Ir o contido principal

Ditame 29/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES.

O día 14 de agosto de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “a constitución dunha contorna local propicia á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas na promoción de actividade, prospección de mercado e asesoramento puntual de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva, sería necesario potenciar o papel das entidades locais como motor da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 12 de setembro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2022 (ditame 19/2022), obsérvase que se tivo en conta unha consideración sobre o fondo da norma e, parcialmente, unha das consideracións formais formuladas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto do contido na orde para o exercicio anterior, cómpre destacar os seguintes aspectos do novo texto:

En primeiro lugar, e segundo o artigo 1, a finalidade da orde sería convocar axudas para a prórroga de contratos subscritos en 2022 ou con anterioridade e non para novas contratacións, excepto nos supostos de substitución previstos.

En canto á documentación complementaria que esixe aportar o artigo 6, elimínase a obriga de achegar unha memoria proxecto que desenvolvería cada AEDL ou grupo de AEDL.

Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes, no artigo 12 obsérvase o incremento na puntuación outorgada a algúns deses criterios:

  • O número de persoas desempregadas existentes no ámbito territorial da entidade avalíase con ata 12 puntos (mentres que na orde anterior era ata 10 puntos)

  • En función da poboación existente no ámbito territorial da entidade, outórganse ata 13 puntos aos concellos con 5.000 habitantes ou menos (na orde anterior eran 10 puntos) e ata 7 puntos (2 máis que na orde anterior) a concellos con poboación de 5.001 a 20.000 habitantes e a mancomunidades.

Tamén se observa, neste artigo, que se suprime como criterio de desempate o emprego da lingua galega no desenvolvemento dos proxectos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 6 de setembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CC.OO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 29/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de agosto de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de setembro de 2023 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité observa que, nos artigos 6 e 22, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

O Comité advirte que no artigo 12 omítese a letra g.

En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e financiamento

Dado que a finalidade da orde é convocar axudas para a prórroga de contratos subscritos no ano 2022 ou con anterioridade e non para novas contratacións, excepto nos supostos de substitución previstos, este Comité suxire que se adapte o título da norma para que resulte concordante co seu obxecto.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto e financiamento

Este Comité suxire que, na medida do posible, se axilice o proceso de estabilización da Lei 20/2021 de cara a garantir unha maior correlación entre a lexislación de contratación temporal no ámbito laboral e a normativa de emprego público.

Terceira.- Artigo 6. Documentación complementaria

Este Comité considera que se debería manter a obriga de achegar a memoria proxecto que desenvolvería cada AEDL ou grupo de AEDL.

Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

No proxecto normativo sometido a ditame, elimínase como criterio de desempate o emprego da lingua galega para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asinara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que se debería ter en conta, como criterio de avaliación das solicitudes, o emprego da lingua galega no desenvolvemento dos proxectos para dar cumprimento ao previsto na Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, débese respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5 ou ata 10 puntos.

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, xa que a obxectivización consonte ás características de cada territorio provincial é discrecional e xera desigualdades en zonas de características idénticas.

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

O apartado 1.c) valora con ata 5 puntos o grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente. En relación a isto último, este Comité suxire a eliminación da referencia aos comités territoriais de emprego xa que están sen constituír.

Ademais, debería incrementarse sensiblemente a puntuación outorgada a este criterio, ao ter en conta a súa importancia.

En consecuencia, debería modificarse a puntuación prevista no apartado 2.

Sétima.- Artigo 21.- Xustificación e pagamento.

Segundo o disposto no apartado 1.c) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a entidade beneficiaria sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución firme e, polo tanto, non recorrible.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime terceira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

O desenvolvemento de funcións relacionadas co estímulo, promoción e asesoramento de proxectos empresariais, coa prospección de mercado e coa dinamización e xeración de novas actividades, obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame, non debe recaer unicamente nas entidades locais. Así mesmo, os labores e finalidades establecidos nos artigos 25 e 27 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, non gardan relación directa coas funcións anteriormente apuntadas. As ditas funcións son propias de organizacións empresariais cuxa natureza e finalidade si garda unha relación directa, clara e determinante con tales funcións. É por iso que desde a CEG se solicita a habilitación dunha liña de convocatoria específica e adicional para as citadas organizacións.

Número ditame
29