- ANTECEDENTES.
O día 14 de setembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2020.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “a constitución dunha contorna local propicia á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas na promoción de actividade, prospección de mercado e asesoramento puntual de proxectos de empresa.
Desde esta perspectiva, sería necesario potenciar o papel das entidades locais como motor da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2019, publicada no DOG o día 3 de outubro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de setembro de 2019 (ditame 27/2019), obsérvase que soamente se tivo en conta, parcialmente, unha consideración de carácter formal.
A única modificacións significativa respecto do texto da orde anterior está no artigo 2, onde se esixe ás entidades estar adheridas á REDE XATEmprego, como requisito para poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 24 de setembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
|
DITAME 16/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de setembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de setembro de 2020 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Este Comité observa que aínda persisten expresións non axeitadas desde un punto de vista da linguaxe inclusiva, como “os e as AEDL seleccionados”, que podería substituírse por “as persoas seleccionadas como AEDL” ou o uso do masculino xenérico, por exemplo, “os promotores” (en lugar de “as persoas promotoras”) no artigo 3 ou “desempregados” no artigo 14, entre outros.
Tamén debería substituírse a referencia a “os traballadores e traballadoras” (artigos 6 ou 22) por “as persoas traballadoras”.
Ademais, considérase que se deberían substituír expresións como “os e as AEDL” (artigos 6.1.b.7º e 10º, 12.1.e), 13.2, 14.2, 15.1 e 21.d) entre outros) por outras máis axeitadas desde a perspectiva da linguaxe inclusiva, como “as persoas contratadas como axentes de emprego”.
Obsérvase tamén o emprego das barras no artigo 10 (secretario/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
Por outra banda, no artigo 22 emprégase a letra j na clasificación, que é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola que corresponda.
En canto ás cinco disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega, na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL, valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, débese respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.
Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5 ou ata 10 puntos.
Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos.
Terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 1.d) valora con ata 5 puntos o grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente. En relación a isto último, este Comité suxire a eliminación da referencia aos comités territoriais de emprego xa que están sen constituír.
Ademais, debería incrementarse sensiblemente a puntuación outorgada a este criterio, ao ter en conta a súa importancia.
En consecuencia, debería modificarse a puntuación prevista no apartado 2.
Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
Segundo o apartado 4 deste precepto, no caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35%.
Este Comité considera que debería concretarse máis a que fusións se refire este apartado e limitar temporalmente cales poderán beneficiarse dese incremento.
Quinta.- Artigo 14.- Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Este Comité considera que se debería suprimir a parte final do apartado 3 deste artigo, na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidaturas idóneas.
Sexta.- Artigo 21.- Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a data límite para presentar a documentación xustificativa será a establecida na resolución de concesión e, por outro lado, o artigo 13 fixa o prazo de resolución e notificación en tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Pola súa banda, o artigo 23.1.c) prevé a perda total do dereito ao cobramento para o caso de incumprimento do prazo previsto no artigo 21.1.
Este Comité considera que a data límite debería establecerse no texto do proxecto de orde
con criterios obxectivos e previsibles para as posibles entidades beneficiarias.
Sétima.- Artigo 21.- Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.c) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a entidade beneficiaria sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución firme e, polo tanto, non recorrible.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
CONSIDERACIÓN XERAL
O desenvolvemento de funcións relacionadas co estímulo, promoción e asesoramento de proxectos empresariais, coa prospección de mercado e coa dinamización e xeración de novas actividades, obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame, non debe recaer unicamente nas entidades locais. Así mesmo, os labores e finalidades establecidos nos artigos 25 e 27 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, non gardan relación directa coas funcións anteriormente apuntadas. As ditas funcións son propias de organizacións empresariais cuxa natureza e finalidade si garda unha relación directa, clara e determinante con tales funcións. É por iso que desde a CEG se solicita a habilitación dunha liña de convocatoria específica e adicional para as citadas organizacións.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA:
Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 23 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.
No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga xustificada ou ben un requirimento previo por parte da administración.
No caso recollido na letra e), relativa ao retraso no pago de salarios, a CEG propón rebaixas nos reintegros, sempre e cando se acredite o pago, aínda que sexa tardío.
Por isto, proponse a seguinte redacción alternativa:
- e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: cando o importe salarial abonado fóra de prazo sexa inferior ao 50% do gasto subvencionado, o importe a reintegrar será equivalente ao 2% do importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial abonado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50%, procederá o reintegro equivalente ao 20% do importe abonado fóra de prazo pero dentro do período subvencionado.