I. ANTECEDENTES
O día 7 de decembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.
Corresponden á Consellería de Emprego e Igualdade as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
Segundo a Exposición de motivos: “con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 16 de xaneiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2019 (Ditame 46/19), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 8 elimínase a previsión de que os cursos e xornadas de sensibilización que non se realicen integramente de forma presencial non serán subvencionables.
O artigo 9, pola súa banda, recolle expresamente a posibilidade de executar a formación de xeito telemático.
En canto aos gastos subvencionables, o artigo 11 especifica neste novo proxecto que os gastos de mensaxería soamente poderán imputarse como gastos indirectos cando deriven directamente da xestión administrativa de accións formativas de carácter presencial. Así mesmo, este artigo engade o carácter subvencionable dos custos necesarios para a impartición en liña do curso ou xornada.
O feito de dar cabida á teleformación nesta convocatoria, fai que varios artigos engadan previsións ao respecto, por exemplo o artigo 18.7 sobre a documentación que debe achegarse coa solicitude.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e tres finais.
O día 17 de decembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e vinte e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 33/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de decembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de decembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
As organizacións que integran este Comité botan en falta un artigo específico que recolla unha regulación en materia de protección de datos, como si sucede noutras ordes achegadas para ditame.
Segunda.
Este Comité considera necesario levar a cabo unha adaptación do contido dos anexos ano novo articulado do proxecto normativo, en concreto ao esixido no artigo 14.1.
Terceira.
Este Comité observa o emprego do masculino xenérico, por exemplo “os membros asociados” no artigo 14, así como o uso das barras no artigo 18: “alumnos/as”, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Así mesmo, é necesario corrixir ao longo do texto erros de carácter formal como os tachados que figuran no artigo 31, a enumeración do artigo 30.3 na que constan dous apartados como c). Tamén debe completarse a redacción do apartado 10 do artigo 18 e corrixir a referencia que se fai no Anexo I á Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións últimas.
Finalmente, as disposicións últimas deberían denominarse “Disposicións finais”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
Este Comité propón que se engadan, como accións subvencionables, as accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.
Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.
Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado 2.a) pola de asociacións máis representativas.
Terceira. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
O apartado 2.a) fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.
Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.
Cuarta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Este Comité considera que se debería aclarar se o último parágrafo do apartado 2.a) se refire ao parágrafo 2 ou ao parágrafo 1. En caso de facer referencia ao parágrafo 2, debería incluírse o texto a continuación e non separadamente.
Quinta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Segundo o apartado 1.b) desde precepto, na liña II ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.
Este Comité considera que a dita contía máxima debería incrementarse ata 35.000 euros.
Sexta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
O apartado 2 fixa o importe máximo subvencionable por actividade e relaciona unha serie de cursos que recibirán un maior importe, entre os que están as técnicas de rescate industrial.
Este Comité considera que se debería incluír dentro da acepción “rescate industrial” as accións relativas ao sector marítimo pesqueiro, entre outras.
Sétima. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados e cunha comunicación á Dirección Xeralde Relacións Laborais se poderán levar a cabo estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito. Esta comunicación será solicitada pola entidade beneficiaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia”.
Este Comité entende que a referida comunicación debe ser trasladada pola entidade, non solicitada, polo que pide que se corrixa a redacción.
Oitava. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
O parágrafo final do apartado 3.f) establece os gastos de mensaxería que poderán imputarse, pero dáselles a consideración de gastos indirectos cando deberían incluírse como gastos directos, polo que se pide unha corrección.
Novena. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.
Décima. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico ou teléfono, entre outros, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.
Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.
Décima primeira. Artigo 11.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.
Décima segunda. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité propón que se mellore a redacción do apartado 3 deste artigo, de xeito que estableza que cando o programa verse polo menos sobre dúas das materias relacionadas, outórganse 4 puntos. En outro caso, a puntuación será cero.
Ademais, proponse que se engada entre esas materias relacionadas os nanomateriais.
Décima terceira. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Respecto do apartado 5, este Comité propón que se mellore a redacción especificando a porcentaxe de representación feminina que se require para obter a puntuación.
Décima cuarta. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.
Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 7 deste artigo.
Décima quinta. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 8 fai referencia ás axudas dos tres exercicios anteriores. Este Comité considera que a referencia debería ser, tal e como se fai no apartado 9 deste mesmo artigo, aos exercicios 2017, 2018 e 2019, non valorando o exercicio de 2020 debido ás circunstancias especiais derivadas do covid-19.
Décima sexta. Artigo 26. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.
Este Comité propón que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida.
Décima sétima. Artigo 26. Resolución e recursos.
No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.
Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.
Décima oitava. Artigo 28. Prazo de finalización e de xustificación das accións.
Este Comité considera que se debería incrementar o prazo de xustificación polo menos ata o 15 novembro.
Décima novena. Artigo 31. Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.
Segundo o apartado 3 deste artigo “Permítese a sinatura electrónica das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado mediante captura de firma dixitalizada ou calquera dos documentos que precisen da súa firma, que terá que estar asociada ao correspondente NIF ou DNI”.
O comité considera que se debe aclarar se isto é unha previsión xeral para todos os casos ou exceptúa os supostos nos que a entidade empregue unha plataforma na que a información se recolla de xeito veraz para acreditar a asistencia.
Vixésima. Artigo 32.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste precepto establece que se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.
Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.
Vixésima primeira. Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.
Vixésima segunda. Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.
Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O criterio 10 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.
As organizacións sindicais insisten en que esa puntuación ten que incrementarse.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 1.b) deste precepto valora a representatividade da entidade solicitante de 0 a 5 puntos.
A CEG segue a considerar que a puntuación máxima debería incrementarse a 6 puntos, a outorgar no caso das entidades cunha representatividade intersectorial superior ao 24% atendendo a súa necesidade de dar maior cobertura ás empresas e ás persoas traballadoras derivado do seu nivel de representatividade.
Segunda.- Artigo 24. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
No punto noveno establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxeto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.
A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90% e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto, proponse un cambio nos tramos de tal xeito que os dous últimos tramos sexan: o que vai do 70% ao 85% e o que supere o 85%.
Proponse tamén que se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.
Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.