2º elimínase a obrigatoriedade da asistencia ás reunións da xunta de expertos.
No artigo 3º, que detalla as funcións da Xunta de expertos e expertas docentes, obsérvanse moitas modificacións con respecto ao anterior borrador, variando case todas as súas funcións.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar consta de: Exposición de motivos, tres artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira.
O día 15 de xuño de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Así mesmo, contén, como anexo, unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 34/10
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de xuño de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xuño de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente a utilización do masculino xenérico na exposición de motivos e no artigo 3º, letra d), propoñendo a substitución do termo os representantes por persoas representantes. Así mesmo, considérase que o emprego das barras (artigos 1º, 2º e 3º), non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.
Segunda.
Este Comité valora positivamente que na redacción do novo proxecto normativo se tivesen en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame 3/09.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 3º. Funcións.
A CEG considera que a Xunta debería ser informada por parte da dirección do centro de calquera actuación que teña unha incidencia grave no funcionamento deste.