- ANTECEDENTES
O día 13 de setembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais, a través da contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2020, publicada no DOG o día 30 de outubro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 24 de setembro de 2020 (ditame 17/2020), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Este novo proxecto presenta, como novidade destacable respecto da Orde do exercicio anterior, a esixencia de que as entidades deban estar adheridas necesariamente á REDE XATEmprego para poderen ser beneficiarias das axudas recollidas, tal e como recolle o artigo 3.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 15 de setembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
| DITAME 36/2021 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de setembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de setembro de 2021 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo terceiro da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o marco de axuste económico) non garda relación cos obxectivos e finalidade da orde recollidos no artigo 1.
Xa que logo, entendemos que se debería recuperar o criterio de que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades.
Segunda.
Este Comité observa que persisten erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico, por exemplo: “o axente” no artigo 20.1, polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
Ademais, considérase que se debería substituír a expresión “os e as axentes de emprego” no artigo 18.2 por outra máis axeitada desde a perspectiva da linguaxe inclusiva, como “as persoas contratadas como axentes de emprego”.
En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 4. Definición e funcións das persoas contratadas como axentes e emprego e/ou unidades de apoio.
Este Comité considera que se debería adecuar o título do artigo ao seu contido, xa que non se recolle definición algunha das persoas contratadas como axentes de emprego, como si fai no proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2021, obxecto do ditame 35/2021 emitido tamén no día de hoxe.
Así mesmo, considérase que se debería engadir, no texto do proxecto normativo, un artigo que recollera a definición, entre outros, dos colectivos en risco de exclusión social en atención a normativa reguladora correspondente.
Segunda. – Artigo 5. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo utiliza a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar tendo en conta, ademais, que o novo proxecto inclúe un incremento da dotación orzamentaria.
Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debería eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5.2 sexa realmente o que se aplica.
Terceira. – Artigo 5. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.
Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas ten o carácter de custo subvencionable.
Cuarta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.
Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai na letra c) do apartado 4.
Quinta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Obsérvase a supresión da posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio.
Este Comité non comparte esta supresión que en nada colisiona coa clarificación dos ámbitos da norma e propón que se recupere esa previsión que implica a participación dos axentes que realmente coñecen a realidade dun territorio, así como incrementar a puntuación que se lle outorgaba, ao tratarse de criterios de especial valor.
Sexta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
O apartado 4.e) establece que “valorarase (...) a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, restando ata 5 puntos”.
Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.
Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.
Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no apartado 4.e) deste artigo.
Sétima. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Oitava. - Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a data límite para presentar a documentación xustificativa será a establecida na resolución de concesión.
Pola súa banda, o artigo 22.c) prevé uns considerables reintegros para o caso de incumprimento do prazo previsto no artigo 20.1.
Así, este Comité propón que a data límite debería establecerse no texto do proxecto de orde
con criterios obxectivos e previsibles para que poidan concorrer en igualdade de condicións as posibles entidades beneficiarias.
Novena. - Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.e) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a entidade solicitante sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución firme e, polo tanto, non recorrible.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración
En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía.
Respecto deste precepto e co obxecto de dar continuidade ao servizo, a CEG propón a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT ou maternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custos das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custos que van asociados a cuestións que non dependen desta.
Ese novo apartado establecería o seguinte:
- En todo caso e con carácter excepcional, cando a persoa traballadora se atope en situación de incapacidade temporal ou maternidade, si se considerará custe subvencionable, os custos salariais dos días que corresponda aboar obrigatoriamente por conta da entidade, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.
Segunda.- Artigo 5. Subvención: contía.
A CEG considera que se debería habilitar unha partida específica para financiar os gastos de desprazamento dos e das axentes de emprego derivados do exercicio das funcións que lles asigna esta orde.
Terceira.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Proponse a substitución da obriga de autorización previa nos casos de substitución por baixas temporais por IT previsiblemente longa pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.
Así mesmo, proponse que se elimine esa limitación temporal de 30 días.
Cuarta.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 22 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.
No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga xustificada ou ben un requirimento previo por parte da administración.
No caso recollido na letra e), relativa ao retraso no pago de salarios, a CEG propón rebaixas nos reintegros, sempre e cando se acredite o pago, aínda que sexa tardío.
Por isto, proponse a seguinte redacción alternativa:
- e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: cando o importe salarial abonado fóra de prazo sexa inferior ao 50% do gasto subvencionado, o importe a reintegrar será equivalente ao 2% do importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial abonado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50%, procederá o reintegro equivalente ao 20% do importe abonado fóra de prazo pero dentro do período subvencionado.