Ir o contido principal

Ditame 22/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xullo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais, a través da contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2021, publicada no DOG o día 8 de novembro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 15 de setembro de 2021 (ditame 36/2021), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este novo proxecto non presenta novidades salientables respecto da orde anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 29 de xullo de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e cinco específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 22/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xullo de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2022 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira
Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo terceiro da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o marco de axuste económico) non garda relación cos obxectivos e finalidade da orde recollidos no artigo 1.

Entendemos que a Orde fai una extrapolación sesgada da Directiva Europea 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública, que en ningún momento limita os contratos públicos en función da súa finalidade senón que mesmo no seu considerando 36 sinala que :
“Neste contexto, os talleres protexidos poden desempeñar un importante papel. O mesmo pode dicirse doutras empresas sociais cuxo obxectivo principal é apoiar a integración social e profesional ou a reintegración de persoas discapacitadas ou desfavorecidas, como os desempregados, os membros de comunidades desfavorecidas ou outros grupos que dalgún modo están socialmente marxinados”.

Por outra parte, tamén debemos destacar que a dita directiva xa non aplica porque foi trasposta ao noso ordenamento xurídico na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público que en ningún momento limita a tipoloxía das entidades beneficiarias de contratos públicos .

Xa que logo, entendemos que se debería recuperar o criterio de que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades.

Segunda
Este Comité entende necesario adaptar o texto do proxecto normativa ás previsións contidas no Real Decreto Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, por exemplo no que respecta a posibilidade de realizar as substitucións de persoas traballadoras con dereito a reserva de posto de traballo con quince días de antelación á ausencia da persoa substituída.

Terceira
Este Comité observa que, no artigo 7, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan. Desde a Consellería tenso feito referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 4. Funcións das persoas contratadas como axentes e emprego e/ou unidades de apoio.
Este Comité considera que se debería engadir, no texto do proxecto normativo, un artigo que recollera a definición, entre outros, dos colectivos en risco de exclusión social en atención a normativa reguladora correspondente.

Segunda. – Artigo 5. Subvención: contía.
Este Comité considera necesario actualizar os módulos e contías incrementándoos ata cubrir o custo salarial completo.

En consecuencia, debe incrementarse así mesmo o importe global do orzamento previsto no artigo 2.

Terceira. – Artigo 5. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

A Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 regula no seu artigo 5. Os criterios específicos de subvencionabilidade dos custos de persoal, sinalando que serán subvencionables en concepto de custos de persoal:
1.º As retribucións brutas pactadas coa empresa ou establecidas en convenio colectivo. Inclúense neste concepto as percepcións salariais seguintes: o salario basee, os complementos por antigüidade, os complementos por coñecementos especiais, turnicidad, nocturnidade, penosidad ou outros complementos derivados da actividade, as pagas extraordinarias, os incentivos á produción, as horas extraordinarias e os complementos de residencia.
2.º As percepcións extrasalariales pactadas coa empresa ou establecidas en convenio colectivo para os conceptos de plus de distancia e transporte, abonadas pola empresa aos traballadores aos efectos de minorar ou sufragar o seu desprazamento até o entro de traballo habitual.
3.º A indemnización por finalización do servizo prestado que se regula no artigo 49.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, a condición de que o servizo estea vinculado á operación cofinanciada polo FSE.

En consecuencia, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización.

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai na letra c) do apartado 4.

Quinta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
Obsérvase a supresión da posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio.

Este Comité considera que debería recuperarse a posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio, xa que implica a participación dos axentes que realmente coñecen a realidade dun territorio.

Sexta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
O apartado 4.e) establece que “valorarase (...) a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, restando ata 5 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.
Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no apartado 4.e) deste artigo.

Sétima. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Oitava. – - Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.e) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a entidade solicitante sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución firme e, polo tanto, non recorrible.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. DE GALICIA e UGT-GALICIA:

Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración
En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía.
Respecto deste precepto e co obxecto de dar continuidade ao servizo, a CEG propón a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT, maternidade ou paternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custos das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custos que van asociados a cuestións que non dependen destas.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: contía.
A CEG considera que se debería habilitar unha partida específica para financiar os gastos de desprazamento dos e das axentes de emprego derivados do exercicio das funcións que lles asigna esta orde.

Terceira.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Proponse a substitución da obriga de autorización previa nos casos de substitución por baixas temporais por IT, pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.

Así mesmo, proponse que se elimine esa limitación temporal de 30 días.

Cuarta.- Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polas persoas axentes de emprego.
Respecto do novo aplicativo a empregar, a CEG considera que se deberían flexibilizar certos aspectos, como a obriga de vencellar un NIF concreto, que non responden ás necesidades de rexistro e actuación realizadas polas entidades beneficiarias e que provocan que queden fóra moitas actuacións que, por exemplo, non esixen tratar datos persoais.

Quinta.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 22 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.

No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga por motivos xustificados.

Número ditame
22