- ANTECEDENTES
O día 2 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo: “as empresas de inserción constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación socio-laboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicada no DOG o día 12 de febreiro de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 17 de decembro de 2020 (Ditame 32/2020), obsérvase que se tivo en conta parte da consideración xeral primeira, en concreto as contidas no terceiro parágrafo, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
No artigo 5 desaparecen as definicións de persoa con discapacidade, persoa trans e persoa emigrante retornada.
O artigo 14 da anterior orde divídese na nova orde nos artigos 14, 15 e 16, modificando a numeración dos seguintes artigos.
No artigo 45, artigo 43 da orde anterior, documentación complementaria específica da axuda para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción, desaparecen os apartados d), e), f) e g) referidos as emigrantes retornadas, persoas trans e persoas con discapacidade.
No artigo 48, artigo 46 da orde anterior, contía da axuda para a contratación de persoas técnicas e orientación e acompañamento á inserción, aumenta o máximo da contía de 15.000 euros a 18.000 euros.
No artigo 49, artigo 47 da orde anterior, documentación complementaria específica para a contratación de persoas técnicas e orientación e acompañamento á inserción, desaparecen os apartados e), f), g) e h) referidos as emigrantes retornadas, persoas trans e persoas con discapacidade.
Cambia a redacción do artigo 60, artigo 58 da orde anterior, no seu primeiro apartado, quedando deste xeito: “O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2022. Deberá presentarse unha solicitude separada para cada tipo de axuda”.
O orzamento total das subvencións contemplado no artigo 63, antes artigo 61, pasa de 800.000 euros a 1.000.000 de euros. Deste xeito, o Programa I aumenta de 675.000 euros a 865.000 euros; e a aplicación orzamentaria 11.04.324C.481.5 do Programa II pasa de 25.000 euros a 35.000 euros.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, sesenta e cinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 22 de decembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I), e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).
|
DITAME 49/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Nos artigos 12 e 20 empréganse as letras j e k na clasificación, que son impropias do alfabeto galego.
Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Segunda.
No artigo 14 só hai un apartado, polo que non procedería sinalalo como apartado 1.
Terceira.
No índice non aparece o artigo 52.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 5. Definicións.
Este comité precisa aclaración sobre a desaparición no artigo das definicións de persoas trans, persoas con discapacidade e de persoas emigrantes retornadas, que si aparecen na anterior convocatoria.
Segunda. – Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
Este Comité considera que se debería aclarar as referencias á excepcionalidade que se fan no parágrafo terceiro do apartado primeiro e no parágrafo segundo do apartado segundo e evitar, así, que se poidan dar actuacións de tipo discrecional.
Obsérvase que o enunciado do artigo 10 do índice non coincide exactamente co enunciado do articulado, polo que se suxire que se coordinen.
Terceira. – Artigo 13. Transparencia e bo goberno.
Este Comité considera que se debería recuperar o contido do apartado primeiro deste precepto da orde para exercicio anterior, xa que é máis completo ao relacionar as obrigas ás que se refire o mesmo apartado no novo proxecto.
Cuarta.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias, estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Quinta. – Artigo 39. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.
O apartado 3 deste artigo non considera subvencionable o arrendamento financeiro.
Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que os contratos de leasing sexan admitidos xa que permite a imputación dun gasto efectivamente dedicado a cada acción.
Sexta.- Artigo 42. Documentación xustificativa das axudas.
Este artigo establece a documentación xustificativa específica que debe presentarse respecto da subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. No apartado c) esíxese ás empresas beneficiarias da axuda presentar un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no que acredite que o gasto a xustificar corresponde á adquisición de bens inmobles.
Este Comité considera que a incorporación neste artigo do texto do texto referenciado na resposta a esta consideración pola Secretaría Xeral de Emprego, non aclara que comprende esa certificación do taxador independente e a que fai referencia exactamente.
Sétima. – Artigo 49. Documentación complementaria específica.
Segundo o apartado b) deste artigo, debe achegarse o curriculum vitae do persoal técnico contratado ata a data de presentación da solicitude.
Este Comité pide que se aclare a necesidade de aportar o curriculum unicamente do persoal contratado antes da presentación da solicitude e non en calquera momento.
Oitava. – Artigo 55. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.
O apartado 3.a) deste artigo fixa un prazo dun mes entre a baixa dunha persoa na empresa de inserción laboral e a súa alta no mercado normalizado de traballo para que a dita incorporación resulte subvencionable.
Este Comité propón que se valore a posibilidade de flexibilizar e, no seu caso, ampliar este prazo.
Novena. – Artigo 65. Medidas excepcionais no caso de expedientes de regulación de emprego (ERTE) derivadas da pandemia polo Covid-19.
Este Comité considera incompleta a redacción dada ao apartado 1.b): onde poñe “...descontarase o custo salarial que non soportado...” entendemos que debería poñer “descontarase o custo salarial que non foi soportado...”
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Consideración xeral:
As empresas de inserción laboral poden recibir, ao abeiro desta orde, axudas ao mantemento do custo salarial, axudas para a asistencia técnica ou para a posta en marcha de actividades e, entre outras, axudas para as labores de intermediación que xa supoñen funcións propias do persoal técnico.
As organizacións sindicais consideran que que hai un exceso de liñas de axuda nesta orde que acaban recaendo sobre os mesmos conceptos, tendo en conta que se dirixen a empresas de inserción laboral cunhas finalidades moi específicas e á vista, tamén, do baixo volume de beneficiarias, o que obriga a repensar o contido da norma.
Consideracións específicas:
Primeira.-Artigo 44. Contía da axuda.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 46.
Segunda.-Artigo 52. Contía da axuda.
Este artigo fixa a contía máxima da axuda para formación das persoas en proceso de inserción en 3.000 euros por empresa beneficiaria.
As organizacións sindicais consideran excesiva a dita contía e propoñen minorala, tal e como acontece en ditames relativos a outras ordes.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:
Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.