Ir o contido principal

Ditame 43/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 25 de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego, en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Segundo a Exposición de motivos: “os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 20 de abril de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de febreiro de 2021 (Ditame 7/20121), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto non presenta modificacións respecto da Orde para o ano 2021.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 4 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo un anexo cunha consideración xeral e tres específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais.

 

 

DITAME 43/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

  

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para que as entidades sen ánimo de lucro puidesen ser partícipes dun programa de fomento do emprego a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas  para proporcionarlles a experiencia e práctica necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

En consecuencia, deberían ampliarse as contías orzamentarias asignadas a estas subvencións.

Segunda.

Obsérvase o emprego da letra “j” na enumeración do apartado 4 do artigo 11 e no artigo 19.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.

Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.

Segundo o apartado 2 deste precepto, no caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Pola súa banda, o artigo 5.1 fai referencia ao contido do punto 2.3 do citado Acordo.

Este Comité considera que se debería especificar expresamente no texto da Orde o contido dos devanditos puntos, pois a dificultade de atopar a dita orde cando se intenta acceder ao seu contido por diferentes canles xera inseguridade das posibles entidades beneficiarias.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.

O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este comité considera que , dado que hai una parte do programa financiado con FSE, procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 40.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ó dito programa segundo o criterio recollido na Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

O mesmo criterio aplicaríase nos casos de complementos de distancia e transporte.

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento.

O apartado 4. 5º e) establece que aos proxectos que na elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou xurdan a iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente outorgaránselles ata 10 puntos.

Dado que a experiencia indica que non se conta coa participación dos axentes económicos e sociais na elaboración dos proxectos e que non están constituídos os comités territoriais de emprego, este comité suxire eliminar o apartado 4.5º.e) da baremación e acumular os puntos asignados aos previstos cando se trate de servizos personalizados (apartado 4. a. 2º).

Por outra banda, os axentes sociais presentes no comité de ditames queren manifestar que unha convocatoria de subvencións para entidades locais non é o sitio axeitado para dar pulo as comités territoriais de emprego que debería terse constituído seis meses despois da publicación do seu decreto de constitución o 17 de outubro de 2011.

Quinta.- Artigo 11. Procedemento.

No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 11.

Sexta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.

O último parágrafo do apartado 5.g) deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité considera que se debería engadir unha definición de “menor nivel de protección social”, tal e como se fai coas responsabilidades familiares.

Sétima.-Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que o reducido orzamento deste programa limita de xeito relevante a consecución dos obxectivos que persegue.

 

Consideracións específicas:

 Primeira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.

O apartado 1.f) prevé duracións distintas para os contratos segundo o tipo de xornada de que se trate: completa (duración máxima de tres meses) ou a tempo parcial (duración máxima de seis meses).

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a duración mínima dos contratos debería fixarse en seis meses e, ademais,  debería preverse que a única modalidade de contratación subvencionable sexa a xornada completa.

Segunda.- Artigo 11. Procedemento.

En relación coa consideración específica quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 Terceira.- Disposición adicional segunda.

En relación coa disposición adicional segunda do proxecto normativo que se somete a ditame, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a frase “as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia” é superflua e , ademais, é impropia nunha norma xurídica.

 

Número ditame
43