Ir o contido principal

Ditame 4/20

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de marzo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “a estatística de regulación de emprego que analiza os datos dos procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos e redución temporal da xornada, reflicte que nos últimos períodos, aínda que se reduce o número de expedientes de regulación presentados, se incrementa o número de persoas traballadoras afectadas por estes”.

O programa recollido neste proxecto desenvolverase, tamén segundo a exposición de motivos, “endo en conta distintas liñas de actuación, sendo unha delas o apoio ás empresas e ao seu persoal naqueles períodos en que a actividade da empresa se reduza”.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, este programa ten por obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica e compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego (ERES), de suspensión de contratos ou de redución da xornada, así como axudar ás empresas afectadas no relativo á compensación dos custos que supoña a formación dos traballadores afectados polos ERES, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 3 recolle os requisitos esixidos ás persoas traballadoras e ás empresas para poderen ser beneficiarias das axudas que prevé este proxecto. Por exemplo, requírese que os expedientes de regulación de emprego afecten a un máximo de 300 persoas por centro de traballo.
As empresas afectadas deben ter pactado, formando parte do Plan de Acompañamento social, un plan de formación coa representación legal das persoas traballadoras ou, no seu caso, coa comisión negociadora do ERE.
Tamén regula este artigo co Plan de formación e o seu contido mínimo.

O artigo 4 especifica como se devengarán as axudas, tanto para as persoas traballadoras afectadas como para as empresas afectadas.

O prazo para a presentación das solicitudes permanecerá aberto con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio (artigo 11).

En canto ao orzamento total destas axudas, o artigo 25 fíxao en 1.200.000 euros.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, tres disposicións adicionais e unha disposición final.

O día 11 de marzo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle as seguintes consideracións non unánimes: 1 xeral manifestada pola CIG (Anexo I), unha xeral manifestada por UGT-GALICIA e a CEG (Anexo II), 1 específica manifestada por UGT-GALICIA (Anexo III) e 3 específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV).

DITAME 4/2020

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.

A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social, como claramente se manifesta nas memorias explicativa e económica.

Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.

O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.

Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.

Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL MANIFESTADA POR UGT-GALICIA E A CEG.

Considérase que esta orde debería recoller un incentivo adicional para adaptar as condicións de acceso á formación a persoas con discapacidade, para garantir o trato igualitario e o aproveitamento a todo o alumnado, como por exemplo ás persoas sordomudas.

ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA.

Artigo 6. Compatibilidade.
O apartado 2 deste precepto establece que a percepción das axudas polas persoas traballadoras afectadas polos ERES será compatible coa percepción da prestación por desemprego e con posibles complementos que a empresa acorde achegar, sempre e cando exista unha perda de poder adquisitivo para a persoa traballadora afectada.

Esta organización sindical considera que debería eliminarse o requisito relativo á perda de poder adquisitivo xa que é impreciso e de difícil cuantificación debido a que o cálculo para cada persoa traballadora é único ao terse en conta para a elaboración de cada caso non soamente os datos salariais senón tamén datos persoais. Eses datos persoais deben ser valorados á hora de conceder a axuda.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG.

Primeira.- Artigo 4. Devengo e contía da axuda.
A CEG propón que se contemple a posibilidade de que, en algúns dos programas de formación, se poida incrementar a contía aquí establecida hasta a contía prevista na orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020, atendendo ás especialidades da materia a impartir e previa autorización da Administración.

Segunda.- Artigo 4. Devengo e contía da axuda.
Respecto do previsto no apartado 2.2.b) deste artigo, a CEG considera que as materias formativas deberían obedecer aos requirimentos da empresa e que debería reflectirse dese xeito neste punto da orde.

Terceira.- Artigo 25. Crédito orzamentario.
A CEG propón que o crédito orzamentario asignado a estas axudas e que ascende a 1.200.000 euros, debería repartirse a proporcións iguais entre o programa I e o programa II.

Subsidiariamente, debería permitirse un trasbase de fondos entre estas partidas no suposto de que algunha delas se agote.

Número ditame
4